Incendios forestais do 2025: A Xunta asegura que actuou en máis de 6300 hectáreas e na mellora de 100 kilómetros de pistas

O Consello do Goberno galego avaliou hoxe os traballos realizados pola Consellería do Medio Rural para a restauración e recuperación do monte trala vaga de lumes do 2025, con labores nos solos, mellora de infraestruturas e retirada de madeira

Publicidade

lumes Ourense1A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, segue a traballar para paliar as consecuencias da vaga de lumes do verán de 2025. Así o constata un informe avaliado hoxe no Consello do Goberno galego sobre os traballos de restauración e recuperación realizados no monte cunha actuación en máis de 6.300 hectáreas, entre a extracción de madeira comercial en montes de xestión pública e co acolchado de palla para a consolidación de solos e redución da escorrentía superficial; e na mellora de algo máis de 100 quilómetros de pistas forestais.

Concretamente, desde a Dirección Xeral de Defensa do Monte, en colaboración co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), realizáronse unha serie de traballos que permitiron identificar as áreas prioritarias nas que intervir para levar a cabo a consolidación de solos e redución da escorrentía superficial. Para iso, procedeuse coa técnica de acolchado con palla, técnica coñecida como mulching, e coa instalación de barreiras de biomasa como faxinas ou albarradas. En total, actuouse en preto de 110 hectáreas a través de mulching e helimulching e instaláronse arredor de 1.000 metros de albarradas entre as provincias de Ourense e Lugo, nas de maior incidencia de lumes pasado verán.

A maiores, tamén se procedeu coa adecuación do firme das pistas forestais danadas, con labores como a limpeza de cunetas e a instalación e/ou reparación das obras de paso necesarias para mellorar a capacidade de evacuación das augas. Neste sentido, actuouse en máis de 100 quilómetros de pistas das catro provincias. En total, tanto para estes labores como para as tarefas de mulching, mobilizouse un orzamento de case 1,6 millóns de euros.

Análise da técnica do mulching

O pasado 24 de febreiro realizouse, por parte do CSIC, unha prospección de parte da área afectada polos incendios de Larouco-Seadur e Oímbra-A Granxa, correspondente a masas de Pinus pinaster, onde se está efectuando a corta e saca da madeira queimada. O obxectivo era identificar se esas operacións poden amplificar a resposta hidrolóxica despois do incendio.

Cómpre resaltar que, caso de Larouco-Seadur a prospección centrouse nas ladeiras do río Leira e os regatos vertentes por enriba de Vilamartín de Valdeorras. A severidade do lume predominante foi moderada na vexetación e baixa no solo e, a pesares das intensas precipitacións, non se observaron sinais de erosión apreciable nas ladeiras queimadas nas que aínda non se extraeu a madeira queimada ou noutras onde a severidade do lume foi moderada.

No caso de Oímbra-A Granxa, a maioría da superficie queimada foi afectada polo lume de forma moderada. Isto probablemente reduciu o impacto da saca da madeira queimada. Na análise preliminar non se teñen identificado áreas problemáticas, predominando o bo estado xeral das pistas e cunetas. Nas zonas onde se aplicou a cobertura de mulch despois do incendio, esta permanece protexendo o solo.

De cara aos próximos meses seguiranse levando a cabo avaliacións coa colaboración dos distritos forestais mediante mostreos sistemáticos, estimando a cobertura vexetal, altura das plantas e cobertura do solo, ademais de posibles formas de erosión.

mulching palla monte queimado

Retirada de madeira afectada

Por outra banda, desde a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal estase a traballar na retirada da madeira comercial afectada, para logo continuar coa eliminación de madeira non comercial. Estas actuacións son imprescindibles para favorecer as bases dunha rexeneración posterior das masas arboradas.

Neste sentido, na provincia de Ourense desenvolveuse un plan de alleamento de madeira comercial que está permitindo mobilizar un volume significativo de madeira queimada procedente dos incendios de 2025, articulando un proceso ordenado de posta no mercado e xeración de ingresos para as entidades titulares.

Segundo os últimos datos, o plan abrangue un total de máis de 6.200 hectáreas, cun volume global superior os 930.000 m3 de madeira, acadando un prezo de adxudicación de case 13,5 millóns de euros.

Este alleamento contribuíu á recuperación de valor dunha madeira que, de non ser mobilizada con celeridade, podería sufrir unha depreciación progresiva por efectos de pragas, fungos ou deterioración estrutural. Ademais, a posta no mercado deste volume favoreceu a actividade das empresas de aproveitamento forestal e da industria transformadora, dinamizando a economía local nun contexto de especial dificultade tras os incendios.

Actuacións de restauración hidrolóxico-forestal

A Xunta de Galicia, en colaboración co Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), está tamén impulsando actuacións de restauración hidrolóxico- forestal por importe de 9,5 millóns de euros. En total tramitáronse 13 expedientes centrados nas zonas afectadas polos incendios de Larouco, Oímbra, Chandrexa de Queixa, A Mezquita e Carballeda de Valdeorras.

As actuacións executadas teñen como finalidade principal a estabilización e protección do solo fronte a procesos erosivos, a corrección hidrolóxica en zonas de forte pendente, a restauración de infraestruturas forestais danadas, así como a recuperación da cuberta vexetal en áreas prioritarias.

A Consellería do Medio Rural está a traballar co obxectivo de dar resposta ao novo escenario xerado pola vaga de incendios forestais acontecida neste verán. A prioridade é, a maiores das tarefas inmediatas de protección do solo e recuperación das infraestruturas de prevención danadas, a recuperación do potencial forestal, mediante unha estratexia que combina accións inmediatas, medidas de medio prazo e unha planificación a longo prazo orientada á resiliencia das masas forestais.

A partir de agora traballarase na identificación das zonas onde será necesario acometer investimentos específicos de restauración forestal, dirixidos a reforestar zonas sen capacidade de rexeneración natural. Tamén se manterá un seguimento continuo do estado fitosanitario do arborado, co fin de detectar con rapidez posibles riscos derivados da debilidade das masas tras os incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información