Millares Torrón pon en marcha na capital lucense un concesionario oficial de Fendt, no que oferta toda a gama de tractores e maquinaria de forraxe da firma alemá. As instalacións, ubicadas na urbanización Bela Vista (N-540), preto da propia Millares Torrón, inauguráronse coa asistencia de centos de persoas que pasaron na mañá de hoxe polo concesionario.
Millaven conta cunha ampla nave de exposición dos tractores e apeiros de Fendt, reservándose tamén espacio para a marca xaponesa Iseki, orientada á xardinería e a pequenos tractores agrícolas, e para a marca Maschio, centrada en apeiros de laboreo. Outra ala de Millaven está adicada a xardinería (Cub Cadet) e ós quads Can-am, unha oferta que se traslada das instalacións de Millares Torrón ó novo concesionario, que ten tamén un espazo taller para os quads.
O concesionario, que comeza a funcionar a partir do luns, xa conta cos seus tres primeiros tractores Fendt vendidos, Todos eles estaban na exposición de hoxe. O que máis chamaba a atención era o Fendt 1050, con máis de 500 cabalos, que é o tractor máis grande da marca vendido ata agora en Galicia. Foi adquirido por Ramudo Servicios Forestais, de Vilalba (Lugo), en tanto os outros dous tractores xa vendidos son un Fendt 828, mercado por Sat Pedrolas (Castroverde), e un Fendt 939, por Manuel García Obarrio (A Pastoriza).
Con esta apertura, Millares Torrón amplía a súa oferta, complementando as instalacións que ten en Esperante co concesionario Millaven, que se converte na referencia da provincia en maquinaria de alta gama.
Galería de fotos