No seu día a día Gustavo Schuenemann, veterinario e profesor do departamento de Medicina Preventiva na Universidade de Ohio (Estados Unidos), traballa man a man con produtores e asesores en vacún de leite de todo o estado, actividade que compaxina coa docencia. Ademais é especialista en cuestións como o manexo da vaca de transición, a xestión de persoal e as tecnoloxías de precisión nas gandarías de vacún de leite. Con el coñecemos as preocupacións dos gandeiros norteamericanos, á vez que lle pedimos algunhas recomendacións para abordar os principais retos na produción de vacún de leite.
-Cales son as principais preocupacións dos gandeiros en Estados Unidos?
-Para entender a un produtor leiteiro hoxe, hai que entender os cambios que sucederon na industria leiteira. En xaneiro de 2020, había 9.3 millóns de vacas distribuídos nunhas 34.200 granxas cunha produción media de case 11.000 litros por vaca ao ano para unha poboación de 328 millóns de habitantes. Nos últimos 20 anos, pecháronse aproximadamente o 50% das granxas, a unha taxa media de preto de 2.300 granxas ao ano, isto equivale a 6,3 granxas por día, a maioría de menos de 500 vacas. Actualmente, a industria leiteira está nun proceso moi forte de consolidación con algúns sistemas de produción integrados en leiterías de 10.000 a máis de 100.000 vacas e a produtividade media anual por vaca aumentou en case 3.000 litros. Esta consolidación na industria leiteira mudou a forma de traballar, desde o profesional consultor aos provedores de insumos, con mellor consistencia nos procesos de produción.
As principais preocupacións do produtor leiteiro son a perda de rendibilidade no negocio leiteiro, a falta de empregados, o manexo de xurros e cumprir coas demandas dos consumidores. Sen dúbida, eficientizar e mellorar a consistencia nos procesos de produción son tamén prioridades para poder dar continuidade ao negocio leiteiro, pero cunha forte énfase en mellorar benestar animal, sustentabilidade e tendo en conta as demandas dos consumidores. Esta crise de Covid-19 amosounos que os andeis baleiros no supermercado xeran moito medo a todo nivel, pero os campos sen cultivar ou pechados pode ser devastador para un país. Momentos como estes lémbrannos a todos a importancia de ter un sistema de produción de alimentos sólido para garantir a seguridade alimentaria dunha nación.
“Nalgunhas granxas revertemos a falta de empregados cubrindo gastos asociados como transporte, vivenda ou oportunidades de educación para os empregados e as súas familias”
-Á xestión do persoal na granxa cada vez estáselle a prestar máis interese e tamén hai máis dificultades para conseguir traballadores, Por que é complicado atopar xente que queira traballar nas granxas estadounidenses?
-É sen dúbida un fenómeno social multifactorial onde probablemente inflúen as expectativas do traballo no calendario semanal, acceso a máis oportunidades de educación, ou simplemente vivir preto de comunidades con mellor infraestrutura (internet, saúde, vivenda, tendas, etc.). A falta de empregados nas empresas rurais é un fenómeno global, aquí en EEUU, e tamén observo a mesma tendencia en Sudamérica e Europa. Nalgunhas granxas puidemos reverter parte da falta de empregados cubrindo os gastos asociados: transporte ou vivenda, oportunidades de educación para os empregados e as súas familias, e prover xantar ou roupa de traballo.
-Na súa opinión, cales son as claves para lograr o éxito na contratación de persoal en gandarías de vacún de leite?
-Hoxe en moitas granxas están satisfeitos con só poder cubrir os postos de traballo vacantes. É necesario definir claramente as responsabilidades, habilidades necesarias, rol do empregado na granxa e expectativas (transmitir claramente a cultura de traballo e a misión da granxa). Durante a entrevista de traballo é importante avaliar a actitude do futuro empregado. As persoas teñen a capacidade de aprender e sobreporse a limitacións, pero é moi difícil e custoso resolver problemas de actitude (non me importa, falta de atención aos detalles ou compromiso, etc.). Nos nosos programas de adestramentos démonos conta de que unha persoa con actitude negativa termina tendo mal desempeño, a pesar de ter excelentes coñecementos e habilidades. Hoxe damos máis importancia a unha persoa con actitude positiva que ao seu coñecemento e habilidades, porque isto podémolo mellorar moi rapidamente dentro da granxa.
