“A IA facilita o traballo técnico, pero a intelixencia emocional é clave na toma de decisións”

O Colexio de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia desenvolveu os últimos meses un curso de habilidades directivas no sector forestal – madeira. Falamos con Modesto Gómez, o responsable da formación, para avaliar esta experiencia e coñecer as cuestións que abordaron

Publicidade

MODESTO FOTO

Modesto Gómez Rodríguez é Licenciado en Ciencias Económicas e director da empresa Enxeño Galicia. É ademais formador experto en márketing e desenvolvemento de talento. O Colexio de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG) contou con el para formación en habilidades directivas de profesionais do sector forestal – madeira.

– Fálanos do enfoque do curso e dos aspectos que traballades.

– Traballamos sobre dez habilidades concretas que axudan a desenvolver tanto o talento como o emprendemento, e que foron deseñadas por especialistas ao longo dos anos.

Partimos de cinco habilidades de base: a motivación, a creatividade, a resolución de conflitos, a persuasión e a comunicación. E logo exploramos habilidades derivadas das anteriores como son o traballo en equipo, o liderado e marca persoal, estratexia, xestión do tempo e xestión de recursos.

Traballamos sobre cinco habilidades básicas e sobre as interaccións entre elas

De cada habilidade faise un módulo teórico dunhas dúas horas e que realizamos a distancia xeralmente. Levamos dende xaneiro traballando co COETFG nesta formación.

Gómez sinala que os cambios tecnolóxicos no sector forestal nunca van suprimir a importancia da intelixencia emocional

Gómez sinala que os cambios tecnolóxicos no sector forestal nunca van suprimir a importancia da intelixencia emocional

Cada vez que temos vistas dúas habilidades. Artellamos unha xuntanza -que nós chamamos “laboratorio”- para levar á práctica con exemplos e casos concretos o que se aprendeu antes. Así creamos dinámicas que lles serven para a posta en marcha das súas capacidades no día a día do seu traballo. Procuramos que os cursos sexan un 60% prácticos e un 40% teóricos.

– O sector forestal, ademais de ter un enorme peso na economía, ten unhas particularidades que o fan moi diferente do resto. Foi preciso adaptar a formación ás características do sector?

Si. En todas as accións formativas preparamos contidos específicos do sector do que se trate. Neste caso, buscamos unha linguaxe directa e co emprego de símiles axeitados ao mundo forestal. Por exemplo buscamos experiencias de creatividade que tiveron éxito económico noutras zonas do mundo. Falamos de actuación fronte a pragas, reforestación, prevención de incendios…

Unha parte importante é coñecer experiencias que se teñen desenvolvido noutros lugares fronte a problemas semellantes

Tamén é importante a resolución de conflitos nun sector no que os traballadores están cada vez máis cualificados e onde se traballa con tanta maquinaria, tamén cada vez mais sofisticada. Nese caso empregamos casos reais e plantexámoslles cales serían as súas solucións.

E afondamos moito na linguaxe. Nos termos técnicos que se empregan no monte e que son claves para entender aos donos da madeira, aos empregados, á competencia…o proceso comunicativo non só queda en publicidade ou redes sociais; hai que desenvolvelo en todos os elos do traballo.

– Que papel xogan nos cursos as novas tecnoloxías e, especialmente, a Intelixencia Artificial (IA)?

Hoxe a IA está presente en todos os sectores e todas as empresas. Eso é innegable e non podemos obvialo. Sen embargo, non implica que non se poida seguir traballando co que nós chamamos a “intelixencia emocional”, aquela que está detrás do talento e das decisións axeitadas.

Por suposto que hai que empregar a IA, sobre todo nas partes técnicas e mecánicas do traballo, como poden ser o uso de drons ou de maquinaria de alta precisión. Sen esquecer a robótica, que semella que terá cada vez máis peso pola falta de man de obra. Neses aspectos tamén incidimos no curso aportando tips para o día a día.

Non podemos negar a importancia crecente da IA no sector forestal, pero sen perder de vista a compoñente humana na toma de decisións

Pero, insisto, deixamos claro que o máis importante é contar coas mellores ferramentas de decisión no noso cerebro. E eso non o pode aportar a IA. Está na man de cada técnico adquirir e desenvolver as habilidades que a informática non pode transmitir.

– O sector forestal require de numerosos procesos de negociación entre propietarios, comunidades de montes, serradoiros, compradores…). É un aspecto que se abordou no curso?

É un apartado fundamental. A cuarta ferramenta básica, a da persuasión, está centrada neses momentos en que hai que negociar e que se producen case a diario. Está moi vencellado coa comunicación.

