Data inicio: 23/10/2015
Data fin: 23/10/2015
Lugar: Trasliste, Láncara, Lugo, España
O museo integrado de maquinaria agrícola clásica de Trasliste (Láncara, Lugo) acolle este venres 23 de outubro o primeiro encontro do que quere ser unha comunidade de programadores de maquinaria agrícola en código aberto. A comunidade nace co nome ‘Eu amo fedellar’, que fai referencia á capacidade de moitos para amañar por si mesmos un aparello.
A proposta insírese dentro do movemento Open Source, máis coñecido polo software libre e o hardware libre, no ámbito informático, pero que tamén chega á maquinaria agrícola en código aberto.
A creación da comunidade ‘Eu amo fedellar’, que se mantén aberta á participación, está impulsada pola Rede Revolta, na que participan sete grupos de investigación das universidades galegas, o colectivo de creación Montenoso, a Ong Enxeñería sen Fronteiras, o colectivo Makers de Lugo, a Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica e o colexio Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco.
O encontro que se desenvolve este venres en Trasliste (Láncara) quere ser unha mostra de diferentes accións relacionadas coa maquinaría agrícola en código aberto. O programa da xornada aborda cuestións como a posibilidades de reparación da propia maquinaria por un mesmo ou a necesidade de impulsar a robótica no rural galego.
Calquera interesado no proxecto pode contactar coa organización a través do correo electrónico rede.revolta@usc.es.
Programa do encontro
11:00-11:10 Presentación xornada
11:10-11:40 A innovación tecnolóxica ao longo da historia_Lourenzo Fernández Prieto [Catedrático de Historia Contemporánea da USC]
11:40-12:10 Non Intente facer isto na súa casa: Experiencia persoal no deseño e manufactura dun producto calquera_Pablo Blanco [Montenoso]
12:10-12:40 As tecnoloxías non son neutras_[Enxeñería Sen Fronteiras]
12:40-13:00 Café-debate
13:00-13:30 Por unha robótica Open Source no rural_Tucho Mendez [CPI Alcalde Xose Pichel Coristanco]
13:30-14:00 Ou de como amañar un tractor con arduino_Jesús Toural [Makers Lugo]
14:00-14:30 Maquinaría agrícola clásica, unha actividade innovadora_Marcos Vázquez [Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola Clásica]
14:30-15:00 Conclusións do encontro.