Industrias Guerra: Un referente internacional en maquinaria para o sector forestal made in Galicia

Industrias Guerra é unha empresa familiar situada na localidade pontevedresa de Vila de Cruces e foi pioneira en importantes innovacións para o sector forestal, como grúas desmontables para camión ou procesadoras e taladoras adaptadas a máquinas excavadoras

Industrias Guerra: Un referente internacional en maquinaria para o sector forestal made in Galicia

Remolque forestal con grúa fabricado por Industrias Guerra

Entrar na fábrica de Industrias Guerra no polígono industrial de Vila de Cruces é como facelo nunha forxa do século XXI equipada coas últimas tecnoloxías: O aceiro de Escandinavia que entra en bruto en planchas metálicas é cortado, dobrado e pulido en varios procesos ata dar lugar a grúas, remolques, cortadoras e procesadoras forestais con destino aos cinco continentes.

A empresa dá emprego a máis de 100 persoas nesta planta e prevé rematar este ano cunha facturación de máis de 12 millóns de euros, dos que algo máis do 50% corresponden á exportación.

O forxador deste auténtico centro de I-D da maquinaria forestal no interior de Galicia é Román Sánchez González, que segue asesorando e traballando cos operarios e preparando o relevo xeracional.

As orixes de Industrias Guerra están no ano 1951, na época na que os piñeiros aínda se cortaban e cargaban a man e se transportaban en carros de bois. “Industrias Guerra empezou na rúa Soto Vázquez, no centro de Vila de Cruces, sendo un pequeno taller de Benigno Sánchez, o pai de Román, no que reparaban e fabricaban apeiros agrícolas, pero tamén máquinas de coser e mesmo instrumentos musicais”, explica María José Cao, adxunto á dirección xeral da empresa.

Román era un mozo coa mente inquieta por innovar e xunto co seu pai empezaron a construír nos anos 70 as primeiras grúas hidráulicas, tanto para o sector forestal como para o mariño. “Os mariñeiros e mariscadores de O Grove queixábanse de que as grúas coas que contaban nos barcos para izar as redes presentaban problemas á hora de paralas. Román e o seu pai empezaron a fabricar grúas cun cabrestante con freo e foi un éxito”, conta María José, quen destaca que dende entón “arredor do 80% dos barcos galegos teñen instaladas Grúas Guerra”.

“Sempre escoitamos o que nos pedían os clientes, as súas necesidades e construímos grúas que se adaptasen aos que demandaban”, destaca.

Na actualidade Industrias Guerra conta cunha plantilla de 100 persoas na súa fábrica de Vila de Cruces así como na nave de 3.000 metros cadrados que teñen no polígono industrial de Silleda, onde trasladaron a división de mecanizados, e que teñen previsto ampliar noutros 3.500 metros cadrados. Tamén contan con outras 6 persoas na súa filial Grúas Tambre, en Santiago de Compostela.

Os primeiros en fabricar grúas forestais desmontables para camión e en adaptar excavadoras para o sector forestal

A innovación forma parte do ADN de Industrias Guerra e é o que lles permite competir a nivel internacional con auténticos xigantes do sector da fabricación de maquinaria. Así, na súa oficina técnica e de I+D traballan 15 persoas encargadas da mellora continua e que lles permite que cada máquina que sae das súas instalacións se adapte ás necesidades específicas de cada cliente.

“Industrias Guerra foi a primeira en fabricar e en instalar a finais dos anos 80 as grúas para camión desmontables, tecnicamente coñecidas como grúa de corredeira de quita e pon. Ata entón colocábanse fixas no semiremolque e era un peso que sempre ía co camión, pero ao permitir quitala tras cargar a madeira iso supón entre 2 e 3 toneladas menos de carga, co aforro que conleva en combustible, gasto de rodas….”, destaca Manuel Ángel Mira, responsable do departamento Comercial de Industrias Guerra.

A oferta de Industrias Guerra en grúas é moi ampla, dende as desmontables para remolque ás fixas en plataforma, ou desde unha capacidade de 3 toneladas por metro ás de 100 toneladas e máis. “Cada vez os clientes pídennos grúas de máis tonelaxe”, recoñece pola súa parte María José Cao, adxunta da dirección xeral.

Esta fábrica cruceña tamén foi pioneira en España nas cortadoras forestais acopladas a excavadoras. “Foi algo que nos pediu a xente que traballa no sector forestal en Galicia e noutras zonas con pendentes elevadas. A solución foi adaptar unha excavadora, cunha cabina protexida e homologada, e cuns sistemas de protección da máquina que cumpren todos os estándares de seguridade. Tamén a nivel hidráulico adaptámola para que alimente ao procesador ou a taladora, dúas máquinas que fabricamos en Industrias Guerra”, explica Manuel Ángel Mira.

Exportan arredor do 50%

Dende os seus comezos Industrias Guerra tivo claro que os mercados exteriores resultaban estratéxicos para medrar e hoxe en día a exportación representa arredor dun 50% por cento da súa facturación, cun volume que medra dende hai anos. Portugal, Francia, Arxentina, Estados Unidos e países asiáticos son os seus principais clientes no exterior.

“As grandes fortalezas de Industrias Guerra son a calidade das máquinas, o servizo postvenda e que nos adaptamos á necesidade de cada cliente”

¿E cales son os principais activos de Industrias Guerra que lle permiten competir a nivel nacional e internacional? “Sen dúbida, que somos unha empresa moi flexible, pois somos capaces de adaptarnos ás necesidades do cliente e construír unha máquina específica para o que precisa. Iso e un servizo técnico postvenda de altísima calidade”, destaca María José Cao.

Pola súa parte, Manuel Ángel Mira engade que “o cliente que compra un equipo Guerra cando ten necesidade de ampliar ou de substituír ese equipo repite Guerra”.

“Temos clientes de moitos anos e con moitas unidades compradas, e iso é un motivo de orgullo pero tamén nos impulsa a ser cada vez máis esixentes con nós mesmos e a innovar e mellorar continuamente”, conclúe.

Así traballan as procesadoras e as taladoras de Industrias Guerra:

Galería de imaxes dos produtos que fabrican en Industrias Guerra:

Primeras grúas forestales de Industrias Guerra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información