-A produción de leite en EEUU nos últimos anos evolucionou cara a granxas cada vez de maior tamaño, as coñecidas como megagranxas. Son xa o presente e serán o futuro da gandaría de vacún no país?
-A industria leiteira consolidouse fortemente nos últimos 20 anos con menos granxas, pero de maior tamaño en número de vacas. Hoxe en EEUU, un 5% das granxas (con 1.000 vacas ou máis) muxe case o 60% do total de vacas leiteiras. A medio prazo, a consolidación de granxas leiteiras continuará con énfases para mellorar eficiencia nos procesos, integradas coas comunidades locais e recursos naturais (terra, auga e enerxía) tendo en conta as demandas dos consumidores para dar sustentabilidade ao sistema de produción.
“O gandeiro debe estar atento aos cambios e demandas de alimentos para poder adaptar o seu sistema a tempo, transformar desafíos en oportunidades e así poder seguir no negocio leiteiro”
-En Europa, aínda que en menor medida, tamén se viu este cambio cara a gandarías de maior tamaño en decremento das unidades familiares, o que habitualmente suscita críticas. Que opina deste modelo de megagranxas tan afastado das gandarías familiares?
-A consolidación da industria leiteira é unha realidade global, aquí en EEUU pero tamén en Europa, Sudamérica e Asia. A maioría das granxas de máis de 1.000 vacas seguen sendo familiares, pero a maior escala. En termos de eficiencia, as granxas grandes aumentaron a produtividade individual dos animais co uso de estándares definidos de benestar animal e están a traballar moito en sustentabilidade con especial atención ás demandas dos consumidores. A falta de empregados é un desafío, pero a tecnoloxía de precisión ofrece oportunidades para automatizar procesos. É importante destacar que tamén vemos produtores con 300 vacas eficientes e explorando oportunidades para comercializar o seu leite a través de asociacións, producindo leite ecolóxico ou A2A2 para cubrir demandas específicas dos consumidores.
Indistintamente do tamaño da granxa, o gandeiro debe estar atento aos cambios e demandas de alimentos para poder adaptar o seu sistema a tempo, transformar desafíos en oportunidades e así poder seguir no negocio leiteiro. O traspaso do negocio dunha xeración á seguinte é un tema importante que require un plan, compromiso e visión a medio-longo prazo para coordinar unha transición ordenada e así dar continuidade ao negocio. Nas ganderías pequenas este traspaso xeracional non esta tan claro e as baixas marxes de rendibilidade xeran incerteza que impacta sobre a viabilidade do negocio a futuro.
-Mellorar a produtividade é un dos obxectivos habituais nas gandarías e que abordou en distintos traballos, Algunha recomendación para logralo?
-O negocio leiteiro é a arte de controlar variación e manexar risco. Os sistemas eficientes en producir leite caracterízanse por unha forte énfase no recurso humano, cun programa definido para manexar o período de transición con procesos simples pero efectivos. Debe contarse cun programa eficiente para producir forraxes de calidade e un programa de recría definido e eficiente para lograr consistencia no desenvolvemento das futuras nais. Todos estes puntos teñen que estar integrados nun programa de benestar animal e sustentabilidade.
-Que priman na actualidade as gandarías estadounidenses na produción de leite: cantidade ou calidades dos sólidos? Fixo a industria unha aposta clara neste sentido?
-Nas últimas décadas, o leite págase en base a sólidos totais con bonificacións por calidade. Por tanto, houbo unha mellora xenética moi marcada nos últimos 30 anos a través de elixir touros positivos en sólidos (proteína e graxa) e con menos mastite. Hai unha tendencia moi marcada a pagar o leite en base a sólidos (principalmente proteína) e calidade, con nichos de mercado orientados a diversos grupos de consumidores desde compra local, leite ecolóxico ou produción de lácteos sen uso de millo transxénico (GMO).
-Hai interese por incorporar outras razas ás granxas máis aló da Holstein?
-O 86% das vacas leiteiras en EEUU son Holstein e o resto están distribuídas nas demais razas como Jersey, Parda Suíza, Guernsey, Ayrshire, Shorthorn leiteiro, e Red and White Holstein. Tamén hai algunhas granxas que usan cruces entre Holstein, Red Holstein, Montbeliard e Jersey con moi bos resultados en termos de produción de leite con altos sólidos totais (3.7% proteína e 4.2% graxa), calidade de leite (menos de 100.000 células somáticas por mililitro) e eficiencia reprodutiva (30% TP 21 días). Indistintamente do tipo de vaca, hai un gran interese polo uso da tecnoloxía xenómica para seleccionar animais (touros e as xovencas de remprazo) con alta produción de sólidos totais, mellorando saúde e reprodución, pero sen resentir produción de leite.
