Industrias, gandeiros e distribución avanzan en acordos sobre orixe e valorización do leite

A Interprofesional Láctea creará unha comisión de seguemento para analizar de xeito periódico os problemas que se detecten con promocións de leite a baixos prezos nos supermercados

Industrias, gandeiros e distribución avanzan en acordos sobre orixe e valorización do leite

O sector comeza a traballar para desenvolver o acordo asinado o 23 de setembro.

O conxunto da cadea de valor do leite mantivo hoxe unha reunión en Madrid para avanzar nalgúns dos puntos do acordo asinado o pasado día 23. Sobre a mesa, tres cuestións principais: o establecemento dun sistema para resolver con axilidade os conflictos por promocións de leite a baixo prezo nos supermercados; como garantir a orixe española do leite no punto de venda e o sistema de contratos a medio e longo prazo entre industrias e distribución.

En termos xerais, o sector produtor viu boa vontade na reunión por parte de industrias e distribución, aínda que o escenario de traballo que se presenta semella lento e farragoso. “Gustaríanos que se axilizasen os traballos para que houbese un traslado de melloras ó campo o antes posible”, valora Román Santalla, de Unións Agrarias-Upa. “A distribución di que xa está movendo ficha e cambiando os contratos coa industria, así que nós advertimos de que eses cambios deben chegar ó campo”.

Promocións de leite
A reunión de hoxe iniciou traballos en varios frentes, que se irán despexando en próximas semanas, e puxo sobre a mesa vías para solucionar un dos focos de conflicto recurrente na cadea do leite, como é o das promocións de leite a baixo prezo no supermercado. O sector gandeiro obtivo o compromiso das asociacións da distribución (Asedas, Anged e Aces) para intermediar de xeito áxil nos casos de banalización do leite que se lles comuniquen.

Así, antes de proceder a calquera denuncia ó respecto ante a Administración, gandeiros e distribución tentarán solventar por vía dialogada os problemas que se detecten. “Se estamos ante casos de banalización do leite, a distribución comprométese a retirar as promocións, pero haberá que falar caso por caso, xa que os supermercados alegan que non se pode establecer un prezo base de referencia, pois cada caso dependerá dos contratos que teñan coas industrias”, explica Santalla.

A Interprofesional creará a maiores unha comisión de seguemento que se reunirá de xeito periódico para avaliar a situación de prezos do leite nos puntos de venda.

Orixe do leite

Outra cuestión aínda por resolver, que se abordará en próximos encontros, é o de cómo garantir a orixe española do leite. Existen dous selos territoriais na etiquetaxe dos lácteos que xa cumpren esa función, Galega 100% para o leite galego e Tierra de Sabor en Castilla y León, pero estase valorando como garantir a procedencia a nivel de todo o Estado. Unha das opcións que están sobre a mesa sería a de reconducir o selo PLS (Producto Lácteo Sostenible) para que cumprise a función de sinalar a orixe española do leite.

A maiores, cada supermercado decidirá como fai referencia tamén nos lineais á nacionalidade de orixe do produto.

Contratos entre industrias e gandeiros
O sector está a traballar sobre o borrador de contrato tipo entre gandeiros e industrias que o Ministerio de Agricultura lle trasladou ás partes, se ben esta cuestión non se abordou hoxe e queda para reunións posteriores. Haberá que definir un leite tipo, coas súas primas e penalizacións, e as organizacións agrarias tamén queren cambiar o sistema de arbitraxe e mediación que suxire o Ministerio, de xeito que se busque un sistema áxil e sen custos para os gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información