A regulación legal establecida polo Ministerio de Agricultura co obxectivo de defender ao produtor da posición dominante das industrias na negociación dos contratos de compra-venda do leite en orixe establece a obriga legal de que as empresas presenten unha oferta de renovación 2 meses antes da finalización do contrato vixente.
Dentro dese contexto, coas ofertas convertidas nun mero trámite legal, é dicir, nun documento de trámite ao que ninguén fai caso (nin os gandeiros nin as propias empresas), hai que circunscribir os movementos á baixa cos que saíron a semana pasada as industrias que compran leite en Galicia.
As ofertas iniciais á baixa de cara á renovación dos contratos convertéronse xa na tónica habitual, aínda que non predispoñen o resultado final da negociación. Por parte das industrias son un xeito de meter medo aos gandeiros, preparando o terreo de cara a posibles axustes dentro dun par de meses pero que, chegado o momento, poden acabar concretándose ou non.
As industrias enviaron a súa oferta sobre a bucina para non arriscarse a unha multa da AICA
A semana pasada remataba o prazo legal dos 2 meses establecido no Paquete Lácteo e a maioría de empresas enviaron a súa oferta ao gandeiros aos que recollen o leite o venres, e mesmo o sábado nalgún caso. As que non o fixeron, arríscanse a unha multa da AICA.
O envío das ofertas é un paso que serve para quentar motores. Dá o pistoletazo de saída para a negociación dos contratos, aínda que a hora da verdade chegará en marzo. Tal como está de volátil o mercado do leite, alegan as industrias, dous meses é demasiado tempo para fixar un prezo realista na oferta, máis aínda cando estas ofertas teñen que ser por 12 meses.
A presentación de ofertas incrementa a carga burocrática das industrias sen aportar pistas fidedignas sobre a situación de mercado
Por iso, mentres agardan que se achegue o momento real de sentar a falar cos seus provedores de cara a asinar os novos contratos, os equipos de campo das empresas entretéñense estes días recopilando os recibís das ofertas enviadas, na maioría dos casos xa de xeito telemático, o que alivia a carga burocrática.
Baixadas xeralizadas
A maioría das empresas que recollen leite en Galicia saíron á baixa nas súas ofertas a un ano, cun prezo base que oscila entre 38 e 40 céntimos, con descensos de entre 4 e 9 céntimos a respecto dos contratos en vigor até o 31 de marzo, o que deixaría o prezo final sumando primas de benestar, calidade hixiénico-sanitaria e volume no entorno dos 42-46 céntimos, uns 5 céntimos menos que o que están a cobrar a día de hoxe a maioría de explotacións.
Lactalis baixa 4 céntimos o prezo base e reduce os pagos por cantidade de 5,5 a 3 céntimos
Lactalis, a empresa que máis leite recolle en Galicia, inclúe na súa oferta un prezo base de 38,5 céntimos. Sumando a prima de dobre A, benestar e volume, unha granxa que entregue á multinacional francesa podería chegar no mellor dos casos a 44,20 céntimos, fronte aos 53 céntimos que están cobrando neste momento as súas granxas mellor pagadas.
Larsa baixa 3 céntimos o prezo base e mantén o pago por benestar ligado á puntuación obtida
Larsa apurou ao máximo o envío das ofertas, mesmo o propio sábado día 31. A empresa pertencente a Central Lechera Asturiana inclúe un prezo base de 40 céntimos, máis 1,5 de dobre A e 4,5 de volume. A maiores pagaría polo certificado de benestar en función da puntuación obtida, até 1 céntimo no caso de lograr os 100 puntos, aínda que a maioría das granxas que ten certificadas cobrarían entre 0,5 e 0,6 céntimos.
En Leite Río andan as augas revoltas ultimamente. Quizais por iso Carmen Lence preferiu non arriscar por agora saíndo cunha oferta que sitúa o prezo base en 40 céntimos, aos que se sumarían 1 céntimo por calidade hixiénico-sanitaria e 4 de volume, quedando o prezo final en 45 céntimos, fronte aos 53 que están a cobrar neste momento as ganderías máis grandes que entregan ao Grupo Lence.
O Grupo Lence sitúase desta volta na parte alta, con 40 céntimos de base e máis tramos na prima por volume
Entrepinares repite oferta a 44 céntimos, o que representa 7 céntimos menos do que están a cobrar neste momento as súas granxas. O prezo fixado pola queixería asentada en Vilalba é practicamente xa o prezo final pagado pola empresa de Valladolid en Galicia, pois non ten primas por volume e inclúe xa no prezo base conceptos como a certificación de benestar e a dobre A hixiénico-sanitaria.
