Afirma que as vacas cruzadas son máis rendibles nas explotacións que as frisonas puras e aporta datos para demostralo. Leslie Hansen é profesor na Universidade de Minnesota e durante os últimos 10 anos estivo comparando en granxas estadounidenses os custos e beneficios aportados polos distintos animais en sete rabaños comerciais diferentes.
O estudo foi presentado o verán pasado tras ter analizado unhas 5.000 vacas, a metade holstein puras e a outra metade cruzamentos con outras razas, como a montbeliard ou a roja sueca, un sistema de cruces trihibrido coñecido como Procross.
Trátase de producir o vigor híbrido ou heteroxis mediante o cruzamento entre distintas razas puras
A investigación levada a cabo, na que ademáis de Les Hansen participaron os profesores Amy Hazel e Bradley Heins, trataba de atopar datos concluíntes para unha evidencia científica xa demostrada noutras especies tanto de animais como de plantas: ao cruzar razas puras diferentes da mesma especie lógrase un efecto positivo chamado vigor híbrido ou heteroxis.
Esta técnica de mellora produtiva xa se usou, ademais de en vexetais, noutras especies animais (aves, porcos, cabalos e bovinos de carne) e desde fai máis dunha década estase aplicando tamén a vacas de leite, onde os efectos positivos do vigor híbrido acaban notándose na produción de sólidos e na produción vitalicia das vacas, pero tamén na saúde e na reprodución, conclúe o estudo levado a cabo pola Universidade de Minnesota.
Niveis de consanguinidade que superan o 8% en EEUU
A mellora na raza frisona camiñou nas últimas décadas da man da selección xenética, mediante a escolla dos animais máis produtivos, familias de touros e vacas de EEUU ou Canadá cuxo seme foi implantado en explotacións de todo o mundo.
Iso fixo que os niveis de consanguinidade na raza holstein foran aumentando de xeito exponencial desde os anos 80 até a actualidade, pasando nos EEUU do 2% en 1980 a porcentaxes superiores ao 8% na actualidade.
“En EEUU levamos décadas cruzando os mellores animais consigo mesmos, levamos 50 anos cruzando basicamente os xens de tres touros. Hoxe temos uns índices de consanguineidade nas vacas hosltein do 8%. Iso é moitísimo, se temos en conta que se cruzamos unha nai co seu fillo a consanguinidade sería do 25%”, explica.
A partir do 6,25% é como se cruzaramos primos irmáns. O nivel de endogamia nas vacas estadounidenses é insostible e continúa aumentando a un ritmo anual do 0,4%
En Europa a taxa de consanguinidade é menor que en EEUU e até o 6,25% non é un problema (sería o equivalente á endogamia entre primos irmáns), a partír de aí é cando se empeza a notar, explica. “Comeza a notarse con pérdidas embrionarias e mortinatalidade”, asegura Les.
“A consanguinidade da raza holstein é un limitante que fai que sexa difícil seguir mellorando o seu potencial de produción, porque a partir do 6,25% é como se cruzaramos primos irmáns e por enriba do 12% sería cruzar medio irmáns. O nivel de endogamia nas vacas estadounidenses é insostible e continúa aumentando a un ritmo anual do 0,4%”, explica o profesor Hansen.
Efectos non visibles
“Isto dá lugar á depresión endogámica, que é o efecto oposto ao vigor híbrido, un fenómeno que rouba silenciosamente os beneficios aos produtores de leite, especialmente en rasgos que non se perciben a primeira vista, como a pérdida do feto, a resistencia ante as enfermidades ou a propia supervivencia da vaca”, defende Les.
“A consanguinidade non ten moita incidencia no aspecto produtivo en si, pero si en aspectos de saúde e fertilidade, o que evidentemente acaba afectando á produción e xerando custos económicos e perda de ingresos”, asegura.
Os cruzamentos eliminan os problemas da consanguinidade porque ao cruzar cancélanse os xens recesivos e prodúcese o vigor híbrido
“Os primeiros efectos visibles da consanguinidade son a mortinatalidade embrionaria, embrións con pequenos defectos ou mutacións xenéticas que non sobreviven e que se reabsorven aos poucos días. A segunda consecuencia é a mortinatalidade de tenreiros, o becerro ou becerra nace morto ou morre nos primeiros días porque non aguanta. En terceiro lugar, tamén a causa da consanguinidade, estamos vendo tenreiras infértiles, que non veñen ao celo e, finalmente, como unha cuarta consecuencia estaría que os xens regresivos e aplotipos, que son infinitos e sempre van saír, acaban multiplicando os problemas postparto na gandaría”, resume.
Esa é para el a principal vantaxe de cruzar con outras razas bovinas ás vacas holstein. “O vigor híbrido prodúcese porque ao cruzar cancélanse os xens recesivos, é dicir, os cruzamentos eliminan os problemas de consanguinidade”, asegura.
