A industria láctea galega non se viu afectada pola crise

Resumo do traballo de fin de grao de Jesús Penelas Blanco na Universidade de Santiago de Compostela sobre “A dinámica recente da industria láctea en Galicia (2008-2014). Unha análise dende o punto de vista microeconómico”.

A industria láctea galega non se viu afectada pola crise

A industria do queixo e dos derivados lácteos, en xeral, amosou mellor comportamento.

A industria láctea galega non se viu afectada pola crise económica de 2008 a 2014, senón ao contrario, incrementou facturación e creación de emprego, a diferencia do resto do Estado Español.

Así se recolle no traballo de fin de grao de Jesús Penelas Blanco, xornalista e fillo de gandeiros, quen ven de presentar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela o seu traballo “A dinámica recente da industria láctea en Galicia (2008-2014). Unha análise dende o punto de vista microeconómico”.

Para o estudo a nivel micro do sector industrial lácteo en Galicia Jesús Penelas empregou a base de datos Sabi, que conta con información económica no ano 2014 cos datos de 31 empresas lácteas de Galicia, das 38 potenciais empresas xurídicas, polo que o autor recoñece que “os datos deben tomarse con cautela”.

A grandes liñas, a industria láctea galega mellorou lixeiramente nos últimos anos o seu peso no conxunto do Estado, pasando a representar o 10,21% da ocupación e o 16,32% da cifra de negocio do sector no conxunto de España. Unha cifra que aínda queda moi lonxe coa produción de leite en Galicia, que representa o 39% do total nacional, o que evidencia a necesidade dunha maior industrialización do leite e de apostar por produtos de valor engadido.

Conclusións:

-A industria láctea galega, ao igual que a alimentaria, mellorou o seu volume de negocio na crise nun contexto no que no resto de España se reduce nun 9,25%. Un comportamento análogo dáse tamén en termos de creación de emprego. En termos reais, o 15,3% do negocio lácteo de España atópase en Galicia e as empresas vivas incrementáronse durante a crise, cando no conxunto do estado se reduciron.

JESUS_PENELAS_CADRO_3

JESUS_PENELAS_CADRO_4

A eiva ao comportamento do sector transformación lácteo autóctono é o escaso investimento en intanxibles, un 16,09% menor que no resto de España de media durante a recesión.

Pódese afirmar que a industria alimentaria galega, e especialmente a láctea, non se viron moi influenciadas polo ciclo económico contractivo do resto da economía.

-En relación á produción de leite, no período de crise Galicia mantivo o seu status entre as principais rexións produtoras de Europa, nun contexto no que o peso de España no conxunto da produción da UE-28 caeu un 4%.

Asimesmo, apreciase unha tendencia á concentración da produción en explotacións máis grandes. Esta realidade, dende o punto de vista industrial, debe verse con certa preocupación, posto que a produción da materia prima cada vez se concentra en menos mans, coa conseguinte maior forza para negociar prezos por parte dos produtores. Con todo, o progresivo aumento da produción e a escasa conservación do leite crú, xogan a favor da industria no proceso de negociación da materia prima.

JESUS_PENELAS_CADRO_2

-En relación aos prezos constátase que a industria láctea galega ten preto materia prima sensiblemente máis barata que os seus competidores do resto do estado e especialmente os da UE-28. Con todo, as industrias lácteas españolas continúan importando leite, pese a que esta tendencia é decrecente.

JESUS_PENELAS_CADRO_1

-En relación á distribución e ao consumo, a industria galega depende en gran medida do mercado español, no que vende o 89% da súa produción. No tocante ao leite líquido, unicamente se ve certa expansión na demanda nos leites enriquecidos con bífidus e fibra ou os evaporados, sen mover aínda volumes moi importantes.

No que se refire aos derivados lácteos, o seu consumo medrou nun 11,41% en termos de cantidade e un 8,86% en termos de valor. Por subsectores, os iogures con bífidus, a manteiga, os xeados e especialmente os queixos light e semicurados son os que mellores comportamentos presentaron.

Mentres baixa o consumo de leite líquido, as vendas de derivados lácteos medraron un 11% en plena crise

-As industrias galegas están, pouco a pouco, virando cara a produción dos produtos con mellor comportamento recente no mercado, como poden ser os relacionados co queixo. Con todo, aínda non existen grandes empresas transformadoras de queixo na comunidade, xa que só hai unha compañía das analizadas que se aproxima aos 10 millóns de euros de ventas, e hai un amplo abano de entidades cun negocio de entre 3 e 5 millóns de euros. Tampouco existen grandes apostas no mercado dos leites fermentados de mellor comportamento.

-Se atendemos á evolución das empresas industriais lácteas galegas, Innolact SL está por enriba da media na evolución relativa en 11 dos 12 indicadores das súas contas analizados. Ademais, outra empresa só está por debaixo da media en dous indicadores (Lácteos Terra de Melide) e dúas máis en tres (Lácteos Xabelo e Crisanto SAT).

“Innolact SL foi a empresa láctea galega cun mellor comportamento económico no período 2008-2014”

-Constátase que as industrias non incrementaron de forma xeral as súas capacidades, e durante a recesión tampouco aproveitaron en maior medida os seus recursos produtivos pese a ter un maior volume de materia prima barata preto. Con todo, os principais incrementos no inmobilizado e no uso de infraestruturas déronse en empresas adicadas á produción queixeira.

