Ignacio Elola Zaragüeta é nomeado novo presidente de Inlac

A Interprofesional Láctea escolle a Ignacio Elola, conselleiro delegado do Grupo Lactalis, como substituto de Charo Arredondo. Na nova directiva tamén estarán os galegos Román Santalla e Manuel Ferreiro como vicepresidente segundo e secretario

Ignacio Elola Zaragüeta é nomeado novo presidente de Inlac

Ignacio Elola Zaragüeta exercerá como presidente da Inlac durante os próximos dous anos.

A Asemblea Xeral da Interprofesional Láctea (Inlac) elixiu a Ignacio Elola Zaragüeta como novo presidente, tras finalizar o mandato da anterior Xunta Directiva presidida pola cántabra Charo Arredondo, responsable de gandaría da organización agraria Coag, que pasa agora a ocupar a vicepresidencia primeira.

A nova Xunta Directiva estará integrada tamén polos galegos Román Santalla (UPA), que exercerá de vicepresidente segundo, e Daniel Ferreiro (Aira), en representación de Cooperativas Agroalimentarias de España) como secretario; mentres que o asturiano Ramón Artime (Asaja) será tesoureiro.

O novo presidente de Inlac, Ignacio Elola, é actualmente o conselleiro delegado do Grupo Lactalis en España e director da súa división de queixos. Desde a súa incorporación a Lactalis en 2012 foi director xeneral da división de Food Service e director xeral de Lactalis Puleva. En total, acumula máis de 20 anos na industria da alimentación e o sector lácteo nos que puido coñecer en detalle o proceso de transformación do leite en diferentes produtos como iogures, leite de consumo, queixos, manteigas ou natas.

Ignacio Elola destacou que “é unha honra poder contribuír ao traballo do conxunto de todo o sector ante os retos que temos por diante nunha contorna no que a sustentabilidade ambiental, a loita contra a España baleirada ou a importancia dunha alimentación saudable e de proximidade, son cada vez elementos máis relevantes para a sociedade”.

Retos para os próximos 2 anos

Entre os principais retos a abordar nos próximos dous anos de mandato Elola destaca a adaptación á recentemente aprobada Política Agraria Común (PAC) ou a defensa do papel nutricional dos produtos lácteos. “Necesitamos que a sociedade sexa consciente do traballo que existe detrás de cada vaso de leite, iogur, porción de queixo ou calquera outro produto lácteo que consuma, para atraer talento e fomentar unha substitución xeracional que será fundamental nos próximos anos para a continuidade do sector”, indica.

Así mesmo, desde a Inlac queren relanzar novos proxectos de I+D+i de ámbito sectorial para contribuír á sustentabilidade, modernización, profesionalización e desenvolvemento tecnolóxico do sector lácteo.
Elola agradeceu os “enormes avances” experimentados nos traballos de Inlac do actual equipo directivo, encabezado pola ata hoxe presidenta Charo Arredondo, e a súa directora xerente, Nuria María Arribas.

“É necesario avanzar nun sector lácteo dimensionado e eficiente que xere valor compartido en todos os elos da cadea, desde os produtores ata as empresas de transformación. Un sector unido e fortalecido, con poder de negociación fronte a distribución comercial, e que sexa un interlocutor relevante das autoridades nacionais e rexionais”, engadiu.

O novo presidente de Inlac lembrou o carácter estratéxico do sector lácteo para a economía e a vertebración do medio rural. Non en balde, a cadea de produción, transformación e comercialización do sector lácteo (vacún, ovino e caprino) factura ao redor de 13.000 millóns de euros ao ano e xera máis de 60.000 empregos directos. As industrias lácteas supoñen máis de 9.500 millóns de euros ao ano de volume de negocio e empregan a máis de 30.000 persoas mentres que, en 2019, 21.700 gandeiros realizaron entregas de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información