A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) en colaboración coa Oficina Agraria Comarcal de Carballo, organizou recentemente unha xornada informativa e demostrativa sobre sementeira de millo en faixas mediante un sistema de mínimo laboreo que permite aforrar tempo e diñeiro.
Nesta actividade de transferencia, que tivo lugar o pasado xoves 4 de xuño na gandería Varela Labrada SL, participaron técnicos e gandeiros de explotacións leiteiras doutras zonas de Galicia, que coñeceron de primeira man a experiencia desta granxa de Castro de Rei que emprega desde o ano 2019 este método aínda novidoso en Galicia.
“Os equipos Strip Till permiten a preparación da cama para a sementeira directa do millo sen ter que levantar o cultivo precedente, o que aforra tempo e diñeiro nas labores previas”, explica José Manuel Pedreira, técnico da Oficina Rural de Carballo, que organizou a xornada en colaboración coa oficina de Meira.
Este método, novidoso en Galicia, evita ter que arar o cultivo precedente
Neste momento hai arredor de media ducia de máquinas deste tipo traballando en Galicia nas provincias da Coruña e Lugo principalmente, tanto en granxas particulares como Varela Labrada, Gandería O Campo de Mesía, García de Mixón de Cerceda ou Casa Barbeiro na Mariña, como en empresas de servizos como Ónega Ares, pertencente ao Grupo Agroamb.
Aforro de tempo e de cartos
José Manuel destaca as posibilidades deste tipo de maquinaria para labrar o millo na maior parte de Galicia, así como para outro tipo de cultivos. “Noutros países estase a usar en colza e cultivos de horta”, indica. “Supón un cambio de cultura á hora de traballar e require práctica, pero esta máquina encaixaría en moitas zonas de Galicia”, asegura.
Coa suba do gasóleo, como consecuencia da guerra en Oriente Medio, a sementeira do millo encareceuse nesta campaña en Galicia entorno a un 15%
Ao evitar ter que levantar o cultivo precedente proporciona un considerable aforro económico na sementeira do millo, un dos principais gastos que afrontan as explotacións leiteiras ao longo do ano.
O equipo está formado por un tren traseiro de apeiros que inclúe primeiro a fresa que prepara o terreo e inmediatamente despois a sementadora, con sistema de abonado en liña incorporado. Deste xeito, permite realizar os tres traballos (preparación da terra, abonado e sementeira) nunha única pasada de tractor, cun importante aforro en tempo e combustible.
Maior rapidez e menor dependencia da climatoloxía

Público asistente á xornada, na finca da explotación onde se fixo a demostración
A habitual rotación millo-herba levada a cabo polas explotacións leiteiras en Galicia está moi condicionada pola climatoloxía, que ás veces ofrece unha ventá de oportunidade moi curta para o ensilado da herba, a preparación das terras e a posterior sementeira do millo.
Acurtar tempos permite sementar antes o millo e ter unha maior produción forraxeira
Por iso, reducir tempos nas distintas labores necesarias pode marcar en ocasións a diferenza entre labrar o millo no momento óptimo ou facelo xa tarde, coa conseguinte redución de produción forraxeira e de calidade de ensilado, sobre todo polo maior risco de fungos en anos de chuvias no outono, ao obrigar a retrasar a época de recollida.
“Nalgúns casos deixouse de sementar herba no outono-inverno porque comprometía o cultivo principal da rotación, o millo, ao retrasar a súa sementeira, obrigando a botar un ciclo máis curto e, polo tanto, menos produtivo. Noutros casos, pola contra, optouse por reducir a superficie labrada a millo e deixar unha parte das fincas a pradeira permanente”, explica José Manuel.
Ao non ter que arar, aínda que chova, pódese entrar antes a labrar
Pero calquera das dúas estratexias reducen a produción forraxeira propia, ben sexa de millo ou de herba, diminuíndo o nivel de autosuficiencia alimentaria da granxa e obrigándoa a depender de insumos externos, cuxo prezo está suxeito a episodios de volatilidade que poñen en risco a estabilidade económica da explotación.
Por iso, razoa José Manuel, esta máquina, que favorece unha implantación rápida do cultivo do millo, “permite sacar maior proveito á rotación millo-herba e á superficie agraria da que dispoñen as explotacións leiteiras, que moitas veces é escasa”, di.
Un sistema primado a través da PAC
A estratexia europea para a agricultura do futuro busca fomentar a través da PAC, por medio dos ecorreximes vinculados a prácticas agrícolas baixas en carbono, entre outros sistemas, a sementeira directa e o mínimo laboreo.
Con esta máquina evítase a erosión e a perda de nutrientes que provoca o laboreo intensivo no solo
“As ganderías deben buscar alternativas aos métodos tradicionais de sementeira do millo, que implican un sistema de rotación intensiva co levantamento do cultivo previo, no caso de Galicia normalmente a pradeira, por medio do arado e o fresado de toda a superficie, o que provoca un maior risco de erosión e de perda de nutrientes”, coclúe o técnico da Oficina Rural de Carballo.
“Un dos principais problemas para esta máquina son as pedras nas terras”

