Impacto da Covid 19 nas cotizacións de Silleda en 2020: Un 30% menos de facturación

Celebráronse 10 sesións menos por causa da Covid-19, co que se facturaron 5,4 millóns por debaixo do 2019. Contabilizáronse 34.976 reses, unha concorrencia un 24% menor. A recría de cruces industriais e o vacún maior acusan a caída do consumo

Impacto da Covid 19 nas cotizacións de Silleda en 2020: Un 30% menos de facturación

Exemplares de vacún na última poxa da Central Agropecuaria de Galicia neste 2020, celebrada este luns.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca pechou 2020 cunha asistencia de 34.976 reses e unha facturación de 12.724.699 euros. Unhas cifras fortemente marcadas polo peche do mercado durante as primeiras semanas da pandemia para garantir a seguridade, o que supuxo a celebración de 10 sesións menos este ano, e tamén polas consecuencias da crise da Covid-19 en restauración e hostalería, o que afectou ao mercado da carne.

As cifras da Central situáronse en canto a asistencia total ás súas poxas nun 24,13% menos de animais, xa que en 2019 concorreran 46.100 reses. A facturación foi un 30% menos, posto que o ano pasado ascendera a 18.199.272 euros.

Por categorías, nos becerros de recría concorreron 24.043 reses, un 22,29% menos que en 2019, cando foran 30.938 animais, mentres que as súas transaccións foron 4.240.525 euros, un 29,44% menos, xa que o ano pasado foran 6.010.152 euros. Os becerros cruzados foron os que experimentaron unha maior baixada, que foi do 13,69%. Estes animais pasaron de cotizarse a 292 euros por unidade en 2019 a 252 en 2020, debido tanto ao temor dos cebadeiros galegos á menor venda pola crise da Covid-19 como ás perspectivas da suba do prezo do penso o próximo ano.

Os becerros cruzados foron os que experimentaron unha maior baixada, mentres os frisóns se mantiveron pola demanda do Magreb

En frisóns, tamén se devalou o prezo medio, pasando dos 90 aos 80 euros, pero séguese exportando unha importante cantidade de animais ao Magreb, onde son sacrificados segundo o rito halal. Este gando é transportado en barco dende portos cataláns e andaluces.

Pola súa banda, os becerros de Rubia Galega descenderon soamente un 3,7%, dos 345 euros por animal a 332 euros, xa que a calidade destes exemplares foi valorada nesta situación de crise e supúxolles unha vantaxe fronte ás outras razas para non baixar excesivamente o seu prezo medio.

Récord histórico

En canto ao vacún maior, rexistráronse durante 2020 un total de 7.060 exemplares, un 28,6% menos que en 2019, cando foron 9.888. A súa facturación foi un 30,56% menor, ao pasar de 8.313.009 euros a 5.772.236 euros este ano. A redución debeuse, en gran medida, a que é a categoría que máis se destina a hostalería, así os compradores estiveron pagando menos porque boa parte desta carne non se podía vender á restauración polos peches e restricións debido á Covid-19 e conxelábase, coa consecuente redución de peso das pezas. Á súa vez isto provocou que os gandeiros retivesen e sigan retendo nas súas ganderías aquelas reses que aínda poidan aguantar por idade, en espera en moitos casos de que se resolva esta situación, o que influíu na asistencia.

Por categorías, a Extra incluso experimentou unha suba no seu prezo medio, aumentando un 0,89%, dos 1.780 euros por animal a 1.796 euros. As vacas de Primeira mantéñense nos 1.091 euros do ano pasado, mentres que na Segunda e Desfeito descendeu, respectivamente, un 0,96% (de 722 euros por unidade a 715 euros) e un 1,09% (dos 456 euros por exemplar a 451 euros).

Un boi de raza Rubia Galega con menos de 5 anos converteuse na mellor marca ó ser comprado por 6.781,5 euros

O incremento das cotizacións nas mellores categorías debeuse, en parte, á incorporación á Central de novos matadoiros que buscan neste mercado animais de calidade polos que están dispostos a pagar prezos elevados, mentres que non houbo movementos nos que traballan con reses de calidades inferiores. Neste sentido, alcanzouse un récord histórico no prezo pagado por un exemplar. Foi o día 28 de xaneiro, cando un boi de raza Rubia Galega, que aínda non cumprira os 5 anos, foi comprado por 6.781,5 euros, superando o récord anterior, que se situaba nos 6.006 euros pago en 2015 por outro boi da mesma raza.

Respecto aos becerros carniceiros, a súa asistencia descendeu un 26,56%, ao rexistrar este ano 3.873 animais fronte aos 5.274 de 2019. Tamén o fixo a súa facturación que dos 3.876.111 euros do ano pasado reduciuse aos 2.711.938 euros deste, o cal supón un 30% menos. Por categorías, os frisóns, con pouca presenza na Central e que por tanto inflúen pouco na media conxunta dos becerros cebados, rexistraron unha baixada notable, debido á súa pouca demanda pola súa menor calidade para o consumo, sendo este descenso do 18,4% (dos 440 euros por animal pasaron a 359 euros).

Pola súa banda, os rubios e cruces, que teñen maior demanda e atopan na Central un bo nivel de compradores, descenderon soamente un 1,14% no primeiro caso (de 874 a 864 euros) e un 4,58% no segundo (de 807 a 770 euros). Nesta liña, mesmo antes do comezo da pandemia, o 7 de xaneiro rexistrouse o terceiro mellor prezo medio da categoría na historia da Central, o cal se situou en 899,16 euros, sendo a mellor marca os 918,80 euros acadados no mes de xuño do ano pasado.

Poxas dende o móbil

A Central, que segue sendo a única poxa informatizada de España, incorporou este ano novas tecnoloxías para facilitar e axilizar o proceso de poxas. Así, no mes de maio estableceuse un sistema telemático para comunicar aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes teñan que acudir ao recinto, substituíndo as poxas cantadas habituais pola difusión a través da web e a aplicación TokApp.

Agora a Central acaba de incorporar unha aplicación para que os compradores poxen desde o móbil, á cal se están sumando progresivamente os usuarios e que substitúe ás tiras en papel nas que os compradores anotan as poxas. Nesta mesma aplicación reciben os resultados. As vantaxes destes cambios, como indican dende a entidade, son múltiples: eliminar o tecleo manual por parte do persoal da Central para introducir no ordenador os datos que figuran nas tiras de papel, evitando así os erros que produce o factor humano, reorientar o labor de parte dos traballadores a outras tarefas, menor gasto de papel ao eliminarse as tiras e as listaxes que se facilitaban aos compradores e que agora teñen na aplicación, e tamén aumento da seguridade fronte á Covid-19 ao reducirse a manipulación de elementos e o contacto entre compradores e traballadores. Dende a organización feiral apuntan que se trata dunha aplicación con gran potencialidade, polo que seguirán incorporando utilidades en función das necesidades da Central.

Sede de Asemga

Por outra banda, dende o mes de setembro a Central Agropecuaria pasou a albergar a sede administrativa da Asociación Nacional de Mercados de Gando (Asemga), sendo a primeira vez que esta cambiaba a súa localización orixinal en Talavera de la Reina. Tamén nese momento Julio Pérez, coordinador da Central, converteuse no secretario administrativo da asociación nacional.

Neste mes de decembro, o director da Fundación Semana Verde e a Central Agropecuaria, Ricardo Durán, foi elixido vicepresidente primeiro da Asociación Europea de Mercados de Gando (Aemb). Un nomeamento que se suma ao de presidente de Asemga, cargo que ocupa dende o ano pasado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información