Das 4 compañías que son quen de xerar máis volume de vendas en Galicia (Leche de Galicia -Lactalis-, Grupo Leche Río, Leche Celta e Feiraco Lácteos), e que consecuentemente son de maior importancia para a economía, só Leche de Galicia e o Grupo Leche Río incrementaron o seu inmobilizado, se ben o grupo de capital galego está sendo requirido polos tribunais para derribar a súa planta máis moderna por cuestións urbanísticas, o que colocaría aos grandes operadores da comunidade nunha situación preocupante a respecto das súas capacidades de transformación. Esta realidade é un síntoma de maiores dificultades a curto prazo para que os gandeiros coloquen grandes producións no mercado a través de axentes transformadores galegos.

Queixerías Prestes multiplicou por 3,6 as vendas durante a crise e por 1,8 o resultado

-En relación aos aspectos financeiros, as dispoñibilidades económicas na caixa para atender a imprevistos reducíronse durante a crise, se ben as industrias apostaron durante o período por desapancarse, ao diminuír nun 12,38% a súa débeda fronte a terceiros en relación ás débedas totais. Ademais, pese a ter menos recursos dispoñibles na caixa, as empresas teñen mellor controlada a súa situación financeira a curto prazo, posto que tanto o fondo de manobra como o ratio de liquidez melloraron arredor do 40%

Neste sentido é positivo o comportamento das grandes operadoras, que en termos brutos melloraron de xeito importante este aspecto. Sen embargo, as industrias galegas durante a crise adoptaron posturas pouco ambiciosas, apostando por vender máis á costa de reducir as marxes, e con elo o Ebitda e o resultado dos exercicios.

Neste sentido, unicamente 10 das 31 empresas analizadas conseguiron mellorar a marxe das súas vendas. Con todo, hai compañías que conseguen vender máis e mellorar á súa vez as marxes, coa consecuente mellora dos
resultados. Entre esas entidades destacan as de tipo innovador como Innolact, que multiplicou o volume de vendas por 15 durante a crise aumentando as marxes un 131%, ou as queixeiras como Lácteos Xabelo, que vendeu un 237% máis en 2014 que en 2008 e mellorou a súa marxe nun 38%, ou Lácteos Terra de Melide (+71% en vendas e +105% en marxe).

Tamén existen comportamentos especialmente destacables nalgunhas adicadas aos subropodutos, como Euroserum, cun 177% máis de vendas e un 86% máis de marxe.

Outras compañías amosaron uns comportamentos positivos cunhas estratexias distintas. Por exemplo, Mantequillas Lomba mellorou o seu resultado un 100% vendendo un 71% menos pero duplicando a súa marxe, e Queixería Prestes multiplicou por 3,6 as vendas, por 6,7 o Ebitda e por 1,8 o resultado pese a baixar a marxe un 23%. Atendendo aos datos de investimentos en inmobilizado desta compañía nos últimos anos, de manter as tendencias de vendas e estratexia, ten todos os papeis para converterse nun dos axentes destacados do sector queixeiro da comunidade, xunto con Lácteos Terra de Melide, se ben esta última amosa un certo estancamento nas súas vendas en torno ao millón de euros anual.

 “Leche de Galicia (Lactalis) foi a industria de leite líquido que logrou unha maior rendibilidade, mentres que as outras baixaron marxes”

En relación aos indicadores de rendibilidade e excedente, hai que ter tamén en conta o bo comportamento da principal empresa industrial láctea da autonomía, Leche de Galicia -do grupo francés Lactalis-, que durante a crise conseguiu vender un 51% máis mantendo as marxes. Pola contra, non se pode dicir o mesmo das outras entidades que teñen un volume de vendas superior a 100 millóns de euros: o Grupo Leche Río vendeu leite por un valor un 12,5% menor pese a diminuír a marxe un 115%, e Leche Celta tamén colocou no mercado vendas por 1,29% menos de valor pese a baixar as marxes un 80%. Os menores datos de vendas non significan obrigatoriamente que colocasen menos cantidade de leite nos lineais, senón que os ingresos que percibiron polas vendas foron menores.

-Obsérvase como norma xeral que as empresas con máis indicadores por enriba da media son aquelas que se adican aos subprodutos lácteos con maior crecemento no mercado español (queixo e queixo cremoso). Con todo, vense tamén compañías que están neses sectores que teñen un comportamento moi negativo, lastradas pola súa situación financeira.

Preocupa que Leche Celta ou o Grupo Leche Río non sexan quen de mover maiores volumes de materia prima en Galicia

Ademáis, as empresas que son quen de mover maiores volumes de materia prima en Galicia, agás Leche de Galicia, non presentan unha boa evolución na maioría dos indicadores analizados. Esta situación pode condicionar de xeito decisivo a viabilidade da economía agraria galega, na medida en que no campo galego cada vez se produce máis materia prima leite e os grandes operadores non son quen de colocalo no mercado a un prezo sustentable para garantir a supervivencia de toda a cadea de valor.

-De cara ao futuro, este traballo pode ter unha maior posibilidade de profundización de incrementarse a base de datos de empresas. Ademais, sería interesante observar con maior profundidade os procesos de innovación que se realizan nas compañías e as respostas que teñen os seus resultados no mercado. O traballo tamén podería servir como punto de partida para o estudo da fusión de operadores industriais queixeiros, que como quedou reflectido, teñen unha eiva importante en relación ao seu tamaño se se comparan cos grandes operadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información