Impacto da EHE no Deza: máis do 70% das ganderías afectadas

A comarca gandeira afronta un pico de contaxios con boa parte das granxas de vacún tanto de leite como de carne contaxiadas. As perdas de produción de leite e baixas de animais deixan ás ganderías resentidas

Impacto da EHE no Deza: máis do 70% das ganderías afectadas

A gandería Vence, de vacuno de leite en ecolóxico, en Rodeiro, foi unha das que sufreu a EHE. / Arquivo.

Deza, unha das principais comarcas gandeiras de Galicia, sofre desde fai algo máis dun mes un importante brote de contaxios da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Os efectos da enfermidade están a deixar un importante impacto nas ganderías, con baixas de animais e unha considerable redución da produción de leite.

“É moi difícil estimar o impacto real da EHE na zona, porque segue sendo difícil diagnosticar a enfermidade pola gran variedade de sintomatoloxía que presenta, pero máis do 70% das ganderías da zona está a ter animais afectados. Supera todas as previsións que se tiñan”, apunta a coordinadora dos servizos veterinarios da ADSG Xundeva, Gloria Martínez Sanz.

En cooperativas da comarca como Cobideza, con socios en Lalín, Silleda, Dozón e Vila de Cruces, apuntan que case todas as ganderías socias tiveron casos da enfermidade. “Os veterinarios de clínica están desbordados, ao redor do 95% das ganderías tivo ou ten casos”, apunta Román Santalla, presidente da entidade e gandeiro.

Os veterinarios de clínica da zona están desbordados polo número de casos rexistrados

En Rodeiro, a cooperativa O Rodo ten un diagnóstico moi similar. “Hai moitas das nosas ganderías socias que están afectadas, pero é difícil saber o número total de animais que están enfermos, porque moitas veces nin o propio gandeiro ou os veterinarios chegan a identificalos ben, sobre todo nos casos menos graves”, explica o gandeiro Jesús Montes, presidente de O Rodo.

As ganderías de pastoreo e de carne comezaron sendo as máis afectadas, pero a día de hoxe hai granxas estabuladas con importantes brotes de contaxio. “O mosquito é un vector que transmite o virus ao picar animais infectados e transmitirllo aos sans, polo que a maior número de animais contaxiados máis probable é que continúe aumentando a incidencia da enfermidade”, detallan desde a ADSG. Ademais, a baixada das temperaturas dos últimos días provoca que os mosquitos tamén acedan máis ao interior das granxas en busca de temperaturas máis altas, polo que tamén acaban afectadas estas ganderías.

Variedade de síntomas

Unha das maiores dificultades da enfermidade é o seu diagnóstico, xa que á marxe dos síntomas máis característicos, como a inflamación da lingua, a salivación excesiva, os ollos encarnados e enroxecidos ou as diarreas con sangue; está a detectarse un amplo abano de síntomas que terminan sendo derivados de que o animal está contaxiado.

“Son síntomas que se cadra non terminan por provocar baixas, pero si deixan perdas importantes na gandería. Así, hai vacas que presentan síntomas semellantes á pneumonía, animais con febre, con dificultade para respirar, con coxeiras, e que finalmente se detecta que o que está detrás é a EHE”, detalla Martínez Sanz.

“O problema é que vacas con problemas como unha mamitis, que están un pouco máis baixas, a enfermidade acaba con elas, xa que aínda que as trates, os medicamentos tampouco están a funcionar para salvalas”, apunta Santalla. “A EHE está a deixar un panorama moi negro nas granxas da comarca, xa que non é só as vacas que morren senón que moitas das que pasan a enfermidade non volven recuperarse por completo”, explica o gandeiro e presidente de Cobideza.

Os animais afectados, mesmo nos casos máis leves, teñen unha importante perda de produción

Tanto gandeiros como veterinarios están a comprobar como cando os animais se ven afectados, aínda nos casos máis leves, non chegan a recuperar os índices de produción e por tanto, espérase que moitas destas vacas terminen por ser sacrificadas nos próximos meses.

Ademais, a enfermidade tamén está a deixar un regueiro de abortos nas ganderías ou complicacións nos partos. “Na miña granxa nos últimos días tiven 10 vacas nas que se adiantou o parto, sen que a vaca chegase a facer ubre, nalgúns casos pariron con só 8 meses. Son tenreiros que nacen baixos de peso, moi débiles e que é moi difícil que sobrevivan”, comenta Jesús Montes.

