O impacto que está a deixar a Enfermidade Hemorráxica Epizóotica é unha das principais preocupacións das granxas nas últimas semanas. Ante a expansión do problema, Unións Agrarias chama a atención sobre dúas necesidades inmediatas: actualizar os baremos de indemnización por morte e activar as axudas para tratamentos.
A EHE iniciouse nesta campaña a inicios do verán nas ganderías extensivas de carne de Ourense, pero nas últimas semanas xa saltou tamén ás de Lugo e Pontevedra, así como a granxas de leite das provincias afectadas. Unións Agrarias pronostica que os casos continuarán aparecendo ata decembro, “igual que sucedeu o pasado ano”, polo que pide axilidade da Xunta nos apoios ás ganderías.
Para Unións Agrarias hai dúas cuestións básicas, a actualización dos baremos de indemnización por morte e a activación das axudas para tratamentos. A organización anuncia mobilizacións en Santiago a partir do 20 de setembro se antes non hai solucións.
1) Indemnizacións por morte
A Xunta paga as mortes por EHE do mesmo xeito que os sacrificios derivados do saneamento gandeiro, en función dun decreto ministerial do 2011. Así, por exemplo, por unha vaca frisoa de 4 anos págase un máximo de 661 euros e por unha vaca de 4 anos de Rubia galega un máximo de 573 euros, ambas en produción convencional.
“Son valores que hai que actualizar. Non é entendible que en Galicia, se o lobo mata unha vaca frisoa de 4 anos, Medio Ambiente abone 4.109 euros polo animal e que se o mesmo animal morre de EHE, Medio Rural pague 661 euros”, cuestiona Félix Porto, coordinador de acción sectorial de Unións Agrarias.
“Será necesario que as indemnizacións por EHE e saneamento se asemellen ás do lobo”, propón a organización, que tamén divulga as indemnizacións por danos de lobo noutras autonomías (Ver táboas inferiores).
Indemnizacións por EHE | |||
---|---|---|---|
Galicia | Castilla y León | Cantabria | |
Rubia Galega (xovenca) | 459,17 euros | 500 euros | 1.000 euros |
Rubia Galega (6 anos) | 573,95 euros | 500 euros | 1.000 euros |
Frisoa (4 anos) | 661,29 euros | 500 euros | 1.000 euros |
Indemnizacións por LOBO | |||
---|---|---|---|
Galicia | Castilla y León | Cantabria | |
Rubia Galega (xovenca) | 1.397,50 euros | 2.264 euros | 1.500 euros |
Rubia Galega (6 anos) | 1.510,60 euros | 2.820 euros | 1.500 euros |
Frisoa (4 anos) | 4.109,30 euros | 4.370 euros | 2.600 euros |
Unións sinala que, en primeiro lugar, cómpre actualizar os baremos de indemnización fixados polo Ministerio, “que marcan uns mínimos”. “É un tema que xa abordamos co delegado do Goberno en Galicia”, sinala Unións Agrarias.
En segundo lugar, “en calquera caso, a Xunta pode complementar as indemnizacións mínimas marcadas polo Ministerio” -valora Unións-, como xa fai por exemplo Cantabria.
2) Axudas para desinsectación e tratamentos
Ao longo do outono, espérase que a Xunta active unha liña de axudas para desinsectación e tratamentos nas ganderías. Nas últimas semanas, a Xunta insiste en que está á espera dos fondos comprometidos polo Ministerio para esa cuestión, pero desde Unións Agrarias opinan que “ambas institucións deben coordinarse e deixarse de liortas políticas”.
A organización agraria pon o exemplo de Cantabria e Castilla y León, onde xa se activaron esas liñas de axudas para as granxas. No caso de Castilla y León, abónase un fixo por explotación afectada de entre 500 e 1.000 euros, en función do tamaño da gandería, en tanto Cantabria optou por un pago de 25 euros por animal.
O pago en Castilla y León é de 500 euros para as granxas de ata 50 animais, de 750 euros ata 100 animais, e de 1.000 euros para as de máis de 100 animais.
Petición dunha prórroga para movementos de animais sen vacina de lingua azul
A lingua azul é outra enfermidade que está a ocasionar problemas nas granxas, neste caso máis pola normativa que polo propio impacto da enfermidade en si, “que está tendo pouca afectación, probablemente gracias á vacinación”, recoñece José Ramón González, responsable de producións extensivas de Unións Agrarias.
A cuestión é que desde o día 8 de setembro non se poderán mover animais sen vacinar das granxas, nin sequera para ir ó matadeiro. Desde Unións piden que o Ministerio active unha prórroga, “xa que a campaña de vacinación da língua azul segue aberta e hai granxas ás que a vacinación oficial non chegou, polo que aínda os animais non recibiron nin a primeira dose”.
Outro problema, máis xeralizado, é o caso de granxas que teñen a primeira dose pero non a segunda, para a que hai que esperar 21 días, polo que tampouco poderían mover animais ata completar a pauta.
Unha terceira situación é a das ganderías con EHE que optaron por aprazar a vacinación da língua azul para evitar posibles problemas e que agora se poden ver imposibilitadas de sacar animais.
“En Galicia esta situación é un problema grave, pois se un becerro se pasa dos 10 meses xa non poderá entrar en Ternera Gallega Suprema e depreciarase”, advirte González.
A EHE na montaña de Lugo: a vacina chegou cando se comezou a expandir a enfermidade