Exemplos do vigor híbrido noutras especies
Pero, se os cruces entre razas leiteiras producen todos eses efectos positivos, por que non todas as gandarías os están a aproveitar cando esas vantaxes levan décadas sendo aproveitadas noutras producións, como por exemplo no millo híbrido ou en sectores como o ovino ou o porcino? Les Hansen atopa unha resposta sinxela: “a agricultura é moi tradicional e conservadora, aos gandeiros cústalles facer cambios e o sistema Procross de cruzamentos é algo aínda moi novo tanto en EEUU como en Europa”, afirma.
A agricultura é moi tradicional e conservadora, aos gandeiros cústalles facer cambios
O sistema de cruzamentos rotacional en vacas leiteiras naceu nos EEUU no 2001. As primeiras probas leváronse a cabo en macrogranxas de máis de 1.000 vacas en intensivo de California, pero non foi até 2014 cando se creou Procross como empresa, consecuencia da unión de dúas cooperativas europeas: Viking Genetics, que engloba a máis de 20.000 gandeiros nórdicos, e Coopex Montbeliarde de Francia.
“Hai que espertar á xente. Podemos mellorar as razas puras pero os cruces sempre aportan un plus a esas razas puras. E canto mellores sexan as razas puras que cruzamos mellores serán os cruces que obteremos. Por iso temos que aproveitar o progreso xenético logrado en cada raza, usando os mellores touros holstein, montbeliarde e rojo sueco”, afirma Les.
Por que se escolleron esas tres razas?
O profesor norteamericano di que porque se complementan moi ben: “a holstein aporta alta produción e ubre, a montbeliarde fertilidade e condición corporal e a roja sueca saúde, patas e cascos e facilidade de parto”.
Ademais, explica, “usar as tres razas permite manter o vigor híbrido a un nivel máis alto durante máis tempo porque utilizando só dúas razas en vez de tres nos cruzamentos o nivel de heterosis baixa do 86% ao 67%”.
O programa de cruzamento rotacional naceu en macrogranxas intensivas de California no ano 2001 e na actualidade xa se aplica en gandarías tanto dos EEUU como de Europa
A motbeliarde é unha raza antiga da montaña especial para a produción de queixos da que existe unha cabana dun millón e medio de exemplares. Viking Red é en si mesmo un amalgama dos programas de selección xenética das razas roja sueca, ayrshire finlandesa e roja danesa do que existen xa 300.000 animais.
A presión da industria de seme internacional
Pero o feito de que os animais resultantes non sexan homoxéneos, como ocorre nas razas puras, choca na percepción inicial dos gandeiros, acostumados a ver até agora nas súas granxas como as súas vacas eran case todas iguais.
Hoxe a presión das empresas de xenética fai que miren máis pola súa supervivencia que pola supervivencia da raza
Les Hansen recoñece que como xenetista tivo que sufrir as presións da industria de seme americana e asegura non ter prexuizo algún en relación á raza frisona. “Eu nacín nunha granxa con vacas hosltein, meu pai veu de Dinamarca e todos os meus ancestros veñen de gandarías en Dinamarca e Noruega”, explica.
Pero engadiu que na actualidade “a raza holstein é como unha monocultura para a produción leiteira en todo o mundo”. “Hoxe a presión das empresas de xenética fai que miren máis pola súa supervivencia que pola supervivencia da raza”, conclúe o profesor norteamericano.
“As vacas cruzadas dan ganancias ao longo da súa vida un terzo maiores que as holstein puras”
Leslie Hansen comezou a seguir e monitorizar a eses primeiros gandeiros de California que comezaron a usar Procross. “Eses gandeiros querían un control técnico e chamáronme para facer comparación cos dous rabaños, hosltein e cruzadas. Querían respostas claras e científicas”, explica.
O exemplo daqueles gandeiros de California que comezaron a cruzar o seu gando no ano 2001 foi seguido por granxeiros de Minnesota no 2007. “Os 7 establos de Minnesota que comezaron querían reducir o seu número de vacas enfermas, era o seu principal obxectivo”, explica o profesor da universidade local, que lles axudou a implantar o sistema.
O estudo analizou durante 10 anos o beneficio por vaca, sumando os ingresos por produción, venda de becerros e desvelle e descontados os custos de alimentación, tratamentos e reprodución
“Todos se comprometeron a manter un 40% de vacas holstein puras nos seus rabaños para poder facer comparación de resultados durante 10 anos”, conta. Eran todos establos de alto nivel, con máis de 14.000 litros de produción media por vaca. “Estamos falando de granxas ben manexadas, que obteñen bos datos nas holstein puras tamén”, aclara o autor do estudo.
O traballo analizou durante un periodo de 10 anos o beneficio por vaca (rendibilidade vitalicia), sumado producción vitalicia (tanto de litros de leite como de sólidos), venda de tenreiros e valor de desvelle e descontados todos os custos (alimentación, tratamentos, inseminación, etc) cun prezo de venda de leite de 38 céntimos por litro e cun custo de alimentación de 23 céntimos por quilo de materia seca.
