Importantes cambios nos controis da vendima en Valdeorras

Publicidade
Importantes cambios nos controis da vendima en Valdeorras

Vendima en Valdeorras

Esta vendima as propias adegas da Denominación de Orixe Valdeorras deberán asumir gran parte do control e a inspección da orixe da uva, a trazabilidade do produto e o cumprimento das cotas de produción estimadas. Este traballo de control realizábao ata agora o Consello Regulador., en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, pero as esixencias da Entidad Nacional de Acreditación (ENAC) obrigan a estes cambios.

A proposta foi estudada este venres no Pleno do Consello Regulador e é unha esixencia de ENAC para lograr a acreditación, un requisito co que xa contan 3 DO´s galegas (Monterrei, Rías Baixas e Ribeira Sacra) e que Valdeorras persegue dende o ano 2014.

Neste sentido, o presidente do organismo, José Luis García Pando salienta que este novo sistema de control non será novo en Galicia, xa que “diferentes consellos reguladores galegos como o das Rías Baixas ou o da Ribeira Sacra levan xa a cabo de forma exitosa este novo sistema nos seus territorios amparados”.

A filosofía fundamental dos cambios que se acometerán ten que ver con que pasarán a ser as empresas vinícolas (bodegas) as que se responsabilicen principalmente de controlar e inspeccionar a orixe da uva e o cumprimento das cotas. “Éstas serán tamén as encargadas de controlar os seus provedores en vendima” e para iso “o Consello Regulador porá a disposición dos operarios os medios precisos para levo a cabo”. O novo sistema posibilitará ás adegas “asegurar a trazabilidade do produto desde a uva ata a botella.

Ao rematar o Pleno, o presidente da D.O. afirmou tamén que proximamente se informará polo miúdo a todas as bodegas valdeorresas dos cambios neste eido. “A de hoxe foi a primeira xuntanza para tratar un asunto que vai ser desenvolvido ao longo de próximos plenos, pois trátase de modificacións con certo grao de complexidade necesarias, en todo caso, para dar cumprimento aos parámetros de ENAC”, afirmou o máximo responsable do Consello Regulador.

Actos promocionais

Paralelamente, o Pleno do Consello Regulador aprobou a celebración dun acto promocional na Coruña o vindeiro 2 de xullo, que se desenvolverá no Hotel Finisterre co obxecto de por en valor o territorio amparado e os seus produtos.

O evento incluirá a posta en marcha dun showroom e a degustación de diferentes referencias da zona “co obxecto de achegar os nosos viños aos consumidores finais”, segundo precisou García Pando.

Xunto a isto, no último Pleno informouse de que entre os vindeiros 21 e 23 de maio o Consello Regulador participará na London Wine Fair de Londres. Serán o presidente e o director técnico do organismo os que viaxen á capital británica para liderar a comitiva de viños valdeorreses que se darán a coñecer neste relevante foro especializado.

Finalmente, o Pleno coñeceu tamén que na fin de semana do 26 e 27 de maio un grupo de bloggers, xornalistas especializados e influencers relacionados co eido vinícola visitará diferentes bodegas valdeorresas nunha acción promocional que lidera o Consello Regulador co obxectivo de divulgar os valores diferenciais dos seus produtos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información