Gabriel Varela, contando a súa experiencia ao público asistente á xornada celebrada na súa granxa
Gabriel Varela é o responsable da gandería Varela Labrada SL, de Santa Leocadia (Castro de Rei), unha explotación leiteira robotizada que está a muxir neste momento unhas 200 vacas e que aposta tamén pola agricultura de precisión para as súas terras.
A máquina que empregan para botar o millo veu de Suíza e mercárona por internet. “Buscabamos unha máquina que nos permitirá axilizar os traballos de sementeira do millo evitando ter que arar as terras, que era algo que levaba moito tempo, era moi custoso e non atopabamos moito quen nolo fixera”, conta.
Sementan o millo nas 90 hectáreas de superficie que traballan con este equipo desde fai uns 5 anos. “Empezamos a probar esta nova técnica no ano 2019 con outra máquina que non incorporaba fresa e cambiámola por esta no 2023”, explica.
90 hectáreas de millo nunha semana
No caso da Gandería Varela Labrada, a incorporación desta máquina ao parque de maquinaria da explotación valeulles para gañar en axilidade e independencia á hora de facer a sementeira do millo. “Supón rapidez e poido facelo eu só sen depender de ninguén”, destaca Gabriel.
Podo facer eu todo o traballo cunha soa máquina sen depender de empresas externas
“Cun ancho de traballo de 3 metros e traballando a unha velocidade de 6-7 km/hora para lograr un funcionamento óptimo, réndese máis que arando soamente, aínda que sexa cun arado grande”, asegura Gabriel.
Un dos hándicaps deste equipo é a presenza de pedras nas fincas, polo que é necesario a súa retirada. “Hai que andar ás pedras porque iso si que é algo que leva mal, pero polo demais está funcionando ben e os resultados para min son positivos”, conclúe.
Cultivo de millo sen sacrificar un corte de herba
Nas principais comarcas leiteiras de Galicia, a medida que as explotacións medran en número de cabezas, tamén van precisando máis superficie agraria para produción forraxeira. Pero precisamente terra dispoñible é algo que escasea nestas zonas.
A superficie agraria para produción forraxeira escasea nas principais comarcas produtoras de leite de Galicia
Por iso, explotacións como Varela Labrada SL teñen que aproveitar ao máximo a superficie agraria coa que contan, tanto para a produción de millo como de herba. Este ano, Gabriel labrou o millo na primeira semana de xuño logo de ter feito, nalgún caso, tres cortes de herba. “Con este tipo de técnicas de mínimo laboreo facilítase unha rápida implantación do novo cultivo, o que facilita a rotación”, asegura.
Galego









Control OJD