O ponente explicou que o sector forestal non se cingue a cortar madeira e vendela ao mellor prezo, hai moitas negociacións nos procesos

O ponente explicou que o sector forestal non se cingue a cortar madeira e vendela ao mellor prezo, hai moitas negociacións nos procesos

Con todo, tampouco é que sexan negociacións moi diferentes das que se teñen dentro doutros sectores do mundo rural. Por exemplo, cando un comerciante de fariñas ten que ir polas panaderías dos pobos ofrecendo unha fariña nova ou cando un gandeiro xoven ten que falar cun tratante…todo é negociación e sempre se pode mellorar esa habilidade.

O sector forestal require dunha negociación continua e diaria con múltiples actores. A comunicación é esencial na negociación

Esa certa transversalidade resulta interesante porque implica que se poden transportar capacidades duns sectores a outros por moi diferentes que semellen. A cuestión é sabelas empregar de forma que redunden en beneficio da empresa e do traballador.

– Que é o que máis está a sorprender aos participantes no curso?

Eu coido que é o apartado de creatividade. Porque é unha palabra que podemos asociar con extravagancia ou ideas raras saídas dun laboratorio e non é así nin moito menos. Son mecanismos sinxelos que nos levan a buscar solucións diferentes das habituais, pero non por eso menos efectivas. Só hai que atreverse a pensar con miras amplas.

Por outro lado, vexo moito interese nos apartados de xestión do tempo e de comunicación porque se asocian con eficacia. E, a nivel interactivo, destacan os de creación de marca e liderado. Porque para eles é moi interesante saber como aplicar as ferramentas de mercadotecnia para ser bos profesionais.

Estou a ver profesionais con creatividade, que son capaces de buscar solucións diferentes das habituais

E, aínda que resultan densos, tamén espertan interese os apartados de motivación. Son bastante teóricos, certo, pero aportan algo tan importante, como ter un motivo que nos leve a querer facer o traballo o mellor posible. Algo que, por exemplo, non é doado cando tes que ir ao monte chovendo a chuzos e con frío.

O COETFG tiña claro dende o principio que esta formación tiña que ser algo máis que elementos puramente técnicos referidos ao sector forestal. Por eso nos insistiu nos aspectos integrativos, emocionais e que leven a empregar ferramentas mentais diferentes das habituais.

Os coñecementos técnicos, como o uso de drons, deben ir acompañados de habilidades persoais desenvolvidas

Os coñecementos técnicos, como o uso de drons, deben ir acompañados de habilidades persoais desenvolvidas

– En que medida o desenvolvemento de todas estas capacidades contribúe ó éxito profesional?

Eu creo que unha cousa leva parella a outra. Neso incidimos moito no apartado da resolución de conflitos. Por exemplo, agora no forestal galego hai problemas como as bandas dos piñeiros, a falta de man de obra ou a oscilación de prezos da madeira. Saber lidiar coa presión que supoñen eses fenómenos tamén se pode considerar un éxito.

Na parte práctica, vencellamos a resolución de conflitos coa persuasión. De xeito que as solucións que adoptemos para cada conflito que xurda, sexan entendidas e compartidas polas partes afectadas e non só o resultado dunha imposición.

– Que valoración facedes ata agora do curso?

A formación sempre é gratificante. Porque tes unha porcentaxe de ensino e outra de aprendizaxe. Sempre aprendemos dos alumnos. E máis nestes sectores primarios tan específicos. Levamos tempo traballando cos sectores agrario, gandeiro e forestal e vemos grandes similitudes e grandes diferencias. Eso é enriquecedor e permítenos mellorar o noso traballo.

A coñecementos iguais, a diferenciación sempre estará do lado de quen mellor desenvolva as súas habilidades

A avaliación dos alumnos é algo que non me compete a min decir. Pero, polo nivel de asistencia e de participación, coido que polo menos conseguimos espertar o interese en todos os apartados.

Hoxe en día a clave está na diferenciación. Dous expedientes académicos de matrícula de honor significan un nivel semellante de capacidade. Na habilidade para desenvolver mellor esas capacidades é onde está a diferencia. E aí é onde nós intervimos.


O curso sobre habilidades directivas no sector forestal – madeira, promovido polo COETFG, enmárcase no proxecto ‘Accións formativas e divulgativas dirixidas ó impulso do coñecemento e a
competiti􀆟vidade da industria forestal – madeira en Galicia – COETFG 2025 – 2026’, financiado pola Axencia Galega da Industria Forestal XERA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información