Inaugurado en Lugo o primeiro centro público experimental de Galicia de formación e investigación do sector lácteo

Inaugurado en Lugo o primeiro centro público experimental  de Galicia de formación e investigación do sector lácteo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da Vicepresidenta, Maite Ferreiro, e do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Díaz López, ademais de membros da corporación provincial e de representantes da USC, entre outros, inaugurou este martes a Granxa Experimental de Leite na finca Gayoso Castro, en Castro de Rei.

“Trátase dunha instalación pioneira, ao tratarse do primeiro centro público experimental de Galicia que aúna formación e investigación sobre o sector lácteo”, destacan dende o goberno provincial.

A institución provincial destinou 1.250.000€ para construir e dotar as instalación, o 90% do investimento necesario, achegando a USC o 10% restante. A Deputación asumirá ademais o 100% dos gastos de funcionamento.

José Tomé subliñou que esta infraestrutura “de primeiro nivel no material, pero, sobre todo, no profesional”, xa está en marcha, “coa primeira promoción de alumnos e alumnas do Campus Terra que completarán e mellorarán aquí a súa formación”. “Quixemos inaugurar agora, cando estas instalacións están cheas de vida e de actividade, e non antes porque non ten ningún sentido inaugurar edificios baleiros, sen profesionais, sen xente que lle dea vida”, subliñou o mandatario provincial. Engadiu que “os profesionais, o capital humano, é o que dá valor, o que dá verdadeiro sentido e utilidade real ás infraestruturas”.

Tomé Roca recalcou que a Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro da Deputación ten como obxectivo “poñer a formación, a investigación e a innovación ao servicio dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural”. “A nosa meta é converter este centro naquilo para o que foi creado: un gran centro de formación, de investigación e de innovación do sector lácteo que contribúa a que as explotacións leiteiras da nosa provincia sexan máis rendibles e máis sostibles”, axudando a afrontar retos importantes, “como aumentar o valor do produto, reducir costes de produción e favorecer o benestar animal”.

Nesta granxa analizaranse todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solución.

A Granxa Experimental de Leite cubre ademais unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, o que suporá un engadido de calidade na formación do alumnado porque farán prácticas nun laboratorio vivo. Neste senso, lembrou que o 25% dos seus grupos de investigación do Campus Terra están relacionados coa produción láctea.

Deste xeito, as novas instalacións creadas pola Deputación coa colaboración da Universidade de Santiago, “contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia de Lugo a través do impulso dun sector produtivo esencial para a nosa provincia, como é o lácteo, no que somos unha potencia a nivel do Estado; e tamén contribuirán a afianzar a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior europeo, a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural”, asegurou o Presidente.

Instalacións á vangarda

“Aportamos as vacas coas que o alumnado vai facer as prácticas, o alimento e o manexo do gando, a maquinaria para cultivar a finca e as persoas que, co seu traballo, van facer que isto funcione”, subliñou o Presidente.

As instalacións están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón.

Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna da Granxa Experimental, investindo preto de 140.000€, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura.

Instalouse unha sala de muxido que terá capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo. O centro conta tamén cunha zona de observación, que facilita a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas.

Percorrido guiado

No acto de inauguración da Granxa Experimental de Leite celebrado hoxe asistiron deputados e deputadas da Corporación provincial, representantes e profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, membros da corporación municipal de Castro de Rei, alumnado que está desenvolvendo as súas prácticas nas instalacións, persoal da Deputación e da Granxa, e as persoas encargadas da dirección da obra. Unha vez feita a inauguración oficial, en grupos reducidos desenvolvéronse visitas guiadas por persoal técnico ás diferentes dependencias que conforman a Granxa Experimental de Leite.

granxa campus terra 1 granxa campus terra 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información