A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A importancia do período seco no ciclo reprodutivo das vacas

A importancia do período seco no ciclo reprodutivo das vacas

A fase de transición en vacas leiteiras é un período crítico no ciclo reprodutivo das vacas, que ocorre entre o final da lactación e a concepción da seguinte preñez. Durante este período, os animais experimentan cambios hormonais e metabólicos significativos, que poden ter un impacto na reactivación folicular e na fertilidade.

Convén ter en conta que un dos alicerces nesta fase de transición é a inxesta de materia seca. Os nutricionistas sempre pomos o foco na inxesta preparto, porque está intimamente relacionada coa inxesta posparto. É dicir, unha vaca que come pouco antes de parir comerá pouco no posparto, acentuando o balance enerxético negativo. Estes animais teñen máis probabilidade de ter cadros de cetose, maior mobilización de graxa, esforzo metabólico a nivel hepático e aumento do estrés oxidativo. Todo isto xera moita inflamación.

de heus dhv20072_housing_dryingoff_management_health_nutrition_wheel-01

Este balance enerxético negativo pode ter un impacto negativo na saúde das vacas e a súa capacidade para concibir. Cando unha vaca experimenta un balance enerxético negativo, o seu corpo prioriza a conservación de enerxía para as funcións corporais esenciais, desviando enerxía para liquidar o status inflamatorio que se xera tras o parto e deixando atrás outras actividades, como a produción de leite, que será menor, e a reactivación ovárica.

Por tanto, teñen relación o período seco e a transición co reprodutivo das explotacións? A resposta é si.

A reactivación folicular refírese á produción de folículos ováricos maduros, que son necesarios para a ovulación e a concepción. Durante a fase de transición, os niveis de hormonas como a insulina, o cortisol e o estróxeno aumentan, mentres que os niveis de proxesterona diminúen.

Estes cambios hormonais poden afectar negativamente á reactivación folicular e a ovulación, o que pode diminuír a fertilidade nas vacas.

Unha vez que paren, as vacas teñen que reactivar a actividade ovárica seleccionando os folículos que van iniciar a ciclicidade, até chegar a un folículo dominante, grazas aos pulsos de FSH e LH procedentes do hipotálamo e aos niveis de insulina altos. Unha vez que a vaca madure ese folículo dominante, ovulará e formará o corpo lúteo, que xerará a proxesterona para iniciar a dinámica folicular correcta. Esta sería a dinámica folicular correcta nunha vaca que nos permitiría ciclar sen problema a partir dos 45 días.

“As vacas que perden moita condición corporal tras o parto poden ter diminuída a súa ciclicidade ovárica”

En situacións con baixa inxesta de materia seca posparto, con mobilización graxa e cetosie, a dominancia e selección do folículo a nivel ovárico e os pulsos de LH están diminuídos. Estas vacas con baixos pulsos de LH e con baixos niveis de insulina e glicosa polo balance enerxético negativo dan lugar a folículos atrésicos e a ovarios que non ovulan. Non hai estradiol, non hai ciclicidade, polo que podemos relacionar este fallo do arranque dos celos da nosa gandaría cun déficit enerxético do posparto.

Por tanto, cando avaliamos unha taxa de primeira inseminación baixa, alongamentos do período de espera voluntario por ovarios sen actividade, con folículos pequenos sen dominancia, hai que desviar a vista ao lote de secas, á inxesta de materia seca na transición e á condición corporal das vacas frescas. Poderiamos aventurarnos a asegurar que as vacas que perden moita condición corporal tras o parto poden ter diminuída a súa ciclicidade ovárica.

Por tanto, é importante para os gandeiros e os profesionais da saúde animal monitorizar e mellorar os factores nutricionais e de manexo durante a fase de transición para maximizar a reactivación folicular e a fertilidade nas vacas leiteiras. Isto pode incluír a provisión dunha dieta equilibrada e adecuada, unha xestión adecuada do estrés e unha atención á saúde e o benestar das vacas.

Aautor: Miguel Iglesias Naredo. Responsable Técnico de Vacún de Leite en De Heus

de heus logo con powering progress

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *