As industrias lácteas pechan as renovacións dos contratos de leite cunha leve tendencia á baixa

O aumento dos custos de alimentación animal xera preocupación nas granxas, pois as marxes de rendibilidade quedan comprometidas. Unións Agrarias pide maior control de Xunta e Ministerio sobre os contratos. Advirte tamén sobre movementos “sospeitosos” de primeiros compradores intermediarios, unha figura que chama a regular con maiores garantías

As industrias lácteas pechan as renovacións dos contratos de leite cunha leve tendencia á baixa

Félix Porto e Óscar Pose, de Unións Agrarias, hoxe en rolda de prensa.

O proceso de renovación dos contratos do leite está pechándose estes días sen que haxa boas noticias sobre a mesa. A maioría das industrias ou mantivo os mesmos prezos do pasado ano ou aplicou leves baixadas, no entorno do medio céntimo, caso de Lactalis, Reny Picot ou Leche Río. Esa tendencia de prezos á baixa coincide no tempo cun aumento dos custos das ganderías, sobre todo os de alimentación animal, polo que as marxes das granxas vense comprometidas.

Movementos en primeiros compradores de Lugo
Os únicos movementos á alza nos prezos, con ofertas de 1,5 – 2 céntimos por riba do mercado, chegaron dun par de primeiros compradores intermediarios, principalmente na provincia de Lugo, na zona centro e na zona sur da provincia, se ben desde o punto de vista de Unións Agrarias trátase de movementos sospeitosos.

“Temos visto no pasado casos de determinados primeiros compradores que deixaron serios impagos nas granxas, polo que é necesario que se regule esta figura con maiores garantías para as granxas” -valora Félix Porto, secretario de Coordinación de Unións Agrarias -. “É necesario que se lles esixa ós primeiros compradores o depósito de avais para enfrontar posibles impagos”, conclúe.

Desde a organización agraria lémbrase que a gran maioría dos primeiros compradores adoitan cumprir os compromisos asinados coas granxas, pero advirten tamén de que nestes momentos “hai cantos de serea” dun primeiro comprador de Lugo, “sobradamente coñecido no sector polos impagos que acumulou nos últimos anos coas ganderías, que están a día de hoxe no xulgado”.

Condicionantes pola normativa de benestar animal
Outro movemento das últimas semanas que trascendeu no sector foi a decisión de Leche Río de deixar a recollida do leite dunha decena de pequenas granxas. O peche da relación con estas granxas veu motivado, segundo explica a empresa, por cuestións de benestar animal, pois a certificación de benestar que teñen as marcas de Río impídelle á empresa facer a recollida en granxas nas que as vacas permanecen trabadas de xeito permanente, sen ter saída ó exterior.

Houbo conversas previas de Río con tódalas ganderías afectadas, por ver se podían facer cambios no manexo e/ou nas instalacións, pero nos casos nos que non foi posible o acordo, a empresa optou por deixar a recollida. Río destaca ademais que en tódolos casos, antes do cese da relación coas ganderías, comprobou que as granxas atoparan xa outro comprador para o seu leite.

Preguntada Unións por estes casos, a organización agraria restoulle trascendencia e sinalou que entre as ganderías de Ulega que lle entregan o leite a Río non detectaron ningunha incidencia.

“Queremos contratos ligados é evolución dos custos de produción e ós prezos dos produtos lácteos”

A principal preocupación de Unións céntrase nos novos contratos do leite que están pechando as industrias, un proceso no que pide unha áxil intervención do Goberno central e da Xunta. “Estamos nun bo contexto do mercado lácteo, con bos niveis de consumo en España no 2020, e con prezos á alza na manteiga e no leite en po, polo que non se entende que se lle impoñan ás granxas contratos do leite á baixa”, explica Óscar Pose, responsable do sector lácteo de Unións, que hoxe compareceu en rolda de prensa xunto a Félix Porto.

Unións Agrarias pide que o Ministerio de Agricultura faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, que en teoría impide que as granxas poidan vender o leite por baixo dos seus custos de produción. Chama tamén a Xunta a intervir, “pois o único que nos chega da Consellería é a propaganda dun suposto Plan de Dinamización do Sector Lácteo”, cuestiona Óscar Pose.

A organización considera que a Xunta debería condicionar as axudas ás industrias lácteas a que se asinen no campo contratos que cubran os custos de produción.

Desde Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias, propuxéronlle este inverno ás industrias a posta en marcha de contratos cun prezo variable, ligado á evolución dos custos de produción e ás cotizacións dos produtos lácteos industriais, pero foi imposible o acordo. “Só chegamos a pequenos acordos con algunhas industrias, pero na cuestión do prezo, ningunha está disposta a negociar”, critica Óscar Pose, que pide un maior papel da Administración como árbitro das negociacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información