O Consello Regulador do D.O. Ribeiro, continuando coa aposta pola promoción e o desenvolvemento de negocio das súas adegas e viños, organizou esta semana a visita dunha delegación internacional de importadores e compradores dos países europeos Alemaña, Países Baixos e Polonia. Participaron nela un total de 10 expertos, representantes das empresas alemás Wein und Viños, Staaden, Bertram & Perbellini e Brot&Wein, as holandesas Poot Agenturen, Cuimed, Diamond e Quijote e as compañías polacas Dekanter e Frozo.
O intenso programa organizado incluíu a visita a seis adegas, con cata dos seus viños máis representativos nas súas instalacións, tras visitar os seus viñedos da man dos seus propietarios e equipo comercial e coñecer máis de preto as variedades de uva autóctonas. Casal de Armán, Viños de Encostas, Viña Mein-Emilio Rojo, Alanís, Coto de Gomariz e Pazo de Toubes (Viña Costeira) foron as empresas visitadas, tendo así os participantes a oportunidade de coñecer diferentes adegas e os seus proxectos.
“Os profesionais coñeceron in situ varias adegas e en total durante toda a misión inversa puideron catar máis de 50 viños, entre brancos, tintos e espumosos, dos distintos vales do D.O. Ribeiro, probando a Treixadura en viños monovarietais, combinada con outras variedades autóctonas, así como outras elaboracións distintas como un espumoso de Treixadura, un tinto de Caíño Longo ou algún viño con máis de 10 anos en botella para analizar a súa evolución co paso do tempo” comenta a presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias.
Así mesmo, tamén participaron nunha sesión de “speedtastings” (catas rápidas) onde outro cinco adegas fixeron a súa presentación e cata de viños nun curto espazo de tempo (30 minutos), para que os invitados puidesen levar unha maior idea dos produtos vinícolas da zona. Pedro Villamarín Viños, Terra do Castelo, Pablo Vidal Viños con Personalidade, Cunqueiro e Adega Siah fixeron a presentación dos seus proxectos e viños, para acabar cunha cea harmonizada con produtos gastronómicos galegos de calidade.
“Temos a certeza de que, con este tipo de accións, que puidemos levar a cabo grazas ao apoio da Deputación de Ourense e do IGAPE (Galicia Exporta OO.II.), os profesionais pódense mergullar de cheo na nosa Denominación de Orixe, así como na provincia, facéndose así unha completa idea de todo o que conforma a D.O. Ribeiro, para así poder fidelizar ou incrementar a cota de mercado dos nosos viños nos seus países” engade Iglesias.