“Industrias e gandeiros temos que ir acompasados e traballar en conxunto”

O sector lácteo, e en especial as cooperativas, atravesa nas últimas semanas por problemas na recollida do leite e nos prezos. Falamos da situación e das perspectivas con Javier Taboada, presidente da cooperativa Icos e de Delagro

“Industrias e gandeiros temos que ir acompasados e traballar en conxunto”

Javier Taboada, presidente da cooperativa Icos e de Delagro.

As dificultades na recollida do leite que experimentaron media ducia de cooperativas no último mes xeraron preocupación e enfado entre os gandeiros, que demandan un papel máis activo da Administración e outro comportamento por parte das industrias lácteas. Falamos da situación vivida nas últimas semanas e das perspectivas de futuro do sector con Javier Taboada, presidente de Icos, unha das cooperativas lácteas de referencia na comunidade, con máis de 1.300 socios na comarca de Chantada e en Silleda.

Taboada é tamén presidente da cooperativa de segundo grao Delagro, que opera como central de compras para 40 cooperativas de Galicia, Asturias e Cantabria, e que recentemente abriu unha planta de envasado de fertilizantes nas Pontes. Foi tamén presidente de Colaga, unha iniciativa que agrupou durante máis dunha década a cooperativas galegas que concentraban a súa oferta de leite para negociala en conxunto coa industria.

Que análise fai dos problemas para vender o leite que tiveron nas últimas semanas cooperativas de Lugo e da Coruña?
– O primeiro de todo hai que poñer sobre a mesa que estamos ante unha situación coxuntural que non debe ocultar a potencialidade que ten o sector lácteo galego, sobre todo nun contexto mundial de crecemento da demanda de produtos lácteos. En canto ó problema actual das cooperativas e dos gandeiros en xeral, a cuestión de fondo é que o sector non está coordinado nin engraxado. Gandeiros e industrias deberiamos camiñar acompasados cuns obxectivos comúns e iso non sucede. En Francia, cando hai situacións complicadas de mercado, gandeiros e industrias póñense de acordo para reducir a produción e aquí non temos nin iso.

“Organizacións de produtores e contratos non funcionan porque non chega con lexislar. Hai que facer que se cumpran as normas”

O sector tiña moitas expectativas postas nas organizacións de produtores (OPs) como instrumento para negociar coa industria, pero ata agora os resultados foron nulos. Cre que as OPs poden ser unha solución?
– As OPs clarísimamente non funcionan e non teñen ningunha posibilidade de funcionar a curto prazo. Vemos que as mesmas industrias que en Francia facilitan acordos aquí dinamítanos. Houbo unha normativa que veu de Bruxelas, pola que se crearon as organizacións de produtores e os contratos lácteos, pero non chega con lexislar, hai que facer que se cumpran as normas. Aquí no sector o que pasa é que estamos os músicos tocando, pero o director da orquesta está ido, o Ministerio de Agricultura está desaparecido, cando debía estar apoiando. Iso fai que por un problema puntual de que sobra algo de leite, non moito, haxa unha presión excesiva sobre os prezos.

As Administracións insisten nas últimas semanas en que a pelota está no tellado dos gandeiros, que deben apostar pola unión das OPs como vía para negociar coa industria.
– Insisto en que non chega con lexislar. Hai que facer que se cumpran as normas para que ninguén abuse da lexislación. Porque nun intre de escasez de leite, tamén pode abusar o sector produtor e tampouco se trata diso. Esta situación é de sentido común. Hai que ir a sectores ordenados. As normas está ben poñelas e cambialas, pero cando se fai iso, como mínimo hai que tutelar o proceso, hai que buscar un equilibrio entre as partes e iso leva tempo conseguilo.

“Que pasa no sector? Que estamos todos os músicos tocando pero falta o director de orquesta, que anda desaparecido”

Cando hai situacións complicadas de mercado, as cooperativas a miúdo atravesades por problemas para colocar o leite. Cres que as industrias penalizan o cooperativismo?
– As cooperativas e os gandeiros necesitamos industrias que estean sempre aí, que queiran traballar cos gandeiros e que queiran gañar cartos, loxicamente. Que pasa en Galicia? Que temos unha situación de mercado na que aínda quedan algunhas industrias especuladoras, en especial unha, que por diversas causas emprendeu unha reestruturación o pasado ano, reducindo a recollida en plena alza do mercado e perxudicando non só a cooperativas, senón a gandeiros que non estaban en cooperativas nin en grupos.

“En Galicia temos un panorama dominado por algunhas industrias especuladoras e por outras de capital estranxeiro”

O problema das últimas semanas, sen embargo, afectou máis ás cooperativas.
– Hai que recoñecer que houbo factores que produciron unha mala situación de mercado, pero tamén é certo que houbo industrias que se cebaron sen ningunha lóxica coas cooperativas e tamén con algúns primeiro compradores, os chamados ‘tratantes de leite’ –sen ningún sentido pexorativo-, que tamén estiveron sufrindo moito. Esta situación non é boa e as cooperativas temos motivos para estar moi enfadadas. Resumindo, o panorama en Galicia está dominado por algunhas empresas de carácter especulador e por outras que, por desgracia, falan francés e portugués, cousa que, son línguas afíns e boas de entender, pero os obxectivos non son os mesmos.

