A ‘influencer’ gandeira que abre fiestras ó rural

Lucía Casal publica a rutina da súa gandería nas redes sociais e iso levouna a ter numerosos seguidores, ós que transmite o seu orgullo polo agro

As redes sociais son un escaparate que serven para dar visibilidade á realidade das persoas e, por suposto, tamén ás que viven no rural. Con este obxectivo, a gandeira melidense Lucía Casal comezou a facer as súas publicacións cos seus animais e co paso do tempo foi acadando máis seguidores nos seus perfís de Instagram e TikTok.

Dende sempre tivo claro que quería ser gandeira porque quería seguir co legado de seu avó, ao cal non coñeceu pero “sempre escoitei falar da súa paixón polo campo”. Estudou o Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, en Arzúa, e logo fixo o superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, na EFA Fonteboa.

Deu o paso de poñerse á fronte da gandería familiar Casal Vázquez SC (localizada en O Carballal, Melide), na cea de Nadal do pasado ano: “Díxenlle a meu pai que necesitabamos mellorar a gandería e que eu me quería meter de socia con el, pero, por temas burocráticos, convertinme na súa xefa”, describe a moza gandeira. Así, dende febreiro deste 2024 xa dirixe a súa gandería: “É un xeito de darlle as grazas aos nosos antepasados, que con poucos recursos apostaron polo rural e nós, con todas as modernidades, podemos mantelo de maneira sostible e facer que teña futuro”.

Proxectos de futuro
A granxa familiar, inscrita en Ternera Gallega Suprema, conta na actualidade cuns 35 animais en extensivo. A gandeira márcase facer un proxecto máis grande, pero está a espera da incorporación para poñer a andar os seus proxectos. Un deles é montar un destete para 500 xatos, para o que precisou mercar unha finca a uns 8 quilómetros da gandería actual. “Estou a un quilómetro do casco urbano, pásame o Camiño de Santiago, teño liñas de alta tensión, ríos e de todo, e iso limita a posibilidade de ampliar”, recalca a gandeira.

As redes sociais serven de escaparate para quitar prexuízos que hai sobre o campo

Outro dos obxectivos, pero a longo prazo, é chegar a uns 70 animais na granxa familiar, pero a falta de terreo é unha traba. Polo momento, indica que aumentará unhas cinco reses. Tampouco descarta nun futuro substituír todos os animais por razas autóctonas.

A chegada das redes sociais
Creou a súa conta de Instagram cando tiña uns 13 anos e xa daquelas subía contido cos seus animais. Co paso dos anos o número de seguidores foi subindo ata os máis de 19.000 que ten na actualidade en cada un dos perfís. “Nunca pensei chegar a ter unha comunidade tan grande, pero cando gañei o Premio Nacional de Juventud 2023 foi un boom porque empecei a facer entrevistas nos medios televisivos e prensa escrita”, rememora a moza. Os seguidores aumentaban e xa empezaban a pedir máis contido, o que lle permitía tamén saber o que lles gustaba e ter ideas para os vídeos.

Co fin de manter o seguemento, adáptase ao que lle van pedindo os seus dous grandes perfís: xente do urbano ou persoas moi rurais. “Son dous roles moi distanciados”. Tamén se adapta as estatísticas que lle indican que máis do 60 % das persoas que a seguen son de fóra de Galicia, de xeito que “falo en castelán nos vídeos, aínda que falo galego todos os días, porque se os fago en galego pídenme logo en comentarios que os traduza”.

vacas lucia casal d

A súa forma de traballo neste sentido é sinxela: Grava unha rutina e edítaa en modo rápido para publicala. “A finalidade é demostrar que as mulleres tamén facemos tarefas de campo, subimos aos tractores e partimos leña”.

Casal considera que actualmente as redes sociais son un medio para anunciarse moi bo e que serven de escaparate para quitar prexuízos que hai sobre o campo, coma o maltrato animal. “Eu intento demostrar que nas granxas os animais viven coma dioses porque debemos cumprir coas normativas de benestar animal e tamén nos compensa que estean ben coidados”.

A maiores, fai promoción do turismo rural xa que grava contido sobre o Camiño de Santiago ou resposta a persoas interesadas por visitar o rural. “Move moito dar a coñecer como é o campo e esperta o interese desas persoas que buscan experiencias distintas”, puntualiza.

Lucía pasou de sufrir bullying no colexio por ser do campo a transmitir o orgullo pola súa gandería nas redes sociais

Tamén recalca que no rural non lle cerran portas a ninguén. “Hai moita xente que di que se non naces entre vacas non te podes dedicar a isto, e eu non estou de acordo”. Considera que no rural ten as portas abertas todo o mundo. “Hai xente que terá que empezar con dúas vacas e levaralle máis tempo, pero non por ser da cidade se ten que quedar na cidade e viceversa”.

Ser do campo é malo?
As redes sociais teñen un lado negativo, que en moitas ocasións non se percibe. Lucía Casal xa sufriu os haters cando estudaba e lle facían bullying por ser do campo. Pero ante isto, colleu forzas para seguir defendendo o que consideraba o seu medio de vida. “Ser do campo non é nada malo, aínda que esa xente quería facer ver que si”.

A súa inocencia levouna a contarlle aos seus pais diariamente os comentarios que lle dicían, pero eles quitábanlle importancia e animábana a seguir apostando polo rural. “Co paso dos anos íame dando de conta de que non lle facía dano a ninguén”. Aínda con este pensamento positivo, recalca a necesidade de ter valor para seguir loitando polos soños.

Do bullying pasou aos haters das redes sociais. O feito de facerse as uñas ou de traballar nun bar para gañar diñeiro mentres non se incorporaba á gandería ou a sexualización da muller no campo foron algúns dos motivos para espertar as “malas linguas”. “Necesitamos traballar moito neste sentido para cambiar algunhas situacións, xa que se critica sen xeito”, reclama.

Unha xornada en Gandería Casal Vázquez

lucia casal tiktoker melide
Levántome sobre as 8 todos os días. Achegámonos ás instalacións que temos preto da casa porque, durante o inverno, temos as vacas pola noite dentro ante as xeadas. O primeiro que facemos é botar os xatos a mamar. Mentres maman, dámoslle ás vacas silo de millo e cando rematan dámoslle herba seca. Logo, meu pai máis eu imos almorzar e xa vou ata a outra nave onde están as vacas fóra todo o ano.

Doulle de comer aos becerros, bótolles penso e bótolle de comer ás vacas. Miro que todo estea ben. Voltamos para a casa sobre as 11 da mañá e xa botamos todos os animais que temos na casa. Cando van para as fincas que lle corresponden, limpamos a cuadra e tamén acondicionamos a zona dos becerros para cebar.

A mediodía comemos con miña nai, que vén de traballar na súa tenda, e pola tarde rematamos algunhas tarefas que nos quedasen pendentes. Botámoslle de comer antes de ir buscalas.

Hai uns días á semana que vou montar a cabalo e ou ben fago as tarefas máis tarde ou xa se encarga meu pai de todo.

Todo isto, vai combinado coa edición e gravación dos vídeos. Os vídeos grávoos mentres traballo e logo pola noite fágolle a edición necesaria e súboos.

  • Lucia Casal interviu recentemente nunha xornada sobre Comunicación Rural, onde a gravamos, que estaba organizada polo Mercado da Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información