Influencia sobre o sector do viño de varias reformas lexislativas inminentes a nivel europeo

O Plan Europeo de Loita contra o Cancro, a revisión das políticas de calidade e promoción dos produtos agroalimentarios, a reforma do Regulamento dos distintivos de calidade e a etiquetaxe nutricional obrigatoria supoñen unha serie de ameazas para os produtores vitivinícolas. Analizamos en que estado se atopan estes cambios normativos e o seu posible impacto

Publicidade

A Comisión Europea avanza en cambios normativos en distintos ámbitos, desde o agrícola ao ambiental ou o da saúde pública, que poderían ter unha incidencia negativa no consumo de viño na sociedade europea e, por tanto, prexudicar ao sector produtor e transformador. Un recente webinar organizado pola Asemblea de Rexións Europeas Vitícolas analizou estas posibles ameazas.

“Son moitos os expedientes lexislativos que nos próximos meses verán a luz e que terán impacto no sector: o Plan Europeo de Loita contra o Cancro, a revisión das políticas de calidade e promoción dos produtos agroalimentarios, a reforma do Regulamento das Indicacións Xeográficas e a lexislación sobre etiquetaxe nutricional (Front-of-pack)”, enumera a AREV, unha asociación formada por 50 rexións produtoras de viño en Europa, entre elas Galicia,

“A AREV está a favor dun debate equilibrado baseado en feitos científicos. O consumidor debe ser informado a través de estudos científicos e non debe ser condicionado por alarmismos e prohibicións ideolóxicas”, defende a entidade con sede en Bruxelas e presidida na actualidade, en quendas rotatorias de dous anos, polo presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García- Page.

Plan Europeo contra o Cancro

Challenge2017-158_cata

A UE está neste momento en proceso de elaboración do Plan Europeo de Loita contra o Cancro, un proxecto normativo que podería afectar de forma directa ao sector do viño. “O cancro é unha preocupación sanitaria de primeira orde na UE e a relación entre consumo de alcol e cancro está claramente establecida. O consumo de alcol ten incidencia no cancro de garganta e noutro tipo de cancros e hai que sensibilizar á xente sobre ese risco”, defende John-F. Ryan, director xeral de Saúde Pública da Comisión Europea..

Segundo os datos da Organización Mundial da Saúde de 2018, baseados en diagnósticos médicos de causas de falecemento, 92.000 persoas terían morto durante ese ano na UE por cancros debidos a consumo de alcol. “Non son cifras menores, pero a xente non relaciona consumo de alcol e cancro, coma si fai co tabaco. A sensibilización é baixa neste momento e o obxectivo da Comisión é lograr a redución do 10% do consumo de alcol en 2025, en sintonía cos obxectivos da OMS”, detalla.

Segundo a OMS o 4% dos cancros en Europa débense ao consumo de alcol, cunha incidencia maior en homes

Dentro deste proceso normativo, o Parlamento Europeo votou en sesión plenaria o pasado 15 de febreiro o informe da Comisión Especial de Loita contra o Cancro (Beating Cancer, BECA), no que se identifica o consumo de alcol como un factor de risco de sufrir esta enfermidade.

Este informe especifica que en Europa estímase que o 10% de todos os casos de cancro nos homes e o 3% de todos os casos de cancro nas mulleres son atribuíbles ao consumo de alcol e lembra que o consumo de alcol é un factor de risco para moitos tipos de cancro, como o da cavidade oral, a faringe, a larinxe, o esófago, o fígado, o colorrectal e o de mama feminino.

Consumo moderado vs consumo excesivo

Pero a presión de deputados de distintos países e de diferentes familias políticas logrou introducir no texto do informe BECA finalmente aprobado no Parlamento o pasado 15 de febreiro unha diferenciación entre consumo moderado e excesivo ou nocivo de alcol.

O Plan da UE para loitar contra o cancro centrarase no consumo abusivo, aínda que a demonización do viño e outras bebidas alcólicas podería ter consecuencias sobre o consumo en xeral

“Suprimíronse algúns aspectos que demonizaban o consumo de viño. Grazas a esta modificación, o Plan da UE para loitar contra o cancro centrarase no consumo abusivo”, explica Irène Tolleret, eurodeputada francesa e copresidenta do Intergrupo Parlamentario sobre Viños, Licores e Alimentos de Calidade no Europarlamento.

