A sinatura do groso dos contratos para a compra do leite de agosto ás granxas galegas arrincou este martes con continuidade no prezo e unha duración de catro meses na maior parte dos casos, o que permite ás industrias garantirse o subministro até novembro sen vérense obrigadas a ter que subir os prezos nos meses do outono, unha época na que habitualmente a demanda tira.
A volta ao cole incentiva a partir de setembro o consumo nos fogares e o leite spot en cisternas acostuma repuntar de prezo a medida que as necesidades de materia prima das empresas transformadoras aumentan.
As empresas optan por garantirse o subministro para os vindeiros meses sen ter que subir prezos en outubro e novembro
Por iso as industrias lácteas preferiron amarrar a compra de leite nas granxas até novembro, máis aínda tendo en conta a ameaza que supón a EHE para a produción nos vindeiros meses. A falta de leite en plena renovación de contratos en outono podería desencadear unha guerra de prezos entre empresas na procura de leite, algo que as industrias queren evitar a toda costa.
Foi o que aconteceu no 2022 cando o prezo do leite acabou tocando teito por enriba dos 60 céntimos. Por iso a estratexia das empresas desta volta consistiu en alongar os contratos actuais, tras ameazar nas ofertas presentadas o mes pasado con baixadas de dous céntimos, unha forma de preparación do terreo á hora de negociar que parece funcionarlles.
Galicia é, hoxe por hoxe, imprescindible para a maioría das industrias lácteas que operan en España
Galicia é, hoxe por hoxe, imprescindible para que a maioría de industrias que operan en España poidan garantir o seu subministro. É a única comunidade onde está a medrar a produción, compensando as mermas de Castela e León, Asturias ou Cataluña.
Iso fai que o seu peso se incremente, pero non está a ser suficiente para que o diferencial negativo de prezo a respecto destas outras zonas se corrixa, tal como pretende a Xunta. Por exemplo, os contratos asinados en Castela e León sitúanse para os vindeiros meses no entorno dos 48 céntimos, cando os de Galicia quedarán arredor dos 45.
Larsa e Entrepinares, na parte alta
A cadea de supermercados Mercadona segue gañando cota de mercado, tanto en brick de marca Hacendado como en queixo ou iogures, até acaparar xa a cadea valenciá máis do 40% das vendas totais de produtos lácteos en España.
As industrias que subministran a Mercadona manteñen prezos
O efecto Mercadona está a servir para situar os prezos en orixe dos seus principais proveedores entre os máis altos neste momento. Entrepinares, por exemplo, que fai queixo en Vilalba para a cadea de Joan Roig, está a asinar por 4 meses a 46 céntimos.
Na parte alta queda tamén Larsa, que comezou ese ano a envasar leite Hacendado en Outeiro de Rei e que pagará a 42 de base máis primas por calidade hixiénico-sanitaria (até 1,5 céntimos) e volume de entregas, polo que as granxas máis grandes chegarán aos 47 céntimos.
Naturleite tería que volver renovar contratos o 1 de novembro
No caso de Naturleite, que tamén envasa en Meira leite para Mercadona, o prezo base é de 44 céntimos, máis 1 céntimo por dobre AA, 0,5 por benestar animal e 0,5 por compromiso gandeiro na redución de antibióticos. A empresa pertencente á cooperativa andaluza COVAP renovou un mes antes, xa que asinou contratos o 1 de xullo que vencen o 31 de outubro.
Estabilidade até a primavera en Lactalis
O contrato de Lactalis, primeiro comprador de materia prima nas granxas galegas, alóngase até o 31 de marzo, dando estabilidade aos prezos do leite até a primavera e marcando a tendencia para o resto de empresas cando renoven contratos en novembro.
Lactalis baixa un céntimo en agosto e setembro e recupérao de outubro a marzo
A multinacional francesa propiedade da familia Besnier baixará un céntimo en agosto e setembro (pagará a 40 de base máis primas (1 céntimo de dobre AA, 1 de benestar e até 3 de volumen) e recuperarao despois de outubro a marzo, nos que o prezo base será de 41 céntimos, polo que a baixada global no conxunto dos 8 meses de contrato será de 0,25 céntimos.
Cisternas a 38 céntimos para Inleit
Inleit mantén o prezo ás súas granxas nos 40 céntimos logo de asinar un contrato por só dous meses a ese prezo para xullo e agosto, ao que habería que engadir 1 céntimo pola dobre AA (0,5 por baixar das 230.000 células e 0,5 por ter menos de 30.000 xermes) e 0,1 céntimos por cada 10.000 litros entregados ao mes por enriba dos 45.000.
Reny Picot tamén repite prezos a 40 céntimos de base máis 0,6 de dobre AA e até 3 por volume
Con todo, unha parte importante do leite que transforma a planta de Teixeiro procede de excedentes doutras industrias e cooperativas. O prezo deste leite en cisternas sitúase por baixo dos 40 céntimos, chegando mesmo aos 38 céntimos os domingos, cando hai menos opcións onde colocalo.
