“A idea das vacas no monte non foi por negocio, senón para alonxar o lume e ser autosuficientes”

Visitamos a comunidade de montes veciñais de Pinzás, situada en Tomiño, para falar con Sara Pérez e Francisco Javier López, tesoureira e secretario da comunidade de montes respectivamente, e coñecer os aproveitamentos gandeiros e forestais do monte veciñal

A comunidade de montes de Pinzás (Tomiño) introduciu gando no monte hai oito anos, cun rabaño inicial de 8 vacas vianesas que hoxe son medio cento de animais, entre becerros e gando maior. O proxecto está consolidado e ademais xa se autofinancia: “Este ano por primeira vez non tivemos que mercar forraxes externos, algo que é unha satisfacción”, contan.

– Presentádenos o voso monte veciñal e a evolución que tivo no tempo.
Francisco López: Somos 58 comuneiros e xestionamos 532 hectáreas de monte, principalmente zonas de madeira e zona de pradeiras para o gando.

Sara Pérez: Antigamente, este pobo vivía da gandería e dos cultivos que recollían das fincas, do traballo do campo, pero polos anos 60 colleu o monte o ICONA, fixo plantacións e prohibiu o pastoreo.

Ao prohibir o pastoreo, moita xente tivo que emigrar. Por exemplo, na miña casa había daquela unhas 12 vacas, 40 Ovellas e 40 cabras… A comunidade de montes fundouse no ano 1991, cando se fixo a cesión da xestión do monte de ICONA aos comuneiros, coa parte forestal conveniada coa Xunta.

Francisco: Esta situación, coa Xunta a cargo da xestión forestal, mantívose ata o ano 2014. Entón fixémonos cargo os comuneiros da xestión integral do monte. Naquel momento non tiñamos nada, pero agora xa temos un edificio propio, tractor e maquinaria.

– Que usos forestais, gandeiros e recreativos facedes do monte na actualidade?
Francisco: Temos sobre 400 hectáreas adicadas á madeira, case todo a piñeiro, salvo o 13% que é eucalipto. Tamén temos algún bidueiro ou castiñeiro, pero moi puntuais. O resto son pradeiras e pastizais para o gando.

Sempre nos centramos na produción de madeira, ata hai 8 anos que comezamos co tema das vacas, no 2016, cando entrou a nova directiva con Nati e Sara.

Sara: Cando comezamos co proxecto das vacas, tiñamos a idea ben meditada e consolidada, coa aprobación dos comuneiros. Empezamos con 8 vacas e fomos crecendo, aproveitando peches forestais das plantacións.

A nivel recreativo, vén moita xente a camiñar e en bici, sobre todo na fin de semana. Tamén veñen colexios a coñecer como xestionamos o noso monte.

Francisco: A nivel gandeiro, actualmente temos 29 vacas, un touro, e 18 becerros. Temos 48 animais a día de hoxe.

Nos pastizais temos raigrás, trebol, e todas as pradeiras teñen auga. Contamos coa sorte da colaboración de Juan Valladares, da Sociedade Galega de Pastos, que traballa no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e nos asesora. Gustoulle o proxecto e implicouse moito.
Temos 54 hectáreas en pradeiras pechadas, divididas en catro zonas distintas, nas que imos rotando o gando.

– A nivel forestal, como é o voso plan de traballo?
Francisco: Traballamos seguindo un Plan de Ordenación, que revisamos cada 10 anos, no que xa temos unha planificación de canto e onde cortar, podar, talar e plantar.

A idea é facer unha especie de espiral que nos dé ingresos todos os anos, para poder manter esa cadea. Está deseñado para que todos os anos a superficie de cortas sexa a mesma… A maiores, temos varias rozas por ano e unha ou dúas podas de rodais.

E cada vez que talamos unha zona, plantamos a mesma superficie. Tamén intentamos recuperar pastizais e pradeiras que se perderan no monte, pero é custoso.

– Como foi a introdución de pastoreo co gando no monte?
Sara: Escollemos a raza vianesa porque foi a raza que máis nos gustou e pensamos (e dixéronnos) que irían moi ben nesta zona. A nivel de manexo, é fácil, non tivemos que atender ningún parto.