Efectos antioxidantes beneficiosos do viño

Segundo a Comisión Europea, 4 de cada 10 casos de cancro son evitables, aínda que só unha parte serían achacables ao consumo de alcol (4%) fronte a factores como o tabaquismo (30%) ou a obesidade (20%), cunha contribución maior á incidencia global do cancro.

“O cancro é unha enfermidade multifactorial, na que participan a predisposición xenética, factores ambientais, o tabaquismo, os hábitos alimentarios, o estilo de vida e tamén a frecuencia e modo de consumo de bebidas alcólicas. Os consumidores excesivos teñen un risco maior de padecer cancro, do mesmo xeito que para os fumadores o alcol multiplica os riscos, ou o consumo de alcol mesturado con carnes vermellas”, admite Pierre-Louis Teissedre, presidente da Comisión de Seguridade e Saúde da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV), quen sen embargo asegura que “o viño é un produto especial porque ten alcol pero ten tamén defensas antioxidantes”.

O compoñente fenólico do viño ten un efecto beneficioso sobre a saúde e as enfermidades crónicas. O viño hai que consideralo un aliado se o seu consumo é moderado e está ligado á alimentación

“O viño hai que consideralo un aliado da nosa saúde se está ligado á alimentación e a un consumo moderado. Quen bebe viño tinto nas comidas (21 vasos de viño á semana, 3 ao día) non teñen un maior risco de sufrir cancro, cun efecto positivo ademais sobre enfermidades dexenerativas e cardiovasculares. Por iso deberían facerse recomendacións diferenciadas para o consumo de viño e as demais bebidas alcohólicas”, defende.

Regulamento de Promoción de Produtos Agrícolas

produtos galegos agacal 3Regulamento (UE) nº 1144/2014 sobre accións de información e promoción relativas a produtos agrícolas no mercado interior e en terceiros países establece na actualidade axudas para accións de sensibilización dos consumidores no mercado interior da UE. Produtos como o viño beneficiábanse ata o de agora destas accións de promoción. Mais isto podería variar.

“Nestes momentos está en revisión a política de promoción dos produtos agroalimentarios. A sensibilización dos consumidores debe ter en conta as políticas da UE para promover dietas sas, menos carne procesada e unha redución no consumo de alcol. Estas políticas están en revisión en sintonía coa Estratexia Da granxa ao garfo e a Comisión fará unha proposta lexislativa no segundo trimestre de 2022”, avanza John-F. Ryan.

A Comisión pretende que produtos como a carne ou o viño saian do Regulamento de Promoción Agrícola para centrarse en potenciar os produtos ecolóxicos

O sector do viño teme a súa exclusión do novo Regulamento de Promoción de produtos agrícolas e desde as rexións produtoras presiónase para que non sexa así. “A discriminación da carne e o alcol nas campañas de promoción é algo que nos preocupa, porque sería renunciar ao crecemento destes sectores. Vai haber moitas tensións e desde o Intergrupo do Viño pedimos sensibilidade á Comisión. O viño forma parte da nosa cultura europea e pretender un consumo cero de alcol é un ataque á cultura europea. As que se levan a cabo na actualidade son campañas de promoción de consumo moderado que evitan o consumo excesivo”, argumenta Irène Tolleret.

Etiquetaxe frontal obrigatoria

nutriscore-

Unha nova regulamentación que se aveciña no ámbito da UE con incidencia directa sobre o sector do viño é a que ten que ver coa etiquetaxe frontal obrigatoria de produtos de alimentación. “A Comisión propón poñer etiquetas nos produtos alcólicos para finais de 2023”, anuncia o director xeral de Saúde Pública da Comisión Europea.

“A Comisión está a preparar unha proposta de etiquetaxe nutricional, que implicará tamén o marcado das bebidas alcólicas, xa que é necesario harmonizar a etiquetaxe das bebidas alcólicas coa etiquetaxe doutros produtos alimenticios. A etiquetaxe frontal recoñécese como unha ferramenta para o control de problemas de obesidade, cancro e enfermidades cardiovasculares”, argumenta.

