Impulsan un centro de selección xenética da abella autóctona no Xurés

Procuran abellas máis resistentes a enfermidades como a varroa e cunha alta produción de mel. No proxecto desenvolverán unha aplicación móbil e dispositivos especiais nas colmeas para facer o seguimento das abellas

Impulsan un centro de selección xenética da abella autóctona no Xurés

Están a darse xa os primeiros pasos para a creación dun centro de selección xenética da abella autóctona nos montes do Xurés (Ourense). Trátase dun proxecto piloto co que mellorar os recursos apícolas do parque natural a través da selección das mellores colmeas e a cría posterior de raíñas procedentes delas.

No proxecto, que conta con financiamento europeo, participan a Asociación Apícola de Bande, xunto coa Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) e a Universidade de Vigo. Serán os propios apicultores do Xurés os que se encarguen de xestionar o centro co apoio e asesoramento tanto da Universidade como de Asefoga.

O centro de selección xenética xurde como a ferramenta para lograr localizar e preservar a abella autóctona, mellor adaptada ó ecosistema do parque. Ademais, neste proceso de selección tamén buscan lograr colmeas cunha maior produción e máis resistentes a enfermidades como a varroa, principal ameaza dos apiarios.

Nesta fase inicial, os apicultores están a localizar aquelas colmeas que poidan ter abellas autóctonas. “Estamos contactando cos apicultores máis veteranos que non mercasen raíñas e achegándonos a aqueles pobos máis remotos para procurar colmeas autóctonas”, explica Xurxo Domínguez, presidente da Asociación Apícola de Bande, un dos socios do proxecto.

Apiario experimental

Unha vez localizadas e adquiridas estas colmeas, será a Universidade de Vigo a que se encargue da análise morfolóxica e xenética para identificar aquelas abellas locais con mellores características. Das colmeas seleccionadas obteranse raíñas coas que crear un apiario experimental xa nesta vindeira primavera.

Precisamente, unha das fases máis complexas é a cría das novas colmeas de abellas autóctonas, posto que se trata dunha fecundación controlada só coas abellas seleccionadas. “Estamos a buscar espazos illados onde colocar estas colmeas e que nos sirvan para reproducir as colmeas e obter raíñas con tódalas garantías”, apunta Domínguez.

Contarán cunha aplicación móbil e con colmeas con sensores para facilitar a monitorización das abellas

No apiario experimental, os propios apicultores encargaranse do seguimento e recollida de datos das abellas. “Medirase a infección de varroa e ó final da campaña a produción de mel”, detalla o apicultor. Nesta fase do proxecto contarán co apoio de Asefoga, que se encarga do deseño dunha aplicación móbil e de colmeas con sensores para facilitar a monitorización das abellas. Ademais das colmeas monitorizadas no apiario experimental, repartiranse outras colmeas con estes sistemas de seguimento entre algúns dos apicultores que participan no proxecto. “Deste xeito obteremos datos máis variados e non só dunha zona determinada”, concreta o abelleiro.

Ó remate da campaña 2022 agardan ter xa realizada unha selección das mellores colmeas, aquelas abellas autóctonas con maior resistencia e produción, polo que no segundo ano do proxecto o obxectivo é reproducir masivamente estas colmeas para repartilas entre os apicultores voluntarios da comarca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información