Aviso fitosanitario de Areeiro para viña

Publicidade
Aviso fitosanitario de Areeiro para viña

Oídio, insectos vectores da flavescencia e ácaros son os principais problemas que se están a detectar nas viñas. Recoméndase tamén atención ó mildio tras as choivas destes días. Resumimos a continuación o último aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra.

Estado fenolóxico: L (acio pechado)
A climatoloxía solleira, cálida e maioritariamente seca das últimas semanas seguiu a favorecer o bo desenvolvemento das uvas, de xeito que na última revisión que fixo Areeiro, realizada entre martes 15 e mércores 16, observouse como algúns acios de variedades tintas comezaban o pintado.

Mildio
Segundo as revisións dos días 15 e 16, o estado dos acios segue a ser óptimo no referente a este patóxeno nas plantas sometidas a tratamento, incluso naquelas de predios onde se observaran síntomas con anterioridade, pois estes non avanzaran, do mesmo xeito que sucedera a semana precedente. A nivel das follas, tampouco se atoparon novas manchas nos gromos novos, nin sequera nas plantas abandonadas sensibles.

Porén, é certo que estes últimos días o captador de esporas situado na parcela testemuña de Areeiro, que non se trata para ver a evolución natural do parasito, recolleu un número elevado de esporanxios, moi superior ao da semana anterior.

Con todo, as precipitacións iniciadas hoxe, cos acios aínda sen entrar no pintado e os esporanxios no ambiente, é de esperar que tamén produzan novas infeccións ou activen as que agora están de xeito máis ou menos latente ou controlado, e poderán aparecer novos síntomas ou zonas de avance nos antigos, o que implicaría reducións de colleita nunha compaña na que ata o momento se presume que sexa moi boa e sa. Por estes motivos, é aconsellable extremar a vixilancia, facendo revisións continuas aos viñedos para poder actuar en caso de que se observe que
a enfermidade poida continuar progresando.

Para un potencial tratamento que deban realizar, a estas alturas da campaña elixan xa funxicidas cúpricos, tendo en conta que, en xeral, o hidróxido de cobre ten unha acción rápida e bastante longa, o oxicloruro vai liberando os ións de cobre máis lentamente polo que a súa acción non é tan inmediata pero si é longa e o sulfato ten unha acción rápida e quizais máis curta.

20250708_Excelente_estado_sanitario_acios

Oídio
Nas revisións desta semana observáronse novos síntomas de oídio en varios predios, aínda que é certo que, nas plantas tratadas, en xeral só en folla e nos acios “rebuscos”. Nas plantas testemuña, si se viron tamén nos acios, nas partes que o mildio non tiña xa afectadas.

O avance da enfermidade nos próximos días dependerá da súa presencia actual e loxicamente das condicións climatolóxicas. Como sabemos, as condicións de luminosidade reducida derivada de néboas e/ou nubes favorece ao patóxeno e as choivas intensas o prexudican no sentido de que poden lavalo ao ser un fungo ectoparasito.

Polo tanto, tamén no caso desta enfermidade haberá que facer revisións continuas ás viñas para detectar si aparecen novos síntomas e, en caso afirmativo, tratar, pois de todos é coñecido que unha infección mal controlada deste fungo pode provocar a rotura da pel dos grans e favorecer os ataques de botrite e outras podres secundarias.

Cicadelidos
Estamos xa dentro do período do segundo tratamento OBRIGATORIO na zona demarcada e RECOMENDADO nas zonas vitícolas lindeiras, decretado pola Xunta de Galicia dentro do plan de control e erradicación da flavescencia dourada da nosa comunidade autónoma.

Na web da Consellería do Medio Rural, en Sanidade Vexetal e no apartado “Organismos nocivos de corentena”, poden consultar as parroquias das zonas infestada e tampón. As materias activas e os formulados que están autorizados para a loita contra o insecto transmisor ‘Scaphoideus titanusson’ as recollidas nesta táboa:

Os tratamentos deben dirixirse ao envés das follas non descoidando os gromos basais, onde soen refuxiarse estes insectos. Deben aplicarse preferiblemente a primeira hora, salvo no caso das piretrinas, que se degradan rapidamente coa luz solar e polo tanto deben ser aplicadas ao solpor.

Os tratamentos insecticidas son imprescindibles pero tamén o é eliminar e destruír, canto antes, todas as plantas confirmadas como positivas e as sintomáticas. Lembren ademais que tanto os tratamentos obrigatorios coma estas medidas de eliminación poderán ser executadas pola Xunta de forma subsidiaria, repercutindo os custos ás persoas que non o fixeran inicialmente.

Acariose
Continúanse observando síntomas deste ácaro nalgúns predios. Nunha fase máis inicial do ataque e a certa distancia os seu síntomas poden ser confundidos cos de trips ou con algunhas viroses, pero observando o envés á lupa confírmase que se trata deste pequeno ácaro que é invisible ao ollo humano, pois apenas mide 0,15-0,16 mm de lonxitude. Lembramos sobre todo para a zona sur da provincia de Pontevedra que a maioría dos insecticidas rexistrados para o control de ‘Scaphoideus titanus’ frean moi ben estes ácaros, así coma o xofre.

Outras incidencias
Continúan aparecendo plantas afectadas por patóxenos de madeira que manifestan síntomas pola climatoloxía extrema que tivemos. Estas plantas hai que marcalas para ver como evolucionan e actuar en función diso, ou ben eliminalas se están moi afectadas para evitar que sexan fontes de contaminación para o resto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información