A crise do coronavirus está a impactar moi negativamente nos produtores e industrias transformadores de Porco Celta, unha carne cun consumo ligado en boa parte á hostalaría, e cuxo peche a raíz do decreto de estado de alarma provocou un importante descenso nas vendas.
“No noso caso imos sacrificar esta semana un 50% menos do habitual porque arredor dun 60% das nosas vendas están na hostalaría e na restauración, e non nos queda máis remedio que reducir as nosas compras aos gandeiros”, explica Óscar Moreno, responsable comercial de Cárnicas Teijeiro.
Así, advirte de que “o mercado do Porco Celta está moi parado, e unha vez remate o estado de alarma valoraremos a situación e esperemos que nuns meses se volva recuperar o consumo desta carne e dos seus produtos elaborados”.
Cooperativa Tres Fuciños: “Imos facer 3 semanas sen sacrificar animais porque non hai venda”
No lado dos produtores o parón das vendas provocado polo peche da hostería tamén lles está a afectar perxudicar. Un exemplo é a cooperativa Tres Fuciños, que agrupa a 9 produtores de Porco Celta repartidos pola xeografía galega.
“Hai 15 días que non sacrificamos ningún animal porque non hai venda e esta semana seguiremos así. O noso é un cliente gourmet, que valora moito a calidade e o modo de produción sustentable, cun consumo moi vinculado á hostalaría, polo que ao pechar esta a actividade de venda parouse”, conta María Isabel Costas, presidenta da Cooperativa Tres Fuciños.
Ademáis, a crise provocada polo coronavirus tamén provocou que se paralizaron varias acordos a piques de pechar, algún para exportar carne de Porco Celta fóra de España. “Tiñamos moitos proxectos entre mans e tivemos que parar todo”, lamenta.
ASOPORCEL: “A evolución dependerá do que dure esta situación excepcional”
Dende a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) explican que “mentres que a actividade para os produtores segue a ser a mesma de sempre, pois ós animais hai que atendelos e procurarlles alimento e coidados, para operadores transformadores e comerciais a evolución é diferente”.
“Mentres que a maioría dos operadores, que distribúen en tendas e supermercados viron, incluso, aumentada a demanda dos produtos de Porco Celta nun primeiro momento, agora empezan a notar o descenso das ventas. Outros operadores que traballan máis enfocados ó subministro para hostalaría e restauración acusaron o parón destes establecementos dende un primeiro momento”, explican dende a asociación que agrupa a uns 120 produtores de Galicia.
“De momento segue habendo sacrificios semanais de Porco Celta pero a evolución dependerá do que dure esta situación excepcional”, engaden.
Os prezos en orixe para os produtores de momento non están a notar unha baixada, pero todo depende do que se prolongue o estado de alarma e o peche da hostalaría. “Polo de agora, non estamos vendo que a situación estea a repercutir nos prezos da carne de Porco Celta ou dos seus produtos. Pero seguramente todo dependerá do que se alongue esta situación no tempo, pois non deixa de ser un produto de calidade diferenciada, razón pola que xa ten un prezo superior, e non sabemos como será a evolución da produción e da demanda se é necesario manter as medidas de continxencia fronte ó virus durante moito tempo máis”, afirman dende ASOPORCEL.
Refórzanse as medidas para evitar a propagación do coronavirus
Polo demais, tanto na asociación como entre os produtores estanse a reforzar as medidas de seguridade para evitar a propagación do coronavirus. Así, a sede da asociación permanece pechada ó público e os empregados están a traballar dende a casa para seguir levando os temas administrativos.
“Tamén nos desprazamos ós matadoiros para certificar os sacrificios, pero paralizouse todo o traballo de campo. Isto é, os veterinarios non facemos ás visitas ás granxas para evitar ser vectores de transmisión do virus, non esquezamos que visitamos moitas granxas e contactamos con moita xente ó longo dun día. Aínda que estamos a disposición dos socios nos teléfonos habituais para intentar solventar calquera problema que lles xurda, a recomendación é que tamén eles se queden na casa na medida do posible e que non visiten outras granxas”, aseguran.