Impulsan unha iniciativa lexislativa popular para cambiar a xestión do xabarín

Unións Agrarias recolle sinaturas en demanda dun control da especie. “É necesario un censo e determinar unha densidade máxima por zonas para reducir danos e riscos”, expón o secretario xeral da organización, Roberto García

Impulsan unha iniciativa lexislativa popular para cambiar a xestión do xabarín

Félix Porto e Roberto García, en rolda de prensa.

A expansión que vén experimentando o xabarín en Galicia chegou ata o punto de convertir a especie nun problema social. O aumento de sinistros de tráfico causados polo porco bravo, máis dun milleiro cada ano, e a súa incursión nas principais cidades galegas puxeron ó animal nun primeiro plano mediático e político. “É triste que dez xabaríns na muralla de Lugo merezan máis atención que os 15 millóns de euros de perdas que causa a especie no agro”, valora o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que compareceu hoxe para anunciar unha iniciativa lexislativa popular en demanda de cambios na xestión do xabarín.

A organización agraria aproveita a certa alarma social que está a causar o xabarín para levala ao seu terreo. Unións anuncia que iniciará de xeito inmediato a recollida de sinaturas para conseguir no Parlamento de Galicia un debate lexislativo sobre o porco bravo.

“Se a Xunta pensa que uns arqueiros á porta de Lugo van resolver o problema do xabarín, estamos listos” (Roberto García)

“Esta primavera propuxémoslle a Medio Rural un plan piloto para a xestión do xabarín no Deza, pero visto que fixeron oídos xordos, será a cidadanía a que force a discutir cambios lexislativos no Parlamento”, sinala García. “Se pensamos que o problema se vai resolver cuns arqueiros ás portas de Lugo ou con algunhas xaulas contadas que se repartiron por Galicia adiante, estamos listos”, cuestiona.

Establecer densidades
Unións pide en primeiro lugar un censo da especie, de cara a establecer con criterios técnicos densidades máximas por zonas ou comarcas. “Temos que determinar con cantos xabaríns podemos convivir en cada zona para que os danos sexan xestionables e asumibles, tanto no agro como en sinistros de tráfico. Hai que considerar ademais o risco evidente que representa a especie para o sector porcino en caso de que continúe avanzando por Europa a peste porcina africana”, sinala García, que ofreceu hoxe unha rolda de prensa conxunta con Félix Porto.

“Se ata o de agora o que se fixo non funcionou e seguimos facendo o mesmo, non hai solución posible”, valora García, que recoñece o papel que xogan os Tecores no control da especie, pero advirte de que son insuficientes. “A caza social ten dificultades para o control da especie. Pode ser necesario profesionalizar algunhas cuadrillas de cazadores que estean dispostas a implicarse no control do porco bravo, contratar empresas de xestión ou mesmo utilizar o exército, como xa se está a facer en Centroeuropa, pero hai que buscar solucións”, sinala o secretario xeral de Unións.

Sobre as indemnizacións convocadas este ano pola Xunta para paliar as perdas causadas polo xabarín no agro, García táchaas de electoralistas e insuficientes. “Estas axudas son como o Guadiana, aparecen cando hai eleccións e logo desaparecen durante anos”, critica.

Unións aspira a que haxa este outono un debate lexislativo sobre o xabarín no Parlamento galego e a que se adopten medidas de inmediato, que poidan ser aplicables no 2020. “Perfectamente se poden adoptar medidas a través da lei de acompañamento de presupostos, que sae a final de ano”, valoran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información