Identificadas máis de 5.000 hectáreas de piñeirais para a campaña de control do fungo das bandas

A Fundación Arume está a mapear as parcelas dos propietarios e comunidades de montes veciñais interesadas, en tanto Medio Rural, a través de Seaga, encargarase das aplicacións de abonos foliares. Os traballos de campo arrancarán nas próximas semanas e estenderanse ata o outono

Publicidade
Identificadas máis de 5.000 hectáreas de piñeirais para a campaña de control do fungo das bandas

Visita técnica a un piñeiral de Guitiriz no que se fixeron claras e aplicacións de abonos foliares no 2025.

A campaña de control da banda vermella e da banda marrón, impulsada pola Fundación Arume e a Xunta de Galicia, está a xerar un importante interese. Propietarios forestais e comunidades de montes veciñais en man común solicitáronlle xa á Fundación Arume a incorporación na campaña de máis de 5.200 hectáreas de piñeiro radiata, o 90% delas en Lugo.

A Fundación Arume encárgase este ano da dirección técnica da campaña, A súa tarefa principal consiste na identificación e mapeo das parcelas forestais que os propietarios solicitan incluír nas accións de control das bandas.

Toda esa información é trasladada á Consellería de Medio Rural, que decide as parcelas nas que se intervirá en función de factores como as zonas prioritarias delimitadas, os accesos da parcela ou a loxística das aplicacións.

Nas masas finalmente seleccionadas, é a empresa pública Seaga a encargada da operativa da aplicación de abonos foliares. Estas aplicacións teñen como obxectivo fortalecer os piñeirais e aumentar a súa resistencia fronte á banda marrón e á banda vermella. Non son unha solución máxica, pero contribúen a mellorar o estado nutricional das árbores e a incrementar a súa capacidade de defensa.

Unha rede de trampas de esporas instalada en monte permite determinar este ano o momento ideal para as aplicacións foliares

Este ano, as aplicacións de abono foliar sincronizaranse co aumento da presenza do fungo das bandas no monte. A Consellería e a Fundación Arume estableceron en monte unha rede de trampas de esporas do fungo, o que permite monitorizar a súa evolución e concretar cando é o momento idóneo das aplicacións en cada zona.

Os datos apuntan a que ata o de agora a presenza do fungo mantense contida, logo dun inverno frío e chuvioso, se ben espérase a súa expansión nas próximas semanas.

Interese dos propietarios forestais
Os traballos de mapeo das parcelas a incluír na campaña atópanse xa avanzados e as actuacións de campo arrancarán en breve. Neste momento, a Fundación Arume ten 5.207 hectáreas identificadas en toda Galicia, das cales 4.726 (o 90%) corresponden á provincia de Lugo.

Na actualidade, a Fundación Arume continúa a recoller o interese de novos propietarios forestais e comunidades de montes que queiran participar no plan de loita contra as bandas.

Os propietarios interesados en incorporar as súas parcelas de piñeiro radiata á campaña deberán solicitarllo á Fundación Arume e cumprimentar unha Declaración Responsable. Para obter este modelo oficial, poden contactar coa Fundación polas seguintes vías:

• Correo electrónico: arume@fundacionarume.gal
• Teléfono: 648 662 296

Para axilizar o proceso, os interesados deberán facilitar os seguintes datos básicos:

• Datos do titular e teléfono de contacto.
• Referencias catastrais das parcelas.
• Información da masa: especie dominante, idade aproximada e superficie real ocupada por piñeiro radiata.

En Lugo, as zonas prioritarias de actuación abarcan máis de 60 concellos, se ben é a franxa central da provincia, entre A Fonsagrada e a Terra Chá, a que se catalogou coa máxima preferencia para os tratamentos (Prioridade 1).

Mapa de áreas prioritarias para o tratamento das bandas. En escuro as zonas de prioridade 1.

Mapa de áreas prioritarias para o tratamento das bandas. En escuro as zonas de prioridade 1.

A selección das zonas prioritarias seguiu criterios técnicos rigorosos, poñendo o foco no nivel de afectación actual das masas, na densidade de Pinus radiata, especie máis vulnerable, e na continuidade das superficies, para optimizar o impacto das aplicacións.

O abono foliar aplicarase a través dun canón nebulizador instalado nunha pick-up, polo que nas parcelas seleccionadas unha condición imprescindible é a dispoñibilidade de bos accesos.

Visita técnica a un piñeiral de Guitiriz
Na mañá do mércores desenvolveuse unha visita técnica da Fundación Arume e da Consellería de Medio Rural a unha masa de Pinus radiata da comunidade de montes de Sambreixo, en Guitiriz (Lugo), que xa foi tratada no 2025.

En concreto, visitouse un rodal plantado recentemente que xa foi tratado o pasado exercicio e unha masa adulta na que se fixeron traballos de claras, a fin de airear a masa e que iso contribúa a diminuír a presenza do fungo.

Plantación da comunidade de montes de Sambreixo tratada no 2025.

Plantación da comunidade de montes de Sambreixo tratada no 2025.

O encontro serviu para constatar o bo estado sanitario da masa e para reafirmar a necesidade de continuar coa estratexia de aplicacións foliares, como vía para fortalecer ós piñeirais fronte á enfermidade.

A visita contou coa participación dunha representación da Fundación Arume, encabezada polo seu presidente, Xosé Mera; o director da Asociación Forestal de Galicia, Xosé Covelo, e o responsable forestal de Finsa, Carlos Iglesias; así como coa asistencia da directora xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro, e dunha representación da empresa de servizos (Foresga) que xestiona tecnicamente a propiedade visitada, a comunidade de montes veciñais en man común de Sambreixo (Guiritiz).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información