Información fitosanitaria da Estación Fitopatolóxica Areeiro

Actualización do 4 de xullo de 2025

Publicidade

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro emite o seguinte boletín de avisos fitosanitarios, baseados principalmente nas súas observacións en Rías Baixas, pero tamén polos contactos que mantén con persoas viticultoras de toda a comunidade.

Mildio
As temperaturas máximas e mínimas extremas que tivemos estes días podería pensarse que virían acompañadas de humidades relativas do aire baixas, polo menos naquelas zonas onde non se deron episodios de néboas. Así, si exceptuamos onte xoves día 3 nalgunhas localidades, polo día chegáronse a acadar rexistros de temperatura moi superiores aos 30 ºC en case todos os puntos (incluso próximos aos 39 ºC nalgunhas zonas do Condado) e estiveron por riba dos 30 ºC unha media de entre 4 a 7 horas segundo a estación e a comarca.

Pola súa banda, nestes momentos de tanta calor a humidade relativa mantívose tamén bastante alta, en xeral por riba por 60-70% salvo nalgunha estación do Condado onde se situou na contorna do 50%. Xa nas horas nocturnas, unhas temperaturas anormalmente altas, da orde dos 19ºC ou incluso máis, coincidiron con humidades superiores ao 80% e varias horas de humidade foliar, coa excepción destas ultimas dúas noites a consecuencia do aire norte.
Con estes datos, aínda que o número de horas nos que as temperaturas superaron os 30ºC foron prexudiciais para a vitalidade dos esporanxios, as condicións nocturnas si favoreceron a súa emisión, e así, no captador de esporas das filas testemuña de Areeiro recolleuse esta semana un número bastante elevado dos mesmos, e mesmo o 29 de xuño superáronse os 200/m3. De feito, novamente o luns 30 observamos novas manchas nas follas e novos acios afectados nesas plantas testemuña.

Tamén, pero xa na visita realizada entre martes e mércores ás viñas das diferentes comarcas, atopamos manchas novas nas follas de plantas abandonadas que hai en muros e bordos de predios.

Porén nas plantas tratadas de todas as zonas temos que dicir que esta semana ou ben non atopamos síntomas e os acios atopábanse en perfecto estado, situación correspondente á maioría das parcelas, ou apenas os observamos, e cando estes afectaban aos acios só implicaban a uns poucos grans, e que en xeral correspondían a acios que non foran alcanzados polos tratamentos e que se descubriron coas labores de esfolla que se están a realizar. Tamén nos predios que arrastraban algún síntoma anterior e aos que fixeramos referencia en boletíns anteriores.

Da mesma circunstancia nos informaron algunhas das persoas que nos aportan a súas apreciacións, polo que debe de ser o máis xeral. Con todo, sabemos que a uva pode verse afectada polo patóxeno ata o momento do pintado e por iso de momento é imprescindible seguir cos seguimentos, máis tendo en conta que os ciclos da enfermidade con estas condicións climatolóxicas se suceden de xeito moi rápido. Ademais, estas condicións semella que van seguir, xa que para os próximos días as previsións meteorolóxicas son de continuidade do tempo seco e en xeral solleiro e caloroso, con ventos que maioritariamente soprarán frouxos ou moderados do norte ou do nordés.

É certo que de producirse estes ventos secos non haberá tanta humidade na atmosfera, haberá menos orballo e o risco de mildio se reducirá, pero se non se producen haberá que seguir moi atentos aos orballos e a posibles néboas locais que manteñan a vexetación mollada durante certo tempo.

No caso de ter que realizar algunha intervención antimildio por ser necesaria á vista dos síntomas na parcela, os funxicidas penetrantes e os de fixación ás ceras cuticulares son produtos especialmente pensados para estes momentos, así como os funxicidas cúpricos

E SEMPRE LEMBREN QUE NON SE PODE APLICAR TRATAMENTOS CON VELOCIDADES DO VENTO SUPERIORES A 11 Km/h, e dicir, que se poden mover como moito as follas das árbores pero non haber axitación constante ou movemento de ramas. SÓ FACENDO OS TRATAMENTOS CUMPRINDO ESTA LIMITACIÓN SE PODE GARANTIR QUE O FITOSANITARIO QUEDA NA ÁREA A TRATAR E NON ACADA ZONAS QUE NON SON O OBXECTIVO, CO QUE SE PROTEXE O MEDIO AMBIENTE PERO TAMÉN A SAÚDE DA POBOACIÓN EN XERAL.

Oídio
Nas plantas testemuña da nosa viña de Areeiro sen dúbida é este patóxeno o maioritariamente presente nos acios esta semana, xa desde o propio luns 30. Tamén nas follas se incrementou a súa presenza fronte á semana anterior, pero é nos acios onde é máis destacado, probablemente favorecido pola combinación de temperaturas altas diúrnas e nocturnas máis a humidade alta e a luz filtrada a consecuencia das néboas.