“As granxas que apostan polo benestar animal logran mellorar a lonxevidade nos animais e a rendibilidade económica”
-Outro dos aspectos ao que cada vez se está dando maior importancia é o benestar da vaca. Cales son as pautas que máis contribúen a mellorar o confort do animal? En que inciden as gandarías estadounidenses?
-O confort está definido polas cinco liberdades do benestar animal: acceso a unha dieta balanceada con auga, instalacións que ofrezan termoneutralidade (evitar o estrés calórico ou frío), instalacións limpas e ben ventiladas que permitan expresar o comportamento normal (descansar, comer, camiñar, etc.), animais libre de dor e enfermidades ou lesións, e unha interacción positiva entre os animais e as persoas para evitar animais medorentos.
En termos prácticos a nivel da granxa, traballamos nas seguintes 4 áreas:
1) Definir o manexo: Integrar os protocolos, persoas, animais, alimento/auga e as instalacións para definir os procesos no sistema de produción.
2) Monitoreo dos procesos: Establecer un control de calidade a través dun panel de control usando indicadores líderes (horas de descanso das vacas, dispoñibilidade de alimento, etc.) e atrasados (eventos de saúde, calidade de leite, reprodución, etc.) para determinar como responden as vacas ao manexo.
3) Capacitación dos empregados: Integrar instalacións e manexo (persoas e protocolos) para lograr consistencia.
4) Certificación: avaliación independente dos puntos anteriores para dar transparencia ao sistema de produción de leite.
O benestar animal lógrase integrando as instalacións e o manexo, persoas e protocolos, con confort e saúde para darlles unha boa vida aos animais. Ao final do día, as granxas que apostan polo benestar animal logran mellorar a lonxevidade nos animais e a rendibilidade económica.
“A vaca ten unha marcada necesidade de descansar unha media de 12 horas ao día e este comportamento ten prioridade sobre o consumo de materia seca””
-Unha das áreas de traballo nas que se especializou é o período de transición das vacas. Cales son os principais erros que, na súa opinión, adoitan cometerse no manexo do gando durante esta fase?
-Formular unha dieta correctamente ou administrar unha vacina é moi importante, pero non necesariamente soluciona os problemas de saúde ou baixa produtividade. Nestes últimos anos, a investigación aplicada sobre o comportamento das vacas en transición amosounos que as vacas teñen unha marcada necesidade de descansar, unha media de 12 horas por día, e isto ten prioridade sobre o consumo de materia seca. Hoxe sabemos que sen un descanso consistente por falta de confort (camas duras ou molladas, sobrecarga dos currais, estrés calórico, etc.) é moi difícil promover altos consumos de materia seca e produtividade, indistintamente de como formulemos a dieta. A vaca deitada ten aproximadamente un 30% máis de fluxo sanguíneo na glándula mamaria comparado con cando está parada. A vaca come parada e déitase co rumen cheo, e isto explica o aumento en produción de leite cun mellor confort.
-Están concienciados os gandeiros de leite de EEUU coa produción libre de antibióticos?
-É importante aclarar que o leite que chega ao consumidor é libre de antibióticos ou os seus residuos. As plantas procesadoras monitorean frecuentemente a presenza de antibióticos en leite e a nivel das granxas os produtores leiteiros seguen os protocolos establecidos polos seus veterinarios para evitar a introdución de residuos na cadea alimentaria, tanto de leite como de carne. Na década de 1990 comezou un marcado crecemento do leite ecolóxico, regulada polo National Organic Program do USDA e onde o uso de antibióticos non está permitido. A partir do 1 de xaneiro do 2017 tivemos cambios significativos a través da axencia federal Food and Drug Administration onde se regulou o uso de antibióticos en animais de granxa incluíndo abellas e peixes. Hoxe tamén temos granxas convencionais onde producen leite, pero sen o uso de antibióticos en vacas lactando.
-Que pautas seguen para lograr reducir os antibióticos?
