A Deputación de Ourense continúa avanzando na recuperación da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra ourensá, unha iniciativa que será retomada este ano, grazas á colaboración entre administracións locais e o propio sector vitivinícola.
O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo con alcaldes, representantes políticos dos municipios que conforman a Denominación de Orixe vitivinícola (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, O Castro de Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives e Manzaneda), así como adegueiros, na que se deron novos pasos para concretar a proposta que busca poñer en valor un dos principais sinais de identidade do territorio.
Na reunión quedou constituída unha comisión organizadora integrada por representantes institucionais (a alcaldesa de O Castro de Caldelas, Sara Inés Vega; e os alcaldes da Peroxa e A Teixeira, Manuel Seoane e Xosé Vázquez, respectivamente) e membros do sector, os adegueiros Carlos Rodicio, Jorge Ferreiro e César Enríquez “Cachín”.
Na cita consensuouse a data da súa celebración, que terá lugar na fin de semana do 24 de outubro, coincidindo co remate das tarefas de vendima, como homenaxe ao traballo de viticultores e adegueiros.
Esta iniciativa supón un aliciente máis nun ano no que a Ribeira Sacra aspira a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade
A partir de agora, e de maneira inmediata, o comité organizador avanzará no deseño das actividades e na elección do formato, que inicialmente se prevé itinerante, co obxectivo de percorrer diferentes puntos da Ribeira Sacra ourensá.
O presidente da Deputación subliñou que existe unha “visión compartida e unánime” sobre a necesidade de recuperar esta mostra, entendida como unha acción fundamental para promocionar o viño e o territorio nun momento especialmente relevante.
Neste sentido, Menor destacou que esta iniciativa supón “un aliciente máis” nun ano no que a Ribeira Sacra aspira a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, reforzando así o seu posicionamento como destino de referencia.
Finalmente, a Deputación reafirma así o seu compromiso coa dinamización do rural e coa posta en valor dos recursos propios, apostando por iniciativas que contribúan ao desenvolvemento sostible e á fixación de poboación no territorio.
Galego









Control OJD