O Goberno galego desenvolveu un sistema novo e avanzado para para a simulación da propagación dos grandes incendios forestais que son máis intensos e perigosos, que permite simular cal vai ser o seu comportamento nas horas seguintes e predicir a súa evolución e expansión polo territorio para facilitar o apoio na toma de decisións de xestión en tempo real.
O chamado Sistema de Propagación de Incendios de Galicia (Spigal) permitirá dotar o operativo de loita contra o lume da Xunta dunha ferramenta tecnolóxica propia con capacidade para adaptarse á realidade en vivo, comparar distintos escenarios de evolución dun mesmo incendio e avaliar as medidas e actuacións en materia de extinción.
Spigal, deseñado e posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través de MeteoGalicia, superou xa unha fase de probas a partir dos datos reais dos incendios do verán pasado e está listo para entrar en funcionamento de forma preoperativa. Así se recolle o acordo do Consello polo que se toma razón da posta en marcha deste simulador avanzado, que “estará á disposición do Servizo Galego de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais este verán”, indicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
A gran vantaxe do sistema Spigal é que leva un visor asociado no cal integra os datos en tempo real (hora e localización do inicio, fume, vento, vexetación…) co fin de que as simulacións obtidas se poidan axustar de forma continua, pero tamén permite calcular a propagación de incendios que levan tempo activos e teñen xa un perímetro determinado. Ademais, ten unha gran capacidade de procesamento, o que garante resultados rápidos, “ofrecendo en 30 minutos unha simulación de cal vai ser a evolución do lume nas seguintes 12 horas”, explicou.
Tamén permite simular a xeración de “focos secundarios polo transporte de faíscas ou previr cara onde avanzarán as lapas”, estimar a humidade da vexetación de forma dinámica tendo en conta condicións meteorolóxicas cambiantes como a chuvia ou o ciclo diúrno e incorporar en tempo real ao sistema as actuacións executadas polo dispositivo de extinción de incendios dependente de Medio Rural (liñas de defensa, perímetros ou observacións sobre o terreo) para evitar que se propague.
Para obter a ferramenta, desenvolveron versión propia do sistema de referencia internacional WRF-Fire que integra, por un lado, un modelo meteorolóxico de alta resolución (WRF) e, por outro, un modelo de comportamento do lume (Fire). Neste sentido, a capacidade de anticipación que ofrece Spigal permitirá seguir mellorando a xestión en Galicia dos lumes forestais, xa que “axuda na toma de decisión para minimizar os riscos para a poboación, reforza a seguridade dos membros do operativo que traballan expostos ao lume sobre o terreo”, asegurou Alfonso Rueda, ao tempo que contribúe a reducir as hectáreas de superficie queimada.
Tipoloxía dos incendios
A tipoloxía dos incendios forestais foi cambiando en Galicia nas últimas décadas e son cada vez máis frecuentes os catalogados como “grandes incendios forestais ao afectar unha superficie de máis de 500 hectáreas”, unha tendencia constatada tamén a nivel mundial.
Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Consellería do Medio Rural manteñen unha estreita colaboración desde hai anos para poñer á disposición da Dirección Xeral de Defensa do Monte todos os datos obtidos das estacións meteorolóxicas operadas por MeteoGalicia, da Rede galega de detección de raios e do radar localizado en Cuntis, así como as previsións dos seus modelos de alta resolución.
MeteoGalicia utilizou para desenvolver esta ferramenta, a modo de banco de probas, a información que tiña sobre os grandes lumes que en agosto de 2025 afectaron sobre todo a provincia de Ourense. Cos mellores datos dispoñibles sobre a situación do combustible forestal (vexetación) nas zonas danadas fixéronse diferentes ensaios e, unha vez testado o modelo, construíuse o visor que permite agora configurar os cálculos necesarios para visualizar sobre mapas reais as simulacións de propagación.
Galego










Control OJD