Administración convocante: Consellería do Medio Rural.
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200128/AnuncioG0426-201219-0002_gl.html
Prazo:
Resumo:
Medio Rural publica hoxe a orde de axudas que regula as indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais, no marco dos programas oficiais de control e enfermidades de saneamento gandeiro. A convocatoria deste ano está dotada de 935.000 euros e o prazo de solicitude prolongarase desde mañá ata o 30 de novembro. Tramitaranse tamén as indemnizacións que quedaran pendentes do pasado exercicio.
As indemnizacións pagaranse de acordo co baremo establecido polo Ministerio de Agricultura. Ese baremo está en fase de actualización e prevese que se aumenten as cuantías no gando de recría en relación ó que se viña pagando o pasado ano. En consecuencia, en animais de recría de carne de menos dun mes, pagaríase 196 euros por baixa (fronte ós 147 euros do 2019); en tanto o gando de carne de entre 1 e 3 meses quedaría en 307 euros por cabeza (polos 209 actuais).
En leite, o gando de 1 a 3 meses pasaría de 209 a 284 euros; en tanto o de menos dun mes quédase en 147 euros.
As maiores indemnizacións pagaranse polas vacas que están en plena idade produtiva, entre 24 e 48 meses de vida. No caso das granxas de leite, abónanse a 907 euros e en carne a 707 euros.
Poderán beneficiarse destas achegas os titulares con gando vacún, ovino ou cabrún que morra ou deba sacrificarse por padecer ou convivir con reses afectadas pola tuberculose, brucelose, leucose ou língua azul. Tamén os que teñan animais sacrificados, mortos ou destruídos por encefalopatías esponxiformes transmisibles e aves sacrificadas dentro dos programas nacionais de control de salmonela, por un foco de influenza aviaria ou por enfermidade de Newcastle.
A maiores, poderá indemnizarse a morte ou sacrificio de animais como consecuencia dunha resolución ou de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, así como por tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico.