Belén do Campo leva apenas dous meses á fronte da dirección xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. Neste período unha das súas actuacións foi continuar coa campaña de promoción do consumo de leite galego, sobre todo entre as novas xeracións, a través da campaña de “Galega 100%”.
¿En qué consiste a marca Galega 100%?
A marca Galega 100% identifica ao consumidor os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con leite galego e envasados en Galicia. Esa materia prima procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.
¿Que garantías se lle ofrecen ao consumidor?
A marca Galega 100% é propiedade e está xestionada polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), no que están representados tanto as industrias lácteas como os produtores.
Neste sentido, o LIGAL encárgase de acreditar que o leite procede de explotacións galegas e é transformado en Galicia, a través dun proceso transversal de certificación e control que ofrece as máximas garantías. É dicir, o LIGAL mantén unha trazabilidade do leite galego dende a explotación ata a industria e a distribución.
¿Cantas industrias están adheridas ao selo de calidade Galega 100%?
Neste momento Galega 100% ampara produtos lácteos elaborados por Feiraco, Clesa, Leche Río, Leche Celta, Larsa, Granxa O Cancelo e Arquega. A lista completa está na páxina web do Ligal.
Temos que agradecer o compromiso tanto da industria como da distribución con Galega 100% porque é un compromiso coas nosas explotacións lácteas.
Vides de rematar unha campaña de promoción do selo Galega 100% ¿Cal é a avaliación?
Os resultados da campaña dos últimos meses é que o consumo vaise incrementando, aínda que non nas cifras que nos quixeramos. O noso obxectivo é que a sociedade consuma máis leite galego, e por iso a campaña de promoción de Galega 100% vai perdurar e incrementarse nos próximos meses.
“Imos incrementar campaña de promoción de Galega 100%”
Salientar tamén o esforzo de difusión desta campaña que se está a facer dende outras administracións, a parte da Xunta de Galicia, como por exemplo os concellos, con máis de 30 administracións locais de Galicia adheridas á campaña de difusión de Galega 100%. Neste sentido, lembrar que dende a Consellería do Medio Rural proporcionámoslle o deseño e o material promocional de forma gratuíta e logo son os concellos os que teñen realizar as campañas publicitarias da forma que consideren.
Os concellos máis implicados son sobre todo aqueles con máis produción leiteira, pero o noso obxectivo é chegar sobre todo ás cidades e vilas galegas, xa que alí se atopan a maioría de consumidores potenciais. De aí que fagamos un esforzo importante de promoción de Galega 100% en eventos deportivos que reúnan a moito público, como os partidos Deportivo-Celta, Lugo-Valladolid, as carreiras pedestres de Ourense ou de Santiago, o partido de baloncesto entre Obradoiro e Real Madrid ou para este fin de semana os torneos infantís do Club Basket Coruña.
Continuaremos esta campaña de promoción de Galega 100% en eventos deportivos, como co Club Ourense Baloncesto. Ao mesmo tempo, seguiremos coa campaña de promoción do consumo de leite Galega 100% nos centros escolares.
Segue habendo marcas que se venden como Leche de Galicia, sen que exista unha garantía oficial como si ofrece Galega 100% de que o leite sexa de explotacións galegas…
É verdade, porque a marca diferenciada Galicia sempre é ben acollida no mercado. Neste sentido, temos que agradecer o esforzo do departamento de Consumo da Xunta de Galicia na inspección, sobre todo na distribución, para que esas sinalizacións de marca Galega 100% estean ben postas e cumpran todos os requisitos.
“O Departamento de Consumo da Xunta inspecciona que os produtos Galega 100% cumpran os requisitos”
A parte de leite líquido, a marca Galega 100% tamén se está a empregar en iogures. ¿Está previsto ampliala a outros derivados lácteos como os queixos?
Diso se trata, porque cantos máis produtos lácteos estean amparados baixo o selo Galega 100% moito mellor. É certo que xa hai derivados como os iogures que xa se venden baixo este paraugas, pero o noso obxectivo é ampliar máis a gama de produtos amparados.
¿É compatible o selo Galega 100% co de Productos Lácteos Sostenibles (PLS)? ¿Debería avanzar máis Galega 100% para garantir non só a calidade do leite, senón tamén a sustentabilidade do prezo que se lle paga ás explotacións lácteas?
Todos os avances serán positivos e penso que pode ser compatible. Co selo Galega 100% queremos sobre todo deixar claro cal é a orixe do leite e que se sexa un produto de calidade, sempre cunha rigorosa supervisión que lle ofreza ao consumidor as máximas garantías.
Un dos resultados das últimas mobilizacións dos produtores lácteos galegos foi que varias cadeas de distribución se comprometeron a comercializar as súas marcas brancas ou ben baixo o selo de Galega 100% ou ben crear a súa propia marca de Leche de Galicia. ¿Como valora estes acordos?
É certo que a distribución está a facer esforzos. Tiven a oportunidade de reunirme eu e a conselleira con representantes da industria, da distribución e dos produtores e o que se trasladou foi a preocupación en relación con que todos temos que poñer o máximo esforzo. Neste sentido, algunhas cadeas de distribución optaron por crear unha marca propia como Leite Galego, que a nós válenos sempre que proceda de produtores galegos e sexa transformado por industrias galegas, pero se ten a marca Galega 100% moito mellor.
“Que a distribución cree a súa marca Leite Galego está ben, pero mellor sería amparalo baixo Galega 100%”
Dende a Consellería o que queremos é que non haxa ningún engano cara o consumidor e que cando esteamos vendendo leite galego que realmente sexa así. Así dáse resposta aos produtores que demandan que o noso leite sexa transformado e envasado en Galicia.
¿Podería ser este selo de calidade Galega 100% un primeiro paso para unha futura Denominación de Orixe do leite galego?
Si que sería unha boa nova para os produtores. Pero hai que ter en conta se sería só o leite o tamén os derivados lácteos…e a nivel administrativo é un proceso longo. É unha opción que se podería estudar.
¿Algo máis que queira engadir?
Esperemos que ese esforzo que están a facer os gandeiros, a industria e a administración nos leve a que ese Plan Estratéxico de Fortalecemento do Sector Lácteo Galego anunciado pola conselleira poda ser unha realidade no vindeiro ano e permita poñer en valor un produto de gran calidade como é o leite de Galicia.