De parar prácticamente a produción de queixos polo peche das canles de comercialización a disparar a actividade máis dun 30%. A crise provocada polo coronavirus está a repercutir de forma moi desigual nas queixerías galegas, segundo a canle de comercialización coa que traballen.
Así, as que elaboran queixo máis “gourmet” e o distribúen a través de tendas especializadas, restauración ou exportación están a verse moi castigadas polo peche da hostelería e a “economía de guerra” que están a realizar as familias, que priorizan a compra de alimentos básicos. Pola contra, as que venden principalmente a través de cadeas de distribución como supermercados e elaboran queixo cun menor prezo de venda ao público dispararon a súa actividade na última semana, aínda que coa incógnica de se esta foi unha suba puntual motivada polas compras masivas da primeira semana de confinamento.
QUEIZUAR: “Aumentamos a fabricación en máis dun 30%”
Benigno Pereira é propietario de QUEIZUAR, unha queixería de Touro (A Coruña), con marcas como “Bama” ou “Punteiro”, este último elaborado para a cadea de supermercados MERCADONA.
“Nestas últimas dúas semanas rexistramos un incremento das vendas de algo máis do 30%, o que nos obrigou incluso a traballar no día de San Xosé e mesmo tivemos que pospoñer algunha entrega para que o queixo cumprise cos días de maduración que establece o Consello Regulador”, asegura.
En canto aos provedores, afirma que a provisión de leite está asegurado, neste caso de ganderías da cooperativa Pico Sacro. “O único problema que tivemos foi nos equipamentos de protección, como desinfectantes, mascarillas, luvas…etc. De momento temos stock para unha semana e esperamos que se vaia normalizando o suministro”, recoñece Benigno Pereira.
Por último, destaca que “afinamos todos os protocolos para protexer ao máximo a saúde dos traballadores e evitar que haxa contaxios de coronavirus”.
Queixería Prestes: “As exportacións de queixo están prácticamente paradas”
Queixería Prestes, situada en Vilalba (Lugo), destina case o 50% da súa produción á exportación a outros países, fundamentalmente do seu queixo da DOP. San Simón da Costa. “As vendas ao exterior, onde temos un mercado importante en países como Estados Unidos ou o Reino Uniodo están paradas e os pedidos cancelados. O mesmo se pode dicir do que se comercializaba a través de tendas especializadas e de pequenos distribuidores que traballaban sobre todo con bares e restaurantes”, afirma Maikel Fernández Cuba, propietario da queixería xunto á súa irmá Adela.
O peche do mercado exterior e tamén da hostalaría de Madrid ou Barcelona estano a compensar en parte co incremento das vendas a través de supermercados e hipermercados. “Como temos diversificadas as nosas canles de comercialización seguimos traballando pero baixamos a produción, porque a suba das vendas nas cadeas de distribución non compensa o que perdemos nas outras canles”, recoñece.
Cortes de Muar: “Paráronse as vendas porque dependemos moito da restauración”
No caso da queixería artesá Cortes de Muar (Silleda-Pontevedra) a crise do coronavirus chegou a paralizar as súas vendas, xa que éstas estaban centradas sobre todo na hostalaría, que permanece pechada tralo decreto de estado de alarma.
“No noso caso deixamos de ter pedidos porque dependemos moito da restauración e nas pequenas tendas especializadas tampouco venden moito, xa que houbo unha febre de ir mercar só ao supermercado, cando estes establecementos están igual ou mellor surtidos”, lamenta Germán García, un dos propietarios desta queixería.
En canto ás exportacións, que para Cortes de Muar representa arredor do 15% das súas vendas, tamén se resentiron pola crise do coronavirus pero tamén por outros factores. “Os aranceis de Trump xa nos levan pasando factura nas nosas vendas en Estados Unidos e do Reino Unido tamén pararon os pedidos”, engade.
En todo caso, en Cortes de Muar son optimistas de cara ao futuro e neste momento están aproveitando para repoñer o stock da súa cava, tras un mes de febreiro especialmente positivo en vendas. “Os nosos queixos son para un cliente con máis poder económico e cremos que cando se normalice a situación vanse disparar as vendas. Iso si, temos que darlle unha volta ás nosas canles de comercialización, porque ás tendas tradicionais non especializadas esta situación estalles a afectar moi negativamente”, conclúe.
TGT: “Aumentamos a fabricación pero o peche da canle HORECA estanos afectando”
David González, director das plantas do Grupo TGT en Galicia -as antigas queixerías Lácteos Pérez Olveira en Mazaricos e Ruta Xacobea en O Pino- recoñece que “de momento os pedidos de clientes aumentaron con respecto ás previsións que tiñamos fixadas para estas datas”.
En todo caso, recoñece que se ben “o incremento da demanda por parte de clientes de retail -supermercados- viuse incrementada exponencialmente; tamén é certo que o peche do Canal Horeca suporá que a demanda dos artigos/volumes caia”.
Pazo de Anzuxao: “Nós facemos venda directa a domicilio e non notamos cambios”
Javier Sampayo Menéndez, propietario da queixería “Pazo de Anzuxao”, en Lalín (Pontevedra) asegura que “nós seguimos na mesma liña de vendas, xa que comercializamos directamente ao consumidor a través dunha flota de furgonetas que reparten polas aldeas e polas cidades de Galicia”.
Onde si realizaron cambios foi extremando as medidas de hixiene para evitar o contaxio do coronavirus. “No que é o reparto si que reforzamos as medidas, empregando xeles hidroalcohólicos e luvas e respetando as distancias de seguridade cos clientes e, por suposto, nunca deixamos tocar os queixos”.