As importacións de queixos en España medran un 15% no 2024

A Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) sostén que as empresas transformadoras perden competitividade polos “altos custos da materia prima” no campo

As importacións de queixos en España medran un 15% no 2024

O sector lácteo en España atravesa unha situación de relativa calma, pois os prezos do leite mantéñense a niveis positivos tanto no campo como nos supermercados, lonxe dos anos nos que o leite no campo se pagaba a 30 céntimos e no supermercado no entorno dos 60 céntimos. É un escenario bo para granxas e industrias, pero a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) observa nubarróns no medio prazo.

A Fenil vén de publicar o cuarta edición do seu barómetro da industria láctea, no que advirte da “perda de competitividade” das industrias españolas polo “alto custo” da materia prima. En concreto, a entidade asegura que España ten un dos prezos do leite máis altos de toda Europa se se estandarizan eses prezos aos mesmos niveis de sólidos.

“España encadea 18 meses con prezos da materia prima situados por riba da media da UE, de acordo ó seu contido de sólidos (graxa e proteína). A materia prima que reciben as industrias lácteas españolas é máis cara que en países como Francia, Alemania, Holanda, Dinamarca ou Portugal”, valora a Fenil.

Estandarizados os datos de sólidos, o prezo do litro en España estaría en 48,88 céntimos por 45,93 de media en Europa. Nos países veciños, Francia está a 46,37 e Portugal a 45,95, segundo os datos da Interprofesional Láctea.

Esta situación, segundo a Fenil, xa está afectando á categoría de queixos, onde os queixos importados gañan cota de mercado. No primeiro semestre do 2024, España importou 200.000 toneladas de queixos, un novo récord que supera ó anterior, do primeiro semestre do 2023, cando foran 173.000 toneladas as mercadas no exterior.

Datos de importacións anuais, con comparativa á dereita do primeiro semestre do 2023 e do 2024.

Datos de importacións anuais, con comparativa á dereita do primeiro semestre do 2023 e do 2024.

Desde a Fenil sinalan que tamén se están vendo afectadas as categorías de ingredientes lácteos para a industria alimentaria, como o leite en po. Na parte positiva, as exportacións españolas de lácteos tamén medraron no primeiro semestre do ano.

Así as cousas, o director xeral da Fenil, Luis Calabozo, asegura que as industrias vense sometidas a un efecto sándwich, condicionadas por un lado polos “altos custos” da materia prima no campo e por outro, polas guerras dos supermercados, que di, manteñen a tendencia a abaratar as marcas brancas de leite, empregando o leite como produto reclamo para atraer consumidores.

“As industrias españolas están nun momento complicado”, sostén Calabozo. “As marxes erosiónanse, sobre todo no caso de pequenas e medianas empresas, e está en risco a rendibilidade a medio prazo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información