“A implicación das cooperativas na transformación irá aparecendo. En Icos levamos anos mirando posibilidades”

Cre que a implicación das cooperativas na transformación industrial do leite é aínda posible, logo dos fracasos acumulados?
– Os gandeiros fixemos grandes cousas e somos moi competitivos nas nosas explotacións, cuestión na que hai que seguir traballando, pero como gastamos aí o diñeiro todo, pois seguramente deixamos de lado o que fixeron en moitos outros países a través dun proceso de xa máis de cen anos, que foi consolidar cooperativas con gran peso industrial. Esquecémonos de xerar valor a través da transformación, e non só valor, senón xerar estabilidade. Entón, isto terá que aparecer. É difícil porque o sector lácteo é un sector xa maduro, con grandes empresas, pero son cousas que haberá que ir traballando.

En Icos, estades valorando implicarvos en procesos de transformación?
– En Icos levamos anos mirando posibilidades e estamos abertos a mirar o que haxa, sabendo as nosas posibilidades, con cousas ben pensadas e sabendo os nosos puntos fortes, porque nesta empresa hai unha gran calidade do leite que ten que valorar o mercado. Tendo en conta isto, poderiamos participar en proxectos de transformación que estean pensados a longo prazo.

“Icos pon de manifesto que a integración de cooperativas é un camiño acertado”

Sede principal de Icos, en Chantada.

Sede principal de Icos, en Chantada.

A cooperativa Icos comezou a funcionar a finais do 2000 coa unión de catro cooperativas da comarca de Chantada, un proceso que lles permitiu reducir custos e consolidar e aumentar servizos. Na actualidade, tras a integración no 2014 de tres cooperativas de Silleda, Icos conta cuns 1.300 socios, principalmente do sector lácteo pero con actividade tamén en vacún de carne e en horta.

O catálogo de servizos da cooperativa inclúe, entre outras cuestións, un amplo parque de maquinaria, carros mesturadores de alimentación, atención veterinaria e servizo técnico de equipos de muxidura –con urxencias as 24 horas tanto en veterinaria como nos equipos de muxidura-. Taller agrícola, gasolinera ou supermercado son outros dos servizos que ten Icos nas súas instalacións.

Cal é a situación actual de Icos tras o proceso de integración con cooperativas de Silleda?
– Icos é unha cooperativa que desde o seu inicio foi crecendo e consolidando o proxecto na comarca de Chantada, con máis socios e con máis actividade. Sempre fixemos unha xestión para ser competitivos en canto a custos e cunha conta de resultados que se pechase cada ano con beneficios, non moi grandes, pero si para ir fortalecendo a empresa. Hai uns anos acometemos con outras cooperativas o proxecto dunha fábrica de piensos en Taboada, enfocada ó sector bovino; e no 2014, tres cooperativas doutro ámbito xeográfico, como é Silleda, decidiron facer unha integración en Icos. Agora é tempo de que esa integración se consolide, de que se vaian acometendo os investimentos previstos e de que os socios participen e se impliquen no proxecto, de xeito que entre todos vaiamos mellorando a situación.

Carros de alimentación de Icos.

Carros de alimentación de Icos.

No Deza houbo inicialmente algo de polémica pola entrada de Icos no cooperativismo da comarca, pero semella que o camiño do sector pasa por estes procesos de integración.
– Eu creo que en Galicia, máis cedo que tarde, o proceso de integración de cooperativas é imparable. Os problemas do sector fan que haxa que ir por ese camiño, pola colaboración e pola redución de custos. En Icos levamos 15 anos traballando así e a nosa experiencia dinos que é un camiño acertado. En canto á polémica que se puido xerar no Deza, nós temos claro que non imos ir a ningunha parte de Galicia para competir con outras cooperativas, senón ó contrario. As enerxías hai que gastalas non en competir cos amigos e cos veciños, senón en competir no mercado. En Silleda, estamos contentos de como van as cousas. Arranxamos os problemas estruturais de fondo e fixemos unha reestruturación tranquila, sen crear problemas co persoal. Queremos ter unha imaxe de cooperativa seria e que vai arranxar problemas, non a crealos.

“Delagro é un referente en vacún de leite. Hai opcións de aumentar base territorial e de afrontar novos procesos industriais”

Delagro, cooperativa de segundo grao na que participan 40 cooperativas de Galicia, Asturias e Cantabria, ¿pode ser un bo exemplo dos beneficios da integración?
– Delagro é unha integración de cooperativas pero para facetas moi concretas. Naceu como central de compras, para facer compras en conxunto, e aí a xente axiña viu as sinerxias. Hai pouco demos un paso máis e creamos un centro loxístico e unha planta de envasado de fertilizantes nas Pontes, co cal comezamos a xerar medios de produción propios. De cara ó futuro, a idea é que Delagro siga a ser unha gran central de compras, referente en España no vacún de leite, e que consolide os procesos industriais nos que xa estamos traballando. Hai posibilidades de aumentar a nosa base territorial e tamén de que se poidan dar pasos noutras cuestións de aprovisionamento, como en sementes ou produtos de limpeza, xerando novos procesos de transformación industrial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información