-Basicamente implementando un sistema de traballo cunha forte énfase en prevención e mellora continua. Traballamos en integrar as instalacións cun programa eficiente de manexo (recría, vacas en transición e calidade de forraxes) e capacitación do recurso humano para optimizar consumo de materia seca, previr enfermidades e optimizar produtividade mellorando o benestar animal.
“Un programa de recría eficiente proporciona 5 litros máis de leite ao día e case 5 puntos porcentuais máis de taxa de preñez”
-En materia de prevención, cales son baixo o seu criterio os aspectos nos que máis deben incidir os gandeiros coas vacas en produción?
-Hai cinco áreas que son fundamentais para poder previr enfermidades e lograr procesos máis eficaces:
1) Instalacións: Principalmente deseñadas con conceptos modernos para promover unha interacción positiva entre os animais, as instalacións, a dieta, as persoas e o ambiente porque isto determina o confort. O confort marca o consumo de materia seca, saúde e produtividade. É moi difícil lograr consumos de materia seca sen ter confort nos animais indistintamente como este formulada a dieta. Mellorar o confort con instalacións amigables para os animais e o persoal tendo en conta os procesos.
2) Programa de recría: Deseñar un programa simple pero eficiente para lograr crecemento constante de ganancia de peso vivo maior ou igual a 0,9 quilos por día nas xovencs de remprazo entre o nacemento e o parto. As tenreiras, principalmente os primeiros 60 días de vida, necesitan gañar máis de 0,5 quilos ao día para que funcione o seu sistema inmunitario. Por exemplo, as tenreiras que nos seus primeiros 60 días de vida tiveron unha ganancia de peso vivo maior ou igual a 0,9 quilos ao día producen 2.000 litros máis de leite por lactación comparado coas que medraron a unha taxa de menos de 0,5 quilos por día. Hoxe a tecnoloxía xenómica permítenos seleccionar animais (touros e xovencas) con mellor saúde (mastite, metrite, pneumonía) sen que se resinta a produción de leite ou sólidos. Un programa de recría eficiente proporciona 5 litros máis de leite ao día e case 5 puntos porcentuais máis de taxa de preñez.
3) Programa de transición: Deseñar un programa simple pero efectivo para optimizar o confort e consumo de materia seca, e así evitar enfermidades metabólicas (hipocalcemia e cetose). Programa de vacinación que se axuste ás necesidades de cada granxa. Mellorando o confort logramos mellores consumos de materia seca, menos enfermidades metabólicas na lactación temperá cunha mellora significativa en produción de leite e reprodución. Isto ten un efecto positivo sobre lonxevidade e rendibilidade do negocio leiteiro.
4) Programa para producir forraxes de calidade: Isto é moi importante para dar consistencia ao sistema de produción leiteira no tempo. Sen forraxes de calidade é moi difícil ofrecer unha alimentación balanceada, a cal afecta á saúde (cetose, DA), produción de leite e reprodución. O sistema inmunitario dos animais non funciona adecuadamente sen unha dieta balanceada e que estea ao alcance dos animais, indistintamente de que tipo de vacina usen.
5) Capacitación do persoal: Un programa de capacitación que sexa consistente cos protocolos establecidos e as instalacións. Implementar un sistema de traballo con forte énfase en prevención e mellora continua. A falta de empregados ou profesionais en agricultura é unha tendencia global. Necesitamos formar líderes e capacitar o recurso humano existente con ferramentas e conceptos modernos. Traballo en equipo, liderado e comunicación son esenciais en sistemas modernos de produción. Crear unha cultura no ambiente de traballo que fomente unha interacción positiva entre os animais e as persoas integrada con benestar animal e sustentabilidade.
-Como están a abordar o secado?
-Nas granxas ecolóxicas non está permitido o uso de antibiótico ao secado. En granxas convencionais hai tres opcións: o secado tradicional con antibióticos, a terapia selectiva sen antibiótico en vacas de baixo risco (tendo en conta o reconto de células somáticas e os casos de mastite clínicas) e ofrecer unha dieta baixa en enerxía unha semana antes do secado: a dieta das vacas secas. En granxas con vacas en alta produción ao momento do secado, é dicir cuns 25 litros por día, fórmase un grupo de vacas semanalmente e son alimentadas coa dieta das vacas secas durante unha semana antes do secado seguindo a rutina de muxido diario. A produción de leite baixa aproximadamente o 60% e isto diminúe substancialmente o risco de contraer infeccións intramamarias ao secado. A perda de leite esta compensada por unha mellor calidade de leite na seguinte lactación e as bonificacións recibidas por calidade.
