Para dar continuidade á promoción da fruticultura do Concello de San Sadurniño, o seu alcalde, Secundino García Casal, e o presidente da Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA do Eume), Ignacio Bellas Castro, asinaron un convenio de colaboración anual. Neste ano, o montante ascende a 4.000 euros e permitirá levar a cabo actividades e asegurar o correcto mantemento da colección de variedades tradicionais existentes na Horta de Conservación e Demostración de Froiteiras Autóctonas “Carlos Fronos”.
No convenio fíxanse as bases de colaboración e renóvase así un compromiso que se mantén dende o 2008, cando o concello e a asociación instalaron nunha parte dos terreos da Cortiña un espazo pioneiro en Galicia dedicado á conservación e divulgación das froiteiras autóctonas das comarcas do Eume, Ferrolterra e Ortegal.
Así, o Concello mantén a cesión gratuíta das instalacións da horta, ademais de apoiar economicamente a labor que desempeña a AGFA en San Sadurniño. Entre as accións concretas recollidas no convenio, a AGFA do Eume deberá incorporar novas variedades de maceiras, pereiras, cerdeiras, ameixeiras e outras especies autóctonas, así como a repoñer as árbores que se perdan por causas naturais.
Proximmamente levarán a cabo un curso de fruticultura de 20 horas
Tamén figuran actividades xa efectuadas, como foi o concurso de froita celebrado na Feira Rural, acompañado de dous talleres prácticos, ou a realización dun curso de fruticultura de 20 horas, cun desconto do 50 % para a veciñanza de San Sadurniño. Esta acción formativa convocarase, previsiblemente, nas próximas semanas.
A entidade asumirá ademais a coordinación das visitas guiadas á Horta de Conservación, principalmente coa Asociación Casa do Mel de Goente, co obxectivo de difundir conxuntamente a fruticultura e a apicultura. A maiores, a AGFA comprométese a manter o espazo en bo estado, facilitar o seu uso con fins divulgativos e incorporar nas súas comunicacións o logotipo do Concello e do Xeoparque do Cabo Ortegal. O acordo tamén precisa a obriga de empregar unha linguaxe inclusiva e promover valores de igualdade.
Galego






Control OJD