Diferenzas de até 5 céntimos entre unhas explotacións e outras, algo inusual no resto de comunidades
Os prezos do leite en Galicia caracterízanse, ademais de polo diferencial negativo a respecto doutras comunidades, por unha maior desigualdade entre ganderías e unha maior variabilidade entre industrias. As empresas castigan sobre todo ás granxas pequenas, aplicando na maioría dos casos primas por volume e negociando prezos á carta en determinadas ocasións, con extras por fidelización, para as granxas máis grandes.
As diferenzas de 4 e 5 céntimos nos contratos entre explotacións galegas non se ven en comunidades como Castela e León ou Cataluña, segunda e terceira produtoras de leite españolas, onde os prezos son moito máis uniformes e os gandeiros cobran prácticamente todos o mesmo, con leves diferenzas de medio céntimo ou un céntimo como moito.
Tradicionalmente Galicia renovaba contratos un mes antes que o resto, servindo de guía, pero desta volta o resto de comunidades renovaron xa en xullo, con prezos no entorno dos 48 céntimos en Castela e León e os 47 en Cataluña.
Galicia pasou de renovar contratos un mes antes que Castela e León e Cataluña a facelo un mes despois
A situación de mercado nestas dúas comunidades difire do que acontece en Galicia, que vive unha reconversión do sector con aumento do tamaño das granxas e incremento de produción, algo que non acontece por exemplo en Castela e León, segunda rexión produtora española, onde as granxas xa medraron fai anos e se están a producir peches mesmo de granxas grandes entre os 690 gandeiros con entregas que quedan.
As provincias de León, Zamora e Palencia seguen a ser as que teñen máis produción de leite, mentres que Ávila, que tiña gandeiros máis pequenos, é onde máis peches se están a producir, e en Salamanca e Valladolid son casos contados as explotacións leiteiras existentes. Coa suba dos prezos do leite de finais de 2022 e o ano 2023 aprazáronse algúns peches de granxas sen relevo, pero coa baixada de prezos deste ano estanse de novo acelerando.
En Castela e León non só están a pechar granxas pequenas, senón tamén algunha grande sen relevo
Ademais do gando, a maioría de explotacións contan con produción agrícola de cereais asociada, polo que moitos gandeiros de 60 anos sen relevo deciden non meterse a investimentos para adaptar a súas instalacións ás novas normativas e optan por venden as vacas aproveitando que teñen bo prezo neste momento e tirar até a xubilación coa agricultura.
Lactiber (participada ao 50% por COVAP e Iparlat e con planta en León) e Entrepinares (orixinaria de Valladolid) son as dúas industrias que máis leite recollen na comunidade. Lactalis reduciu rutas e baixou á recollida tras pechar a súa planta de Valladolid e na actualidade o leite que da zona de Ávila trasládao á fábrica de queixos Forlasa de Villarrobledo (Albacete), mentres que o da zona de León e Zamora é transformado na planta de queixo fresco zamorana, cunha menor capacidade de produción.
Os gandeiros en Castela pelexarán por recuperar no outono a baixada de medio céntimo, mentres en Galicia as industrias encaran os meses bos de outubro e novembro cos prezos xa pechados
En canto aos prezos, a maioría de industrias fixeron lixeiras baixadas de arredor de medio céntimo nos contratos asinados en xullo: Entrepinares baixou 0,6 céntimos e queda a 47, Leche Celta baixou medio céntimo, Pascual repetiu prezo pero adiantara a baixada en xuño cun céntimo, mentres que Lactiber repetiu a 48.
Os contratos vencen en Castela e León un mes antes que en Galicia polo que, en función de como estea a situación de mercado e a demanda no outono, os gandeiros poderán pelexar por recuperar a baixada en novembro, mentres que en Galicia, co prezo pechado xa até decembro, cando se produce normalmente xa unha desaceleración, esa opción non existe.
Contratos até setembro en Cataluña
En Cataluña os prezos do leite para o outono tamén están abertos, xa que a maioría das industrias (Danone, Pascual, Cacaolat) asinaron contratos en xullo de tres meses de duración con baixadas de entre medio céntimo e un céntimo.
A excepción volveu ser Lactalis, que asinou contratos por 7 meses, ao igual que en Castela e León, cunha baixada dun céntimo en xullo e agosto que se recupera despois do 1 de outubro ao 31 de marzo.
Lactalis recolle a metade do seu leite en Galicia e outro 20% en Cataluña
Ao igual que en Galicia, a multinacional francesa é a empresa que máis leite recolle en Cataluña. A planta de Puleva de Mollerussa (Lleida) transforma uns 150 millóns de litros anuais, o que representa o 15% da produción total do grupo Lactalis en España. Ademais, está tamén presente en Cornellà de Llobregat, sede de Lactalis Nestlé en España e onde se fabrican os seus iogures.