“Hai unha tendencia a incorporar tecnoloxías de precisión na granxa sen comprometer o impacto ambiental e prácticas de manexo rexenerativas”
-Outra das preocupacións actuais no sector gandeiro europeo é a xestión de residuos e a redución de emisións, que tratamento dos xurros realizan as granxas norteamericanas? É un problema na actualidade? É unha prioridade a redución do impacto ambiental nas macrogranxas?
-O manexo dos residuos (materia fecal do gando) e a auga é unha prioridade absoluta nas granxas leiteiras. Hai varios sistemas para o tratamento de xurros desde sistemas de biodixestores, compostado, separador de sólidos con almacenamento de materia fecal líquida (piletas ou lagoas con procesado anaeróbico e aeróbico). Hoxe vemos empresas agropecuarias medindo o impacto ambiental dos seus procesos de produción e mellorando a utilización dos recursos naturais (nutrientes do solo, auga e enerxía). Hai unha marcada tendencia a incorporar tecnoloxías de precisión sen comprometer o impacto ambiental e prácticas de manexo rexenerativas (biodixestores, paneis solares, reciclar auga ou nutrientes, uso de cultivos de cobertura sen herbicidas, etc.) no sector agropecuario en xeral e en granxas leiteiras en particular.
-Como ve o futuro do sector leiteiro estadounidense?
-Necesitamos mirar ao medio prazo. Nos próximos 10 anos, seguindo a tendencia de consolidación actual, é moi probable que teñamos a mesma cantidade de vacas leiteiras (aproximadamente 9,3 millóns) pero en 11.200 granxas, eficientes en termos de producir sólidos (principalmente proteína) e sustentables, con énfase en tecnoloxías rexenerativas. Hoxe vemos sistemas de produción de alimentos completamente integrados cunha cadea de provedores establecidas, involucrándose activamente coa comunidade local, medindo o impacto ambiental e cunha loxística que vai do campo á mesa do consumidor. As innovacións poderíaas resumir en catro áreas:
1) Deseño de instalacións modernas para optimizar procesos tendo en conta o medio ambiente, facer máis eficientes os recursos dispoñibles para obter forraxes de calidade e mellorar o confort dos animais e as persoas. Isto ten un impacto positivo en benestar animal e produtividade. Hoxe temos o coñecemento para poder integrar estes conceptos con automatización de procesos e xeración de enerxía alternativa en distintos sistemas (pastoril, lote seco, cortellos libres ou compost).
2) Automatizacións de procesos para facer máis eficientes os recursos, telecomunicacións audiovisuais en tempo real, e crear unha rede de traballo integrada para dar soporte ao recurso humano responsable de executar tarefas no día a día. Hoxe podemos conectarnos a través de smart-glasses (lentes intelixentes equipados con cámaras e micrófonos) a miles de quilómetros de distancia e poder resolver en tempo real un problema puntual. Esta tecnoloxía revoluciona a forma de aprendizaxe e trae oportunidades a comunidades rurais. Tamén existen, en desenvolvemento, impresoras 3D para imprimir no lugar de traballo as partes ou repostos dos equipos ou implementos necesarios para producir alimentos.
3) Tecnoloxía xenómica ten un potencial enorme para dar respostas concretas na selección de animais adaptados ás necesidades de cada rexión ou país (produtividade, saúde, reprodución, lonxevidade, etc.) con impacto medible en sustentabilidad.
“Hoxe necesitamos programadores para integrar datos, visualizar a complexidade dos sistemas de produción e mellorar a toma de decisións na granxa”
4) Formar profesionais e líderes comprometidos tendo en conta as novas demandas. Este proceso necesita que nós, os responsables de formar profesionais e capacitar empregados, debemos identificar estas necesidades para poder transformalas en oportunidades e axustar prioridades educativas. Todo cambio é doloroso, pero é necesario para contribuír de forma proactiva ás demandas a medio e longo prazo dun país. Ademais de veterinarios, nutricionistas ou enxeñeiro agrónomos, hoxe necesitamos programadores de aplicacións dixitais para integrar datos, visualizar a complexidade dos sistemas de produción e mellorar a toma de decisións ou para dar transparencia aos procesos. Necesitamos comunicadores ou ‘influencers’ no agro para conectarnos coas novas xeracións de consumidores e poder contar a historia e feitos de forma transparente.