Os datos de entregas de leite do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA)correspondentes ao mes de xaneiro publicados este xoves revelan que a produción de leite subiu de forma notable en toda España con respecto ao mes de decembro, mentres que os prezos experimentaron unha lixeira subida.
En concreto, en xaneiro as entregas de leite de vaca en España ascenderon a 630.629 toneladas, fronte ás 616.793 toneladas producidas en decembro, e se se compra de xeito interanual unha suba tamén importante en relación ás 617.320 toneladas de leite producidas en xaneiro de 2021.
Este incremento foi posible grazas a que Galicia sigue tirando da produción láctea española e xa representou en xaneiro o 41% do total. Así, na comunidade galega producíronse 255.258 toneladas, un incremento notable respecto ás 249.701 toneladas de decembro pero sobre todo con respecto ás 243.950 de xaneiro de 2021.
En Galicia soben os prezos en xaneiro a metade que na media española
Polo que respecta ao prezo medio en xaneiro, no conxunto de España foi de 0,371 euros o litro, o que supón un incremento respecto aos 0,364 euros o litro de decembro.
En Galicia, os prezos medios en xaneiro foron de 0,359 euros o litro, fronte aos 0,356 de decembro, e por tanto cunha suba mensual a metade que a media española:0,03 céntimos por litro fronte a 0,07 céntimos.
En canto ás calidades, como xa ven sendo habitual, o leite galego producido en xaneiro tivo unhas medias de graxa superior ao do resto de España: 3,92% fronte ao 3,86%. En proteína, a porcentaxe foi idéntica: 3,35%.