Naturleite, que envasa para Mercadona en Meira, establece 39 céntimos de base máis 2 céntimos benestar e dobre A. Neste momento a empresa da cooperativa cordobesa COVAP paga a 52 céntimos (50 de prezo base máis 2 céntimos de primas), polo que propón unha das maiores baixadas.
Naturleite e Inleit establecen as maiores caídas nas súas ofertas
Tamén é agresiva a baixada de Inleit, cun prezo base de 38 céntimos, 9 céntimos menos que a día de hoxe, posto que o contrato vixente até marzo chega a 47 céntimos de base. Sumando até 5 céntimos de prima de volume, as explotacións máis grandes chegarían na oferta a un ano da planta de Teixeiro a 43 céntimos.
Nos 38 céntimos de base están tamén as ofertas de Pascual e Reny Picot, que chegaría a 43 céntimos con todo, mentres que Danone arrinca en 39 céntimos.
O mes de marzo, decisivo
As industrias que operan en Galicia pretenden corrixir con esta baixada na compra de materia prima o desfase con respecto á cotización dos produtos lácteos nos mercados internacionais e o diferencial de prezo con respecto ao resto de países da UE, mais tratando de garantir o seu subministro de materia prima, máis aínda nun contexto de estancamento da produción debido ao goteo continuo no peche de granxas.
As industrias asinaron en agosto contratos até marzo, polo que non tiveron capacidade de repercutir as baixadas en commodities como a manteiga, que cotiza neste momento por baixo dos 5.000 dólares a tonelada en Europa e por baixo dos 3.000 en EEUU, e que contrasta coa lixeira recuperación do leite en po nas últimas semanas.
As industrias asinaron en agosto contratos até marzo, polo que non tiveron capacidade de repercutir as baixadas en produtos lácteos industriais como a manteiga
Con todo, a maioría das empresas que operan en España dedícanse ao envasado de leite líquido e, aínda que teñen na venda de nata unha das súas fontes de ingresos, non están tan expostas aos vaivéns dos mercados de produtos lácteos industriais, tendo en conta que os prezos no lineal dos supermercados non baixou e que España é deficitaria en leite nun 30%, importando sobre todo este diferencial en queixos industriais procedentes dos excedentes de países do centro e norte de Europa.
Cando os prezos Francia e Portugal son máis baixos, as cisternas de leite líquido procedentes destes países tamén presionan á baixa os prezos en España. Os prezos tenden a nivelarse, pero as oscilacións, tanto á alza como á baixa, acaban chegando con retraso a España, que mantén neste momento prezos no campo superiores ao resto de países europeos, con 52,62 céntimos en decembro, case 4 céntimos por enriba da media da UE e 3 máis ca Francia e Alemaña, 5 máis ca Polonia e Portugal, 7 máis ca Dinamarca e 9 máis ca Países Baixos, pero 1 por debaixo de Italia.
Movementos nas industrias
O mercado de compra-venda de leite mantívose parado tanto no outono como en decembro, como consecuencia da sinatura en agosto de contratos até marzo, que permitiron poucos movementos no campo.
Non así nas industrias, onde nos últimos meses se produciron cambios importantes. No 2025 producíase a saída de Javier Gato, responsable da planta de Entrepinares en Vilalba desde a súa posta en funcionamento fai 17 anos, nos que non deixou de medrar en volume e capacidade produtiva. Gato incorporouse ao pouco a Oviganic, a empresa que a chinesa Yeeper Dairy adquiriu en Monforte en 2019 para elaborar leite de fórmula infantil, como responsable da planta trala xubilación de Jaoquín Garrido.
Outro dos movementos máis destacados dos últimos meses foi a saída de Jesús García, responsable de operacións de Grupo Lence, e a súa incorporación a Leche Celta. García levaba toda a vida na empresa lucense coma unha das pezas clave, mesmo desde antes da chegada de Carmen Lence á empreda fundada polo seu pai, Jesús Lence, e abandonou a compañía trala fichaxe de Juan Manuel Fiz, inicialmente como asesor externo, procedente de Inleit.
O Grupo Lence vén de cumprir o seu 50 aniversario coa saída de Jesús García, Cristina Dopico e Isidro Veira
Juan Manuel Fiz troixo canda si de Inleit a Begoña Ferreiro como nova responsable de compras de Leite Río, provocando a saída fai dúas semanas de Cristina Dopico como responsable de campo da empresa nos últimos 6 anos, nos que lograra fidelizar a base ganderia da compañía captando ademais ganderías de importante volume.
Trala saída de Cristina Dopico, outro membro do equipo de campo de Leite Río que deixou a compañía nos últimos días foi Isidro Veira, primeira incorporación importante á nova estrutura de CoRural, a alianza estratéxica anunciada por Leche Celta e Clun.
Galego









Control OJD