Impulsan un colectivo a nivel de Galicia en demanda de máis concentracións parcelarias

A asociación ‘Queremos Parcelarias’, de Agolada (Pontevedra), iniciou contactos con outras entidades para crear unha plataforma autonómica. Cuestionan que a Xunta deixara fóra ao seu concello das 26 parcelarias que se van decretar este ano

Impulsan un colectivo a nivel de Galicia en demanda de máis concentracións parcelarias

Asemblea anual de Queremos Parcelarias, celebrada este mes. / Cedida.

O minifundio, co conseguinte abandono de terras que xenera, continúa a ser un problema en determinadas zonas gandeiras da comunidade. É o caso do concello de Agolada, onde desde o 2018 unha asociación demanda que se reactiven concentracións parcelarias comprometidas para o concello. Trátase do colectivo ‘Queremos Parcelarias’, que vén de iniciar contactos con outras asociacións da comunidade para crear unha plataforma a nivel galego en demanda de máis concentracións.

A idea da creación dunha plataforma xurdiu logo de que distintas entidades de toda Galicia foran contactando nos últimos anos con Queremos Parcelarias para coñecer as actividades que desenvolven. O colectivo de Agolada foise convertindo así nunha referencia para os veciños que demandan estes procesos de reestruturación da terra noutras partes de Galicia.

Dado o sentir común de que en determinadas zonas, as parcelarias resultan imprescindibles para o desenvolvemento rural, Queremos Parcelarias decidiuse a promover unha plataforma a nivel galego para canalizar ante Medio Rural a demanda de procesos que ou ben están paralizados ou desatendidos.

As asociacións interesadas en participar poden contactar por correo electrónico con Queremos Parcelarias: queremosparcelariasagolada@gmail.com

O caso de Agolada
En Agolada, a asociación lembra que o conselleiro do Medio Rural comprometera no 2019 a atención ás peticións veciñais para retomar as concentracións parcelarias. “En marzo do 2019 asegurounos que tiñamos 17 procesos por diante dos nosos, pero que no 2021 comezarían os trámites necesarios. Logo deste compromiso, a Xunta vén de anunciar recentemente 26 novos procesos de concentración, entre os que non figura ningún de Agolada. Entón, semella que nos meteron outros 9 por diante”, cuestionan.

A asociación, que celebrou este mes a súa asemblea anual, sinalou que non tivo contestación ás últimas cartas que lle enviou ó conselleiro e máis a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo que volverá dirixirse a ambos cargos en demanda dunha resposta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información