Icos, Lasurgal e Pérez Olveira ultiman a formalización de DairyGal

A cooperativa chantadina e as dúas industrias lácteas acometerán en conxunto novas liñas de transformación do leite e a potenciación das queixerías que xa xestionan

Icos, Lasurgal e Pérez Olveira ultiman a formalización de DairyGal

A cooperativa Icos liderará o novo proxecto industrial.

O proxecto conxunto para a transformación do leite no que traballan a cooperativa Icos e as industrias Lácteos Pérez Olveira (Santa Comba) e Lasurgal (Melide) ultima a súa formalización, segundo publicou onte o xornal Expansión. A iniciativa, que se constitúe baixo os nomes de Dairy Ruta Xacobea e DairyGal, xa rexistrados, centrarase en potenciar as instalacións industriais dos socios e abordará novas liñas de transformación. Queixos, leite en po e produtos de valor engadido dirixidos á industria agroalimentaria son tres das liñas de traballo do novo grupo.

A sociedade, segundo a información de Expansión, estará conformada cunha participación significativa de Icos (35 %), en tanto XesGalicia, a sociedade de capital risco participada pola Xunta, contará cun 25%. Pérez Olveira, cun 20% e Lasurgal, con outro 20% completarán o accionariado. O grupo está a contar coa asesoría de Jaume Llopis, un reputado profesional da industria agroalimentaria con experiencia no sector lácteo ó mando de Nestlé España. O nome de Llopis estase a barallar para liderar tamén a dirección de DairyGal.

O grupo contará de partida coas instalacións industriais de Pérez Olveira e Lasurgal. Pérez Olveira xestiona dúas queixerías, unha en Santa Comba e outra no Pino (Ruta Xacobea), que se potenciarían coa posta en marcha de DairyGal; en tanto Lasurgal está especializada na obtención de subproductos dirixidos á industria agroalimentaria a partir do soro lácteo de queixerías.

O reforzo á comercialización de produtos de alto valor engadido, como gamas lácteas infantís, é unha das liñas nas que quere traballar o grupo. Outra vía de traballo centrarase na posta en marcha dunha torre de leite en po, de cara a transformar e comercializar por esta vía os posibles excedentes de leite que se xeren no agro.

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, preguntada o pasado venres no Parlamento por este proxecto, renunciou a concretar detalles, se ben asegurou que Medio Rural ten 12 iniciativas de novas instalacións lácteas sobre a mesa. Ulloa indicou que agardaba que estes proxectos se comezasen a plasmar de cara a final de ano e 2016. En canto ás empresas participantes, onte non foi posible recabar o parecer de ningunha delas, se ben recentemente fontes directas da negociación si lle confirmaron a Campo Galego a existencia do proxecto e as súas perspectivas de viabilidade.

Una idea sobre “Icos, Lasurgal e Pérez Olveira ultiman a formalización de DairyGal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información