Un dos síntomas que máis quebradeiros de cabeza trae aos gandeiros é que os animais deixan de comer e beber. “De súpeto daste conta que a comida que che chegaba para 100 animais, sóbrache con 80 racións, baixaron á inxesta e comeza tamén a baixada da produción de leite”, explican os gandeiros. Isto tradúcese en maiores coidados ao longo do día para tentar que os animais coman e sobre todo beban, para que non terminen deshidratados. “Xa non son só as perdas de animais ou de leite, senón que se incrementa o traballo e os gastos en medicamentos e repelentes”, apuntan.

Cando a enfermidade entra na granxa

Unha das granxas afectadas na zona foi a gandería Vence, de vacún de leite en ecolóxico. En apenas unhas semanas os seus 50 animais en produción padeceron a enfermidade. “Empezamos a ver que as vacas non comían e que tiñan o nariz vermello e xa tivemos que chamar ao veterinario”, explica o gandeiro José Vence. “Case todas terminaron tendo as patas inchadas, pero o peor era que non comían e case non bebían, polo que había moito risco de que se deshidratasen”, recorda.

A primeira das baixas na gandería debido á EHE foi unha vaca acabada de parir. “Tras o parto deixou de comer e aínda que lle puxemos soro, calcio e tentámolo todo para salvala terminou morrendo”, explica o gandeiro. Hai apenas unha semana e cando boa parte do rabaño comezaba a recuperarse, tivo outra baixa dunha vaca que aínda que se atopaba forte deixou de comer e terminou morrendo.

“Nestes días redobras os esforzos para que os animais coman e beban. Estabamos con elas todo o tempo, coma se fosen nenos pequenos. Probamos distintos pensos por ver se algún lles resultaba máis apetecible e comían mellor, levabámolas a beber cada pouco para que se mantivesen hidratadas. Fixemos de todo e agora parece que se van recuperando”, apunta.

Nesta granxa os 50 animais en produción padeceron a enfermidade e tivo dúas baixas. Estima que os gastos ascenden xa a máis de 20.000 euros

A baixada de produción foi moi significativa, pasando de 2.200 litros de leite cada dous días a non alcanzar os 500 litros. “O problema é que unha vez que se produce unha baixada así da produción o animal non chega a recuperar as cifras nas que se atopaba, quedan resentidos”, indica. Así, sen incluír a perda de produción a longo prazo, o gandeiro estima que os gastos ascenden a máis de 20.000 euros, incluíndo as dúas baixas, a redución da produción e os gastos en medicamentos.

Medidas preventivas

As recomendacións básicas para evitar o contaxio é manter os animais en espazos ventilados, limpos e secos, onde a presenza dos mosquitos culicoides, vectores da enfermidade, sexa o máis baixa posible. Entre as medidas nas que se está incidindo son as seguintes:

– Manter os animais en espazos ventilados.

-Nas ganderías onde os animais permanecen estabulados manter a maior ventilación posible, ben sexa con ventiladores ou mantendo zonas abertas. “Hai ganderías nas que están tendo acesos os ventiladores día e noite”, apuntan dende a ADSG. 

-Evitar zonas húmidas ou próximas a regatos ou ríos para levar os animais para pastar.

-Utilizar repelentes de insectos. “Estamos a recomendar que acurten ao máximo os prazos de repetición dos produtos, para evitar que o animal quede desprotexido entre cada tratamento”, explica a veterinaria.

Escasa vacinación

Como noutras zonas de Galicia, a vacina chegou tarde ó Deza, que se atopaba xa en plena explosión de casos, por iso a maior parte das ganderías non chegou a vacinar. Outro dos hándicaps que freou a vacinación é o tempo necesario para que ofreza unha protección ao animal, que se sitúa ao redor dos 30 días, solapándose xa coa chegada do outono e previsiblemente a baixada de temperaturas que reduza a poboación de mosquito.

Ademais, en moitas ganderías acabábase de vacinar para outras enfermidades, polo que tampouco resultaba viable realizar esa vacinación. “Moitas granxas tampouco podían vacinar porque acababan de vacinar para outras enfermidades, polo que non se podía levar dese xeito os animais ao límite”, explica a veterinaria.

Así, tanto gandeiros como desde as cooperativas miran xa á próxima campaña e apuntan á necesidade de vacinar a cabana antes da primavera do ano que vén.

En cuanto a los apoyos de la Administración, la Xunta acaba de anunciar el pago de ayudas directas para gastos veterinarios y desinsectación en las explotaciones.

Acordados pagos directos a todas las granjas afectadas por EHE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información