Imponse o acordo entre produtores e industria no sector do coello para superar a crise

Cambio nos estatutos de Intercun, a interprofesional do sector, para que os acordos se tomen cun mínimo do 70% de apoios. Apróbase tamén continuar coa extensión de norma.

Imponse o acordo entre produtores e industria no sector do coello para superar a crise

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitando as instalacións de Cogal S. Cooperativa Galega

O sector cunícola español aprobou esta semana uns cambios que deberían supoñer un antes e un despois, dando maior estabilidade nos prezos aos produtores de coello.

Así, a asemblea xeral de Intercun, a interprofesional do sector que representa á maioría dos produtores de carne de coello de España e das empresas de transformación e comercialización, aprobou o 17 de maio por unanimidade un cambio nos estatutos que obriga a grandes acordos entre as partes á hora de tomar decisións. En concreto, obrígase a que calquera proposta sexa aprobada en primeira instancia cun mínimo do 51% de apoio de cada unha das ramas (produtores e industria transformadora) e por polo menos o 70% da interprofesional nun segundo paso.

Así mesmo, aprobouse con máis de 88% dos votos a nova extensión de norma, é dicir, a achega económica de cada unha das partes a Intercun para financiar campañas de promoción e de investigación.

Un terceiro paso moi importante é a inminente posta en marcha dunha nova lonxa para o sector, creada en colaboración coa Asociación Española de Lonxas e Mercados en Orixe (AELMO), para dotar de maior transparencia e máis participación aos produtores na orientación dos prezos da carne de coello.

Os acordos en Intercun deberán adoptarse cun mínimo do 70% de apoios

Estas tres medidas deberían permitir a recuperación dun sector que nos últimos anos padeceu unha forte crise de prezos, co peche dun bo número de explotacións, e un enfrontamento entre produtores e industria dentro de Intercun, así como acusacións de falta de transparencia na fixación de prezos por parte da Lonxa de Madrid.

Tras varios meses de negociacións produtores e matadoiros puxéronse de acordo para alcanzar un medidas consensuadas que lles permitan traballar pola recuperación de prezos e, sobre todo, do consumo de carne de coello en España.

Xosé Santaclara (Coag): “O máis importante é o cambio nos estatutos de Intercun que nos obriga ao consenso”

Xosé Luís Santaclara, responsable do sector cunícola de COAG e do Sindicato Labrego Galego (SLG) que xunto a Unións Agrarias-UPA foron as organizacións de produtores que máis traballaron para lograr este acordo, destaca que “o máis importante é o cambio nos estatutos da interprofesional, que nos obriga a produtores e matadoiros a alcanzar acordos”.

En canto á nova extensión de norma, que foi aprobada co 88% dos votos, destaca que se fixa unha achega paritaria de produtores e matadoiros de 0,004 euros por quilo co obxectivo de incrementala 0,002 euros anualmente ata chegar ao céntimo por quilo no ano 2020. En todo caso, o acordo adoptado é que cada ano as partes negocien o incremento da súa achega para financiar, fundamentalmente, as campañas de publicidade, como a posta en marcha no pasado Nadal ou a que vai comezar no próximo mes de xuño para fomentar o consumo de carne de coello.

María Antonia Ramos (Progacun): “Esperemos que os prezos se recuperen, pero tememos un incremento do prezo dos pensos”

Pola súa banda, María Antonia Ramos, presidenta de Progacun, unha organización de produtores que agrupa a máis de 50 granxas de coello de Galicia, valora como moi positivo o cambio de estatutos de Intercun “pois nos obriga a produtores e matadoiros a tomar decisións en consenso e a poñernos de acordo”.

“Agora mesmo hai un ambiente de traballo na interprofesional moi propicio que espero que se reflicta nas decisións que se tomen”, destaca.

Ademais, mostra a súa esperanza en que a nova lonxa para o sector cunícola, creada con Aelmo, “funcione con transparencia, ao estar presente non só os grandes matadoiros, senón tamén máis representantes de asociacións de produtores, de forma que se pague o coello de forma máis transparente e obxectiva”.

“Tanto Cogal, como Cunicat e Hermi deron a súa aprobación a esta nova lonxa, así como as grandes asociacións de produtores, como Conacun, Cuniber ou Progacun e esperamos que funcione con transparencia”, destaca María Antonia Ramos.

En canto á situación dos prezos, a presidenta de Progacun, recoñece que “aínda que este ano son mellores que os dous últimos anos, o prezo actual, de 160 euros o quilo, segue sen cubrir os custos de produción, que se estiman entre 1,80 e 1,85 euros o quilo”.

“Seguimos estando nunha situación precaria e con medo a que poidan subir os prezos dos pensos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información