O que si gastabamos moitos cartos na forraxe, pero agora xa somos autosuficientes, e iso é unha gran satisfacción, non depender de ninguén. Chegamos a gastar máis de 7.000 euros ao ano en forraxes. Estamos moi agradecidos á Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e en concreto a Juan Valladares, que foi un dos piares deste proxecto desde o comezo. A intención deste proxecto non é facer un negocio, senón manter o monte ben, alonxar o lume e ser autosuficientes.

gando pastizal tominho

– Como é a situación con respecto aos incendios nesta zona?
Sara: Todas as pradeiras están rodeadas de pistas e son cortalumes naturais. Ademais todas as pradeiras teñen auga, o que é unha defensa e seguridade contra o lume.

Francisco: Por sorte, levamos moito tempo sen incendios. Hai un par de anos houbo un pequeno incendio de 4 hectáreas, que fora provocado por un cableado eléctrico, e fíxose responsable a compañía eléctrica.

– Como facedes o manexo do gando ?
Francisco: Con dúas persoas chega de sobra para facer o manexo de todas as vacas, elas saben onde van.

O manexo principal das vacas é levalas dunha pradeira a outra. Son pradeiras de varias hectáreas, así que poden pasar varios días alí. Témolas bastante controladas grazas aos colares GPS Rumi, de Innogando, que funcionan moi ben e recárganse coa luz solar.

Temos a dúas persoas contratadas, para madeira e gando, unha está todo o ano e outra en momentos concretos. Cando é fin de semana traballamos nós, os comuneiros. Contamos con tres mangas para sanealas e un túnel.

Agora buscamos concentrar todos os partos na primavera para evitar que morran algúns becerros polo frío no inverno. Temos que facer que o touro estea coas vacas no momento exacto.

En canto á alimentación, as vacas son moi independentes e só comen herba. Os primeiros anos tivemos que darlles pensos, pero non lles facían moita gracia e tivemos que tirar penso porque non o querían.

– E como comercializades os becerros?
Francisco: Vendemos só para comuñeiros, familiares ou amigos… Funciona moi ben o boca a boca. Teñen unha carne moi sabrosa e con pouca graxa. Tamén vendemos xatas para vida. A día de hoxe, as vacas xa dan beneficio elas mesmas, autofinancianse entre o prezo de venda e os apoios da PAC.

Melloramos ademais nas forraxes. O ano pasado sacamos 100 rolos de herba seca e este ano 205. Ao comezo non tiñamos tanta pradeira, nen todas tiñan auga… Pero grazas ao asesoramento de Juan Valladares fomos sacando boas hectáreas de pradeiras.

Leña para os comuneiros.

Leña para os comuneiros.

– Notastes o impacto do lobo no voso rabaño?
Francisco: Por sorte, nesta zona non hai lobo, o que facilita moitísimo o traballo co gando. Xabarín si que hai, pero non xeran problemas nen acostuman vir aos nosos montes, porque non temos cereais ou millo.

– Que proxectos tedes de cara ó futuro?
Sara: Estamos pensando en introducir cabras en pastoreo, pero de momento non nos atrevemos a dar ese paso, xa temos bastante con coidar as vacas.

Francisco: No rabaño de vacas, queremos colocar colares GPS en todos os animais, de momento só temos uns 12. Non nos interesa ampliar o número de vacas porque habería que ampliar o número de pastos e penso que con 30 vacas estamos ben, subir de aí é complicado. Tamén queremos colocar sensores no rabo para saber cando paren.

No monte, a idea é facer entre 15 e 20 hectáreas máis de pradeiras, e as máis grandes repartilas mellor por zonas, ter os animais menos tempo para que a flora se rexenere mellor e as vacas estean mellor alimentadas.

– Que apoios e dificultades vos atopastes no preceso de incorporación do gando?
Sara: Tivemos axudas do AGADER tanto para facer a casa comunal como para crear pastos e pradeiras.

Francisco: En canto a apoios, a Xunta acaba de financiar a creación de 26 hectáreas de pastos e os peches.

O principal problema que tivemos na xestión forestal foi que nos anos 60 ICONA plantou todo o monte á vez, entón agora mesmo a madeira está moi vella e estase perdendo moita. Tamén temos un problema de man de obra, a penas hai xente para traballar no monte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información