As importacións de leite “a 20 céntimos” precipitan a caída do prezo nas granxas galegas

Unións Agrarias sostén que están entrando nas industrias galegas cisternas de Francia e Portugal a prezos moi por baixo dos do mercado. A organización inicia a colocación de piquetes informativos ante as plantas envasadoras, en tanto a Consellería de Medio Rural anuncia un aumento de inspeccións e unha reunión a próxima semana con industrias e distribución

As importacións de leite “a 20 céntimos” precipitan a caída do prezo nas granxas galegas

Reunión esta mañá da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, con Unións Agrarias.

A confirmación estes días de que as industrias lácteas manteñen para os contratos de primavera unha brusca caída de prezos, que se calcula que chegará ós 8 céntimos, deixa xa unhas primeiras consecuencias. Tras unha reunión mantida esta mañá entre a Consellería do Medio Rural e Unións Agrarias, a organización agraria puxo sobre a mesa o problema das importacións masivas de leite a baixos prezos para o seu procesado nas industrias galegas. Un baixo prezo que a organización cifra en ata 20 céntimos / Kg.

Ante ese escenario, Unións Agrarias iniciou este venres a colocación de piquetes informativos á entrada das industrias lácteas, co fin de revisar a orixe das cisternas que entran en fábrica. Desde Medio Rural, pola súa banda, anuncian a convocatoria dunha reunión a próxima semana coas industrias lácteas e coas cadeas de distribución para abordar a situación.

Medio Rural anuncia un aumento de controis sobre a etiquetaxe dos envases para comprobar a trazabilidade do leite que se etiqueta como galego ou español

Outra das decisións inmediatas da Consellería é o aumento das inspeccións, tanto sobre os contratos das industrias coas granxas como sobre a etiquetaxe dos produtos lácteos que van ós supermercados. “Esa etiquetaxe ten que cumprir a trazabilidade, de xeito que non se venda como galego leite producido fóra”, advirte a conselleira, María José Gómez.

“É tamén moi importante a mensaxe ó consumidor, pois somos todos os que temos que apoiar ós gandeiros e agricultores. É importante mercar lácteos de orixe Galicia, algo que garante a marca de garantía Galega 100%, (que se pode atopar nos envases das marcas adheridas)”, lembrou a conselleira.

“É necesaria a corresponsabilidade das industrias para que a baixada de prezos do leite sexa a menor posible” (María José Gómez)

En canto ós prezos do leite no campo, Gómez pide unha “corresponsabilidade das industrias” para apoiar ós gandeiros, de xeito que “a baixa nos contratos sexa a menor posible”. Coas propostas actuais das industrias lácteas, o leite no campo en Galicia pasaría dos actuais 52 céntimos de media a uns 44 – 45 céntimos. Este venres trascendeu o contrato proposto por Lactalis, que sumando prezo base e primas, chegaría ó entorno dos 45 céntimos.

Aumento de custos de produción
O varapau para as granxas é dobre, pois á caída de prezos do leite súmase ó aumento de custos de produción (enerxía, fertilizantes, piensos e plásticos). Ese aumento de custos é cifrado por Unións Agrarias en ata 7 céntimos / litro de leite, un aumento de custos que entenden que se ten que ter en conta na renovación de contratos do leite. “Se os custos de produción soben 7 céntimos e os prezos do leite baixan 8 céntimos, a Lei da Cadea Alimentaria non se está cumprindo”, advirte Roberto García.

A Consellería de Medio Rural, pola súa banda, anuncia que lle solicitará ó Ministerio de Agricultura que reduza o imposto sobre o gasóleo, para evitar o aumento de custos, “sobre todo tendo en conta que é na primavera cando máis gasóleo e fertilizantes se gastan no campo”, advirte a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

Situación das importacións lácteas
O problema das importacións de leite vén de atrás, pero os menores prezos do leite en Portugal e Francia no que vai de 2026 están a intensificar a entrada de cisternas ás industrias galegas. En decembro, último mes con datos das importacións, as industrias galegas recibiron máis de 600.000 kg. de lácteos en cisternas importadas ó día, o que equivale a un 7% do leite que producen as granxas da comunidade.

En decembro, un 7% do leite que entrou nas industrias galegas foi importado, un volume que se acrecentou nos últimos meses, segundo a percepción do sector

Esas importacións disparáronse aínda máis nos últimos meses, segundo advirte o sector, logo de que en xaneiro o leite caese máis de 5 céntimos / Kg. en Francia e 7 en Portugal.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, cifra en 20 céntimos o prezo do leite posto en Galicia en cisternas portuguesas ou francesas. “É unha competencia desleal, e tanto a Comisión Nacional da Competencia como as Administracións galega e estatal teñen que controlar e sancionar estes comportamentos”, cuestiona Roberto García.

“É lexítimo importar e vender leite de fóra con dúas condicións. Sempre que se identifique no punto de venda a súa orixe e que os prezos respecten as condicións de mercado”, destaca o secretario xeral de Unións Agrarias.

“É lexítimo importar e vender leite de fóra?. Si, sempre que se etiquete como tal e que entre a prezos de mercado” (Roberto García)

Unións considera que non se cumpre ningunha das dúas condicións: “Comprar leite en Portugal en granxa a 40 céntimos ou en Francia a 44 e vendelo aquí a 20 céntimos é competencia desleal”, subliña García.

“Por outra parte, non é compatible a entrada masiva de leite coa presenza maioritaria de etiquetados de orixe España nos supermercados” -advirte García-, que pide que Xunta e Ministerio inspeccionen a trazabilidade do leite que se está envasando como de orixe España ou como galego.

Se se revisan os etiquetados nos supermercados, practicamente só Leche Celta e as súas distintas marcas brancas empregan o etiquetado de orixe UE, pero Celta, propiedade da lusa Lactogal, está lonxe de ser a única importadora, pois de feito máis da metade das cisternas de lácteos importados que chegaron a Galicia en decembro do 2025 fixérono procedentes de Francia.

Consecuencias nos supermercados
Un dos principais temores do conxunto do sector radica nas consecuencias en cadea que terá a caída do prezo do leite no campo. Se agora os supermercados venden as marcas brancas no entorno dos 88 céntimos e as primeiras marcas se sitúan por riba do euro, a situación espérase que cambie drasticamente a partir de abril.

De confirmarse as baixadas de prezo do leite no campo, a previsión é que as marcas brancas se sitúen no entorno dos 80 céntimos e que as primeiras marcas se vexan obrigadas tamén a baixar prezos, para evitar un maior descenso de vendas, o que producirá unha perda de valor en cadea para toda a cadea láctea.

Reunión da Interprofesional Láctea
Este luns hai unha reunión da Interprofesional Láctea, da que Unións Agrarias anuncia que se retirará en tanto non se chegue a un acordo coas industrias para frear as importacións de leite a baixos prezos.

Para o luns tamén está prevista unha reunión do Ministerio de Agricultura coas organizacións agrarias, na que Unións Agrarias – UPA volverá plantear tanto os problemas de aumento de custos no campo como o das importacións de leite a baixos prezos.

Baixada de prezos no campo en Europa

Os prezos medios do leite en España situáronse en xaneiro en 54,1 céntimos de media (52,9 en Galicia), segundo os datos do Ministerio de Agricultura, o que contrastaba coa tendencia xeral á baixa de Europa e dos países veciños, Francia e Portugal. No caso portugués, en decembro estaban en 47 céntimos, pero en xaneiro xa baixaron a 40 céntimos de media. Similar situación se viviu en Francia, onde remataron o 2025 por riba dos 50 céntimos e agora sitúanse lixeiramente por baixo dos 45 céntimos.

O escenario de Francia e Portugal é o dominante en Europa, onde para febreiro se calcula un prezo medio de 44,19 céntimos (Datos do observatorio do sector lácteo da UE).

Esa baixada de prezos explícase por un contexto de mercado no que sobra leite, dados os aumentos de produción en Europa (+ 1,9% no 2025) e no resto do mundo, o que ademais veu acompañado dunha caída de prezos dos produtos lácteos industriais, en especial da manteiga, que pasou de máis de 7.000 euros / tonelada a final do verán aos pouco máis de 4.000 actuais.

Así as cousas, un termómetro como o do leite spot, que se move en cisternas, é indicativo do escenario. En Italia, o leite spot cotizaba no verán a 63 céntimos / kg. e na actualidade móvese a 20,5 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información