“A igualdade para min non é un reto, senón o único camiño posible”

Falamos con Carmen Rodríguez, vicepresidenta de CLUN e presidenta da asociación Mulleres de Seu con motivo do Día da Muller para coñecer a súa visión do sector gandeiro galego, xa que ademais das responsabilidades na cooperativa gandeira tamén atende a súa granxa de vacún

“A igualdade para min non é un reto, senón o único camiño posible”

Carme Rodríguez cunha das vacas da súa gandería.

No seu día a día, Carmen Rodríguez compatibiliza as responsabilidades como vicepresidenta de CLUN, unha das principais cooperativas agrogandeiras de Galicia, co traballo e coidado dos seus animais na gandería mixta de vacún de leite e carne. Ademais da súa experiencia persoal, Rodríguez preside a asociación Mulleres de Seu, que agrupa ás gandeiras da cooperativa, o que lle permite estar en contacto e traballar de xeito directo coas socias. Con ela abordamos a situación da muller no agro galego con motivo do Día da Muller. 

-Percibes cambios reais no agro galego en materia de igualdade?
-Queda moito por facer, pero o certo é que o labor de grupos como o de Mulleres de Seu, outros do noso ámbito, como Ganadería en Femenino de Zoetis, ó que nos sumamos recentemente; ou iniciativas coma a da Secretaría Xeral de Igualdade de pezas de vídeo promocionais como Sementes para a Igualdade e outras similares é fundamental e serve para visibilizar unha realidade que aínda pon de manifesto a desigualdade. Nos últimos anos, esta liña de iniciativas que acabo de mencionar está abrindo o camiño. Estou convencida de que a clave é a educación, a necesidades de tirar barreiras, estereotipos e clixés moi arraigados na nosa sociedade. A igualdade, a corresponsabilidade, a inclusión, a tolerancia e outros valores esenciais nacen da educación e aséntanse co exemplo. A igualdade para min non é un reto, senón o único camiño posible.

-Cales che parece que foron os máis significativos?
-Ser conscientes da desigualdade que aínda existe ten servido para que desde órganos de decisión de diferentes ámbitos institucionais, empresariais, educativos ou sociais se puxera de manifesto a situación. Sen dúbida, un paso moi importante. Esta realidade, unida ao traballo de agrupacións, asociacións, grupos de cohesión e outros colectivos de mulleres, coma o noso, en coordinación con estruturas de maior dimensión, foron permitindo construír vías de canalización das problemáticas actuais. Accións formativas, intercambios con outros colectivos similares ó noso, acordos con diferentes entidades para activar proxectos estratéxicos (substitucións, coberturas, etc.) suman. Favorecer a conciliación, o crecemento persoal e profesional e traballar en levar as novas tecnoloxías TIC ao rural, unha das grandes materias pendentes, son fundamentais para sentar as bases da calidade de vida no rural que permita fixar poboación e animar ás xeracións máis novas a que aposten polo rural como medio de vida, coa mensaxe de que non só é posible, senón digna e con enormes posibilidades.

“A mairoría das peticións das gandeiras son para obter formación técnica especializada e para a captación na xestión da gandería”

-No teu traballo como presidenta do grupo de Mulleres de Seu, cales son as reclamacións que vos fan as gandeiras?
-A maioría das peticións que se fan, e que tentamos canalizar desde Mulleres de Seu, apuntan á necesidade de formación técnica especializada, sobre todo en materia TIC e dixitalización, tamén de capacitación na xestión das ganderías e cuestións administrativo-burocráticas. Por outro lado, a dedicación a ‘tempo completo’ do noso traballo e a necesidade de artellar xornadas, baixas laborais, descansos, axudas complementarias é outra das reivindicacións. Desde Clun e Mulleres de Seu estamos traballando nun Plan de Substitucións que dea resposta a esta situación.

-As mulleres estiveron sempre presentes no campo, pero foron invisibles durante moito tempo. Como estades traballando polo empoderamento das mulleres dende o grupo Mulleres de Seu?
-Polo de agora, adquirindo maior peso e capacidade decisiva nos órganos de representación da cooperativa como eixo central do Plan de Igualdade no que levamos tempo traballando en Clun. O Plan de Formación integral que estamos tamén elaborando man a man desde a Cooperativa e Mulleres de Seu, é de capital importancia. E como dicía antes, nun Plan de Substitucións. A colaboración con entidades locais e autonómicas para darlle resposta real á conciliación no rural con garderías, axuda a domicilio, centros de día, coidado e atención aos nosos maiores é vital. E niso estamos, en ofrecer unha serie de servizos de cobertura a todas as necesidades do rural, que incidan na dixitalización, na educación e na atención a menores e maiores, para garantir fixación de poboación, igualdade de condicións e futuro para o noso medio.

-O grupo leva funcionando dende 2013, mudou a situación das mulleres neste período?
-O noso grupo, agora Asociación, é un ente aberto e dinámico que busca incorporar mulleres, e homes, e traballar en equipo para a igualdade e a corresponsabilidade real. Neste sentido, temos que destacar o crecemento de Mulleres de Seu, en calidade e tamén en cantidade, no que destacou o gran fito de 2017 coa integración cooperativa e o nacemento de CLUN, que nos permitiu sumar valor noutras zonas (Melide, Ribadeo) que antes quedaban fóra do noso ámbito directo de influencia. As máis de 500 socias actuais, coa entrada dun considerable número de mozas nos últimos anos, dá mostra da boa saúde da que goza a nosa asociación.

