A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

II Observatorio Activistas do Rural: liderado feminino no campo

A iniciativa do Grupo Lence analiza o papel da muller no rural en termos de visibilidade, liderado, emprego, autonomía económica e conciliación a partir da experiencia directa de quen vive e traballa no territorio

Fotografía de la presentación del I Observatorio Activistas del Rural el pasado mes de septiembre de 2025 en A Coruña

Presentación de resultados do I Observatorio Activistas do Rural o pasado mes de setembro de 2025 na Coruña

O Grupo Lence, empresa familiar 100% galega e única empresa galega entre as oito primeiras lácteas que operan en España, lanza o II Observatorio Activistas do Rural: liderado feminino no campo, unha iniciativa que nace co obxectivo de coñecer, desde a experiencia directa do territorio, a realidade, o papel e os desafíos da muller no medio rural.

Esta nova edición pon o foco en cuestións clave como a visibilidade, o liderado, a autonomía económica, o acceso aos servizos e os retos vinculados á conciliación e aos coidados, co fin de comprender o papel da muller como motor económico, social e demográfico do rural.

“É imprescindible escoitar e poñer en valor a voz do rural para coñecer a situación das mulleres que o habitan. Só así poderemos deseñar solucións reais que impulsen o seu liderado, a súa autonomía e o desenvolvemento sostible dos nosos territorios”, sinala Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence.

Carmen Lence destaca o papel da muller como motor económico, social e demográfico do rural

Esta edición especial busca xerar un diagnóstico rigoroso sobre o papel da muller como motor económico, social e demográfico do rural, identificando avances, barreiras estruturais e oportunidades de mellora que contribúan a un desenvolvemento máis equilibrado e igualitario.

Aberto á participación

O II Observatorio diríxese a persoas, empresas e asociacións que desenvolven a súa actividade no medio rural, así como a quen reside nel ou ten un impacto directo no seu desenvolvemento. Para iso, mantense a delimitación de medio rural como aqueles núcleos de poboación de menos de 10.000 habitantes situados fóra das áreas urbanas, onde predominan os usos agrícolas, gandeiros, forestais ou industriais.

A compañía está aberta á participación de persoas que cumpran estes requisitos. As persoas interesadas poden poñerse en contacto a través do correo comunicación@lence.gal para recibir o cuestionario.

Máis do 64% dos participantes en 2025 detectaba infrarrepresentación da muller e o 96,6% advertía sobre o problema da remuda xeracional

Esta iniciativa recolle os retos e oportunidades do medio rural, dando continuidade aos achados do I Observatorio, onde máis do 64% dos participantes detectaba infrarrepresentación da muller e o 96,6% advertía sobre a remuda xeracional.

A iniciativa nace co obxectivo de coñecer, desde a experiencia directa do territorio, a realidade, o papel e os desafíos da muller no medio rural

A investigación articúlase a través dunha enquisa cunha duración aproximada de 10 minutos estruturada en catro bloques temáticos:

  • Visibilidade, liderado e percepción social, centrado na representación nos órganos de decisión, cooperativas e asociacións, así como nas barreiras de acceso ao liderado.
  • Emprego e autonomía económica, que aborda as oportunidades laborais, o emprendemento e o acceso a axudas e subvencións.
  • Conciliación e coidados, analizando a distribución das responsabilidades familiares e o seu impacto no desenvolvemento profesional.
  • Visión de futuro, unha ollada aos retos e oportunidades que marcarán a evolución do rural.

A combinación de análise cuantitativa e cualitativa permitirá obter unha radiografía precisa do contexto actual, identificando avances, barreiras estruturais e oportunidades de mellora que contribúan a un desenvolvemento máis equilibrado e igualitario.

Os resultados serán presentados no último cuadrimestre do ano, durante o IV Foro Activistas do Rural, buscando xerar propostas para un desenvolvemento máis equilibrado, inclusivo e sostible do rural

Os resultados deste II Observatorio presentaranse publicamente no último cuadrimestre do ano, no marco do IV Foro Activistas do Rural, espazo de referencia para o diálogo entre os distintos axentes implicados no desenvolvemento do territorio.

Reto demográfico e relevo xeracional: dúas ameazas para o futuro do rural

Para el SLG, el relevo generacional debe venir de la mano de la agroecología y de los modelos de granjas familiares

O II Observatorio Activistas do Rural dá continuidade ao camiño iniciado en 2025 coa primeira edición, un estudo no que participaron máis de 200 persoas das catro provincias galegas e que permitiu trazar unha radiografía precisa da situación do medio rural.

Entre as súas principais conclusións, o informe evidenciou a magnitude do reto demográfico: o 96,6% das persoas enquisadas consideraba que a remuda xeracional non está garantida, situándoa como unha das principais ameazas para o futuro do rural.

O estudo tamén puxo en valor o peso estratéxico do sector: nove de cada dez participantes identificaban o sector agroalimentario como motor clave do desenvolvemento rural, mentres que máis do 92% sinalaba a soberanía alimentaria como un dos grandes retos colectivos da sociedade.

Radiografía da situación do medio rural en 2025: a remuda xeracional non está garantida e as políticas públicas non responden ás necesidades reais do territorio

En paralelo, o Observatorio reflectiu importantes déficits estruturais. Tres de cada catro persoas enquisadas valoraban negativamente a situación actual do rural; o 71,2% consideraba inadecuado o acceso aos servizos básicos; o 64,4% percibía insuficiente a conectividade dixital; e o 84% opinaba que os apoios institucionais non son suficientes. Nesta mesma liña, o 91,2% afirmaba que as políticas públicas non responden ás necesidades reais do territorio.

O informe tamén alertou sobre desafíos sociais relevantes: o 64,4% detectaba unha infrarrepresentación da muller rural, e unha ampla maioría sinalaba a falta de coñecemento do medio rural entre nenos e mozos, así como a ausencia de referentes.

Tres de cada catro persoas enquisadas recomendarían a un mozo traballar ou emprender no rural

A pesar diso, os resultados amosaban certo optimismo de cara ao futuro: 6 de cada 10 participantes consideraban que o rural está mellor ca hai 15-20 anos, e o 68,8% confiaba en que será un contorno máis atractivo para vivir e traballar na próxima década. Ademais, tres de cada catro recomendarían a un mozo traballar ou emprender no rural.

En canto ás prioridades, o estudo situaba en primeiro lugar a necesidade de garantir a remuda xeracional (56%), seguida da mellora das infraestruturas dixitais e dos servizos, así como da simplificación burocrática. Entre as medidas con maior impacto destacaban os plans de apoio ao emprego xuvenil e os incentivos ás empresas (54%), xunto con factores de atracción como o acceso a unha vivenda accesible e a calidade de vida (63%), o reforzo dos servizos públicos e o impulso da conectividade e do teletraballo.

Sobre esta base, o II Observatorio supón un paso adiante ao afondar nun ámbito clave para o futuro do territorio: o papel da muller rural como axente esencial para o desenvolvemento económico, social e demográfico.

informe completo está dispoñible para a súa descarga na web de Grupo Lence.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *