As industrias lácteas, á espera de que a bonificación do gasóleo peche a folga do transportes

A proposta de solución que lle trasladou hoxe o Goberno ás asociacións maioritarias de transportistas abre a porta a un probable fin da folga. A Consellería do Medio Rural, que mantivo hoxe unha reunión coas industrias lácteas, avisa de que a situación sería insostible “en 2 ou 3 días”

As industrias lácteas, á espera de que a bonificación do gasóleo peche a folga do transportes

Reunión da Consellería coas industrias lácteas.

A folga de transportes semella estar na súa recta final. O Goberno central propúxolle hoxe ás asociacións de transportistas unha saída da folga á francesa, é dicir, imitando a bonificación do gasóleo ós transportistas profesionais que vén de implantar Francia, que chega ós 15 céntimos por litro. No caso español, o Goberno propuxo unha bonificación de 500 millóns de euros, que sairán en parte dos presupostos públicos e en parte das compañías de combustibles. Nos próximos días, terase que concretar en canto se bonificará o litro do gasóleo.

Se as asociacións de transportistas aceptan a proposta, algo que se coñecerá estes días, é de esperar o fin da folga, que está levando ó agro ó borde do colapso. O conselleiro do Medio Rural, José González, que se reuniu esta tarde coas industrias lácteas, advertiu de que a situación sería insostible “en 2 ou 3 días”.

A cuestión é que hai industrias que teñen dificultades de suministro de materiais como envases, así como problemas para entregar a produción envasada ós supermercados. Se iso non se soluciona, a única alternativa que teñen é parar as plantas e a recollida.

González ofrecéuse a mediar para solventar problemas puntuais de materiais ou de saídas de leite para a distribución, pero advertiu de que hai que buscar unha saída xa á folga de transporte, para o que instou ó Goberno central á adopción de medidas.

Anticipos bancarios da PAC
O Goberno galego aprobou tamén a pasada semana un paquete de medidas para achegar liquidez ó agro no ámbito das competencias autonómicas. Así, a Xunta asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC, que os produtores adoitan cobrar en outono. En concreto, anticiparanse seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros.

Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito de ata 20.000 euros para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información