-Dende xaneiro, o grupo Mulleres de seu pasou a ser unha asociación, que cambios traerá? Por que decidistes dar este paso?
-Era un paso natural na evolución e na maduración dun grupo coma o noso que xa contaba cunha experiencia notable en materia de traballo pola igualdade e a corresponsabilidade. O posicionamento, recoñecemento e consideración que nos foron dando diferentes entidades como a Xunta de Galicia, cos premios de Agader ou das Medallas Emilia Pardo Bazán; ou Cooperativas Agroalimentarias de España, situábanos nun momento no que era necesario impulsar a profesionalización. Así decidimos crear a Asociación, que conserva o modus operandi de sempre, pero que nos permitirá unha estrutura máis sólida e maior dimensión e continuidade desde o punto de vista formal.

-Que perfil maioritario teñen as mulleres que son socias da cooperativa?
– A maioría das nosas socias están entre os 50 e os 60 anos e proceden de familias de tradición gandeira. Na maioría dos casos, as nosas socias sono polo seu nexo coa gandería familiar ou da familia política.

“O meu vínculo diario co traballo na granxa permíteme ter unha visión integral e pragmática sobre cal debe ser o compromiso de Clun”

-No teu caso, participas activamente tanto no gandería como na cooperativa, como o compaxinas?
-Na actualidade son responsable dunha gandaría asociada a Clun. Combino o meu traballo na granxa (unha das poucas explotacións de carácter mixto lácteo-cárnico de Galicia, con máis de 130 cabezas) con labores executivos e de gobernanza propias do meu cargo en Clun como vicepresidenta. Penso que o meu vínculo diario co traballo na granxa permíteme ter unha visión integral e pragmática sobre cal debe ser o compromiso de Clun cos nosos socios e socias. A miña formación complementaria en competencias empresariais e técnicas propias do sector agrario, tanto en manexo de animais como recursos auxiliares, fitosanitarios ou manipulación de alimentos, axúdanme sempre a manter a perspectiva dos socios, das súas necesidades diarias y dos servizos que debemos ofertar dende a Cooperativa.

-Un dos temas de actualidade nas ganderías segue a ser o prezo do leite. Este ano en Clun modificaron as primas do leite, en que consistiu o cambio?
-En efecto, temos que falar da prima por actividade cooperativizada, que xa é efectiva desde finais do pasado ano. Cambiou o sistema de pago do leite, primando a todos aqueles socios que consumen insumos das súas vacas en Clun, obtendo así un produto con seguridade alimentaria total e máxima calidade ao poder xestionar todo o proceso produtivo cunha ampla gama de produtos e servizos propios; e poder ademais trasladarlle estas garantías ao consumidor final.

-Como ves esta modificación como gandeira?
-Moi positiva.

-Que balance fas da integración da cooperativa en Clun de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto?
-A integración do ano 2017 que deu lugar ao nacemento de Clun supuxo un salto cualitativo no panorama lácteo galego, exemplo de que en Galicia se poden seguir modelos europeos innovadores, competitivos e de futuro. O exercicio 2019 para Cooperativas Lácteas Unidas, Clun, foi o da consolidación dun modelo de integración cooperativa, inédito con esta dimensión en Galicia.

“Clun é froito dunha vontade integradora. Puxemos en valor as sinerxías das cooperativas que se integraron, e desenvolvemos un modelo de organización e xestión máis eficiente e racional” 

E seguiulle en 2020 o comezo dunha etapa de crecemento que se verá confirmado nos vindeiros anos. Puxemos en valor as sinerxías das cooperativas que se integraron, e desenvolvemos un modelo de organización e xestión máis eficiente e racional. Clun é froito dunha vontade integradora. Naceu en realidade xa en Acolat, a suma de cooperativas que adquiriu os activos industriais de Clesa no 2012. Coñecémonos e compartimos unha forma común de traballar e entender o cooperativismo. Aí naceu Clun. E agora, mirando ao futuro, estamos abertos a colaborar con aqueles proxectos que compartan a mesma visión: unha cooperativa que xere valor e futuro aos socios; elaborando produtos de alta calidade, competitivos e innovadores para os mercados.

– Como ves o futuro do sector leiteiro galego?
-Como un sector de enormes oportunidades ó que hai que garantirlle servizos, profesionalización, recursos técnicos, humanos e económicos; e calidade de vida. A pandemia puxo de manifesto, unha vez máis, que o sector primario é de vital importancia.

Inmersos nunha crise social e económica sen precedentes, cremos que este é un bo momento para chamar a defender e repensar un sector capital para a economía galega, o lácteo. Galicia posúe as mellores condicións naturais para criar vacún de leite e produce o 40% do total nacional. Esta é unha das actividades que probablemente fixe máis a poboación no rural, pois con polo menos dous muxidos diarios non se pode vivir moi lonxe da gandería. Pero esta fortaleza no primeiro elo da cadea de valor dilúese nos seguintes, onde escasean proxectos industriais competitivos no actual contorno globalizado. Industrias e Administración deberemos profundar na exploración de fórmulas colaborativas que permitan abordar proxectos industriais diferenciadores aos que individualmente lles faltaría masa crítica para ser rendibles. Neste camiño é onde estamos e fai falta traballar.

Conmemorar o 8M 

Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller, dende Mulleres de Seu reuniron nunha peza audivisual unha vintena de voces de mulleres referentes na traxectoria do grupo. “As Nosas Mulleres de Seu” é o título deste vídeo homenaxe á muller empoderada, no que teñen cabida representantes de diversos ámbitos como o institucional, o empresarial, o formativo, o cultural, o deportivo ou da ciencia. “Todas elas, as nosas embaixadoras, son as protagonistas, xunto coas socias de Clun, compañeiras e amigas que constitúen a nosa verdadeira alma e fan posible cada día a boa saúde deste proxecto nacido hai 8 anos e que mira a un futuro prometedor“, segundo explica Carmen Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información