O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou hoxe que o seu departamento vén de iniciar o pago de 159,3 millóns de euros ás granxas de leite. Esa é a cantidade que estaba prevista no paquete de axudas directas ó sector lácteo en resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína, un conflicto que elevou aínda máis os custos de produción das granxas.
Planas lembrou que se trata dunha medida “excepcional” que se adoptou “con urxencia” pola vulnerabilidade e importancia do sector lácteo. O programa de apoio fronte ás consecuencias da guerra de Ucraína prevé en conxunto medidas para o sector primario por importe de 430 millóns de euros.
Dentro desta liña, inclúense as axudas específicas para os produtores de leite de vaca, ovella e cabra, co obxectivo de compensalos polo aumento do prezo dos pensos, electricidade e combustibles. En total son 169 millóns de euros, dos que neste primeiro pago se abonan 159,3 millóns. Por sectores, as granxas de vacún de leite recibirán 118 millóns, as de ovino 29,8 e as de caprino 10,8.
Os importes definitivos das axudas son os seguintes. En leite, 204,95 euros por vaca ata un máximo de 40 vacas por beneficiario; 136,63 euros por vaca para os animais comprendidos entre o 41 e o 180; e 97,59 euros por vaca para os animais adicionais por riba de 180.
En ovino, páganse 14,56 euros por ovella, e en caprino 8,08 euros por cabra.
O importe máximo por titular de explotación non poderá superar os 35.000 euros. Os pagos inicianse polas explotacións que non teñan presentado alegacións e que estean ó día no cumprimento das obrigas tributarias e coa seguridade social.
Cada explotación pode consultar na sede electrónica do Ministerio de Agricultura o importe total da súa subvención.
Subsanación e alegacións
Tamén está previsto publicar unha resolución de subsanación, na que se lle darán 10 días de prazo ás explotacións con obrigas pendentes con Facenda ou Seguridade Social para que regularicen a súa situación. As alegacións que corresponda poderanse presentar a través da sede electrónica do FEGA.