A etiquetaxe frontal que se anuncia para todos os produtos alimentarios para 2023 estenderase tamén aos produtos alcólicos

Pero a adopción desta etiquetaxe frontal obrigatoria non está exenta de controversia. Sistemas de marcado como o Nutri-score dividen aos produtores debido á cualificación que obterían produtos como o viño, os queixos ou a carne.

“Están a avaliarse distintas posibilidades dentro da Directiva de información aos consumidores, sobre a que se traballará este ano, sobre como se etiquetarán os produtos, sobre valor enerxético e ingredientes; non temos unha decisión final tomada, estamos a avaliar distintas posibilidades. Temos que ter en conta as consecuencias sobre algúns produtos e algunhas zonas concretas onde se producen”, admite John-F. Ryan.

O sistema Nutri-score propón poñer unha letra F en negro ao viño

“É oportuno aprobar unha etiquetaxe frontal obrigatoria única para todos os países da UE pero debemos buscar aquela que sexa máis adecuada, que non penalice uns produtos e beneficie a outros. Os algoritmos do Nutri-score a min non me gustan”, insiste a eudiputada socialista Clara Aguilera.

O Nutri-score propón poñer unha letra F en negro ao viño, polo que a súa compañeira no Intergrupo do Viño, a eurodeputada francesa Irène Tolleret, advirte: “a introdución do aviso nas etiquetas podería ter un impacto moi negativo sobre o sector”. “Esperamos unha proposta da Comisión en 2023, pero consideramos que a información máis importante no caso do viño é o grao alcólico e os sulfitos, máis aló da información nutricional”, argumenta.

Cambios no Regulamento das IXP e DOP

produtos galegos agacal 1

Outra normativa comunitaria que está en revisión nestes momentos é a relativa aos distintivos de calidade diferenciada a nivel europeo. Espérase que nas próximas semanas (durante o mes de marzo ou abril) a Comisión faga pública a súa proposta para a reforma do actual Regulamento (CE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, que inclúe as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP), as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e as Especialidades Tradicionais Garantidas (ETG).

A través dunha carta aberta asinada pola Asemblea de Rexións Europeas Vitícolas (AREV), xunto á Asociación de Rexións Europeas de Produtos de Orixe (AREPO), ambas organizacións mostraron recentemente a súa preocupación pola aparente dirección que está a tomar a próxima reforma da política das Indicacións Xeográficas (IX), en canto á posible derivación da xestión dos pregos de condicións á Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea (EUIPO).

As entidades asinantes solicitaron á Comisión Europea, e máis directamente á Dirección Xeral de Agricultura (DG AGRI), que siga participando na xestión da política das IXP e DOP para que estas se manteñan no ámbito agrícola ou agroalimentario, polo transfondo que conlevan, máis aló de tratarse dunha marca, nome ou signo.

Redución de pesticidas, PAC e cambio climático

bcs viñedo estandar

O sector do viño saíu gañando na reforma da PAC para o período 2023-2027, considera Irène Tolleret. “Temos unha boa PAC e evitamos o risco que había para as plantacións”, asegura a eurodeputada francesa e copresidenta do Intergrupo Parlamentario sobre Viños, Licores e Alimentos de Calidade no Europarlamento.

Con todo, os produtores de viño europeos terán que modificar a forma de producir nos próximos anos para adoptar prácticas máis respectuosas co medio ambiente e que maximicen a captura de carbono. “O sector vitivinícola terá que aumentar a súa resiliencia aos inconvintes climatolóxicos derivados do cambio climático con novas técnicas agronómicas e novas variedades. O cambio climático implica que temos que ser o máis pragmáticos posible”, defende Tolleret.

O problema pode estar en que se obrigue a unha redución de produtos fitosanitarios sen alternativa

Ademais, dentro do marco da PAC e da Estratexia Da granxa ao garfo, a UE avanza cara a unha nova regulación sobre o uso de pesticidas. “A sociedade demanda unha redución dos pesticidas que causan maiores afectacións sobre o medio ambiente. A produción vitivinícola pode verse afectada por estes cambios normativos. O problema pode estar en que se obrigue a unha redución de produtos fitosanitarios sen alternativa”, engade Clara Aguilera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información