Os prezos do gando vacún destinado a sacrificio seguen subindo en Silleda, tanto no caso das vacas como dos becerros carniceiros de cruzamento industrial, unha espiral alcista que segue sen desinflarse malia o remate do mes de agosto, a época de maior consumo.
Na recría, na sesión deste martes produciuse unha corrección a respecto das cotizacións da semana anterior, cunha suba no gando frisón e unha baixada nos xatos de cruce industrial. En xeral, o mercado segue primando os animais de máis idade fronte aos máis pequenos, de entre dúas e tres semanas de vida.

Os becerros carniceiros seguen a manter prezos elevados, cunha suba de 20 euros nos de raza frisoa a respecto da semana anterior e de 36 nos machos de cruzamento industrial (75€ no caso das femias).

O vacún maior segue mantendo prezos de récord, coas vacas de categoría extra pagándose por enriba dos 2.400 euros (en concreto, 2.431 euros, 61 máis que a semana pasada) e as de primeira nos 2.000 euros (140 euros máis que a semana pasada). As de categoría segunda e as de desfeito tamén subiron nesta sesión.

Nas mesas de prezos, produciuse unha nova baixada de 3 céntimos en quilo este martes no porcino cebado, o terceiro descenso consecutivo nas últimas tres semanas. Na categoría superior, a selecta, o descenso acumulado nos últimos dous meses é de 17 céntimos en quilo, desde os 1,845 euros/kg da primeira semana de xullo (na sesión 8 de xullo) aos 1,675 euros/kg da sesión deste martes.
No que respecta ao resto de especies gandeiras, os ovos das categorías L e XL, tanto os brancos como os rubios, subiron 2 céntimos a ducia, até cotizar a 2,88 e 3,38 euros respectivamente.

Pódese descargar neste enlace a cotización completa da sesión do 2 de setembro de 2025.
Galego









Control OJD