espois das tractoradas dos gandeiros franceses, con bloqueo industrias lácteas incluído, e de dúas reunións promovidas polo ministro de Agricultura de Francia, este venres pola mañá os diferentes actores do sector lácteo dese país -gandeiros, industria e distribución- chegaron a un acordo para revalorizar o prezo do leite de aquí ao mes de decembro. A distribución subiralle os prezos uns céntimos aos consumidores co compromiso da industria de trasladarlle esa suba aos gandeiros.
Segundo informan os medios franceses, o obxectivo é acadar un prezo de 0,36 €/litro para os volumes transformados en leite UHT, manteiga, nata e queixo emmental, baixo marca do distribuidor (marca branca) e primeiras marcas, coa finalidade de acadar un prezo medio do leite en orixe de entorno aos 0,34 €/litro para decembro deste ano, 4 céntimos máis que a media do que están a cobrar neste momento. Isto suporá que os gandeiros franceses cubran os custos de produción.
A totalidade da alza de prezos que consentiu a distribución á industria láctea será integramente repercutida nos produtores e será trasladada aos consumidores.
Compromiso da distribución para favorecer o leite francés
Igualmente pediuselle á distribución que favoreza os produtos franceses. Neste sentido, Auchan/Alcampo asumiu o compromiso de que o aprovisionamento de leite UHT e queixo emmental -sempre para as súas marcas brancas- sexa 100% francés.
Á saída desta reunión, o ministro de Agricultura, Stéphane Le Foll, subliñou que “o impacto desta subida sobre o consumidor será dalgúns céntimos, é un esforzo que se pide para poder superar esta crise”. Ademais, subliñou que “seremos vixilantes sobre a aplicación deste acordo, para que a suba de prezos chegue aos productores”.
Todos os axentes do sector lácteo son conscientes de que “a crise do sector lácteo vai para longo, é profunda e é europea”.
Reunión dos ministros de agricultura da UE para tratar a crise do sector lácteo o 7 de setembro
Por outra parte, e logo da petición de Francia, os ministros de Agricultura da UE reuniranse o día 7 de setembro para tratar a crise do sector lácteo. Francia reclama á Comisión Europea máis apoio para as explotacións lácteas e un aumento dos prezos de intervención do leite, actualmente nos 0,22 €/litro.
Consulta aquí a rolda de prensa do ministro de Agricultura de Francia tralo acordo.