Porén, nas plantas tratadas de todos os predios que visitamos non atopamos síntoma algún, nin sequera nas plantas de variedades máis sensibles. Con todo, e dado o dano indirecto que pode traer consigo un ataque mal controlado de oídio, que implicaría a rotura da pel dos grans e con iso a entrada de botrite e outras podres secundarias, non se pode descoidar a vixilancia e os tratamentos se son precisos sobre a base da presenza de síntomas.

Black rot
Polo menos nas parcelas que nós revisamos esta semana, e tamén segundo a información proporcionada por algúns dos nosos colaboradores, non houbo cambios na presenza desta enfermidade, que coa climatoloxía que temos, e a aplicación de funxicidas  que controlan tamén este fungo nas áreas/parcelas máis sensibles, non está a dar problemas esta campaña (que nós saibamos).

Avelaíñas do acio
As capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas foron moi escasas ou nulas, e de feito por destacar algo podemos mencionar unha viña do Salnés onde recollemos 10 machos. Tampouco atopamos signos ou síntomas da súa actividade. 

Cicadelidos
Nas revisións desta semana contamos algunha ninfa máis de Empoasca vitis nunha das nosas parcelas de seguimento do Salnés, pero a cifra total atopada estivo lonxe do limiar de tolerancia. Pola súa banda, nas parcelas da nosa rede das comarcas do sur da provincia xa non observamos ningunha debido á realización do primeiro tratamento insecticida fronte ao cicadelido transmisor da flavescencia dourada (Scaphoideus titanus); é certo que nas trampas e mesmo en folla observamos algún adulto, pero ninfas xa non.

Lembren que estamos no período no que hai que realizar o primeiro tratamento insecticida fronte ao transmisor da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, e que este tratamento É OBRIGATORIO na zona demarcada e recomendado nas zonas vitícolas lindeiras. segundo informa a que é a autoridade responsable do plan. Na páxina web da Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia) dentro de Sanidade Vexetal no apartado “Organismos nocivos de corentena” poden consultar as parroquias nas que é obrigado realizar estees tratamentos.

Ademais, lembren que debido á recente declaración de utilidade pública da erradicación do organismo que causa esta enfermidade, é tamén obrigatorio eliminar e destruír, canto antes, todas as plantas confirmadas como positivas e as sintomáticas e que tanto os tratamentos obrigatorios coma estas medidas de eliminación poderán ser executadas pola Xunta de forma subsidiaria, repercutindo os custos ás persoas que non o fixeran inicialmente.
Na seguinte táboa aparecen as materias activas e os formulados que están autorizados para a loita contra o insecto transmisor Scaphoideus titanus:

Notas: Os tratamentos deben dirixirse ao envés das follas non descoidando os gromos basais, onde soen refuxiarse estes insectos. Deben aplicarse preferiblemente a primeira hora, salvo no caso das piretrinas, que se degradan rapidamente coa luz solar e polo tanto deben ser aplicadas ao solpor. Fonte: Xunta de Galicia.

+
Acariose
Sen dúbida esta semana temos que destacar a aparición de síntomas e, confirmadas baixo a lupa, de poboacións moi abundantes nalgúns casos (máis de 100 eriófidos/folla) deste ácaro. Nos últimos anos a praga practicamente non fixera aparición máis que en predios concretos e practicamente sen causar problemas, pero semella que este ano non vai suceder o mesmo e, de non tomar medidas, pode verse comprometida a colleita en cantidade e calidade. De feito, non só os observamos nós en todas as comarcas que visitamos, senón tamén unha técnica colaboradora nosa nos informou da súa presenza na zona do Ulla.

No boletín anterior informaramos de que nunha parcela do Rosal da nosa rede as poboacións contadas á lupa obrigarían a aplicar un tratamento. Pois ben, a aplicación dun insecticida (deltametrin) dentro do plan de erradicación da flavescencia dourada controlou perfectamente ao ácaro, e de feito nas mostras que recollemos esta semana estaban mortos a practica totalidade dos individuos. Deste xeito, é posible  aplicar un único tratamento para controlar máis dun parasito, de xeito que se prexudica menos o medio ambiente e tamén os custes de explotación.

MACEIRA
Avelaíña
Volvemos non recoller ningún adulto na trampa da nosa finca de Areeiro, pero como sempre dicimos lembren que o mellor é ter instalada unha en cada predio particular porque as poboacións poden variar entre parcelas próximas. Ademais, continúa a aparición de novos síntomas nas mazás.

CASTIÑEIRO
Tortrícido temperá Pammene fasciana
Esta semana seguimos recollendo machos da especie na trampa de Areeiro, e tamén na de Pontecaldelas.

BUXO
Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis
O desenvolvemento das eirugas continúa, de momento sen producir danos importantes, pero cada vez hai que estar máis pendentes si é que non deron xa un tratamento debido a que, canto maior tamaño, maior voracidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información