As vacas cruzadas obtiveron unha rendibilidade vitalicia un terzo maior que as frisonas puras
“O resultado foi que as vacas Procross son máis rendibles porque producen durante máis tempo e custa menos mantelas no establo”, resume Les Hansen. As trihibridas mantéñense producindo no establo de media 147 días máis que as frisonas, que están un promedio de 886 días dando leite. As vacas holstein puras tiveron unha rendibilidade vitalicia de 2.842 dólares por vaca, mentres que as cruzadas supuxeron unha rendibilidade por vaca un 33% maior (920 dólares máis por vaca).
A mellora da rendibilidade que proporciona o vigor híbrido é dun 13% no primeiro cruzamento e dun 9% no segundo
Trasladado a ingresos diarios, as conclusións deste estudo, o maior realizado até o de agora comparando vacas cruzadas con frisonas puras, son que os animais híbridos froito do cruzamento de dúas razas (Montbeliarde x Holstein ou Rojo Sueco x Holstein) proporcionan ganancias que se sitúan de promedio un 13% por enriba das obtidas cunha vaca holstein pura. Cando o cruce é das tres razas os beneficios son un 9% máis que no caso das fisonas cen por cen.
Morfoloxía contraproducente nas holstein
“O sector leiteiro de raza holstein tivo un enorme éxito na selección en base á produción nos últimos 40 anos, pero tamén se seleccionou enfatizando un maior tamaño e un corpo máis anguloso, pero eses son rasgos que posúen un antagonismo xenético con aspectos como a fertilidade, a saúde e a supervivencia polo que a raza holstein tamén sufriu un rápido deterioro neses rasgos funcionais”, considera Les Hansen.
Queriamos vacas de pasarela e iso hoxe sabemos que é contraproducente con saúde e con lonxevidade e na maioría dos establos os cubículos quedaron pequenos. Foi un erro seleccionar vacas máis altas e angulosas, que requiren máis comida para manter a súa condición corporal
“Queriamos vacas máis altas, vacas de pasarela, e iso hoxe sabemos que é contraproducente con saúde e con lonxevidade. Cada vez as vacas frisonas son máis altas pola evolución xenética das últimas décadas e na maioría dos establos os cubículos quedaron pequenos. Agora sabemos que foi un erro seleccionar vacas máis altas e angulosas. As vacas máis altas requiren máis alimentación para manter a condición corporal, o rumen non está proporcionado e por iso as grandes vacas holstein teñen problemas de desprazamento de abomaso. O problema é reverter esa selección, porque levamos décadas escollendo vacas máis altas e estilizadas e hoxe non é doado atopar touros baixos bos”, argumenta.
Do mesmo xeito que o menor tamaño corporal das vacas cruzadas ten vantaxes respecto das frisonas, tamén as ten a configuración morfolóxica do ubre nas vacas Procross, sobre todo de cara á robotización dos procesos de muxido. “A distancia entre pezóns traseiros, moi habitual nas frisonas, é un problema para os robots, o mesmo que os pezóns moi curtos, que son unha incomodidade para muxir en sala pero un auténtico pesadelo para os robots. No caso das vacas cruzadas, os tetos son máis longos”, evidencia.
Requerimentos de alimentación inferiores
O gando cruzado, afirma, é máis doado de manexar porque enferma menos e dá menos problemas e costa menos de manter para o mesmo nivel de rendemento. “A conversión alimentaria é mellor nas procross. Precisan un 4,8% menos de inxesta de materia seca na primeira lactación e un 6,5% na segunda e terceira lactación que as holstein puras”, asegura Les Hansen. Estas menores necesidades de alimentación danse tanto durante a lactación como no periodo seco.
Na actualidade o profesor norteamericano está comparando o comportamento das vacas híbridas fronte ás frisonas puras cando reciben unha ración baixa en almidón e alta en fibra. “A ración habitual ten un 46% de forraxe e a que estamos estudando ten un 59%. Con esta dieta con menor presenza de concentrado e, polo tanto, cun menor custo en alimentación, producen máis graxa e máis proteína os animais cruzados”, indica.
Máis sólidos e máis produción vitalicia
Segundo as investigacións da Universidade de Minnesota, as vacas Procross producen un 8% máis de sólidos en leite que as holstein puras por quilo de inxesta de materia seca. A produción media anual das vacas cruzadas estudadas foi de 13.587 quilos con 512 quilos de graxa e 426 de proteína.
As vacas Procross duran de media 150 días máis producindo leite nos establos
Os niveis de graxa e proteína do leite das vacas Procross é maior, pero ao converter a produción de sólidos a índices de quilogramos diarios viuse que o gando cruzado producía un 1% máis no caso dos cruces de dúas razas e un 1% menos que as súas compañeiras de rabaño holstein puras no caso do cruce das tres razas, dado que a produción de litros de leite era lixeiramente menor nas vacas Procross trihíbridas.
Á cuarta lactación chegan o dobre de vacas cruzadas que de frisonas puras, pois só 2 de cada 10 frisonas chegan a parir catro veces fronte a 4 de cada 10 cruzadas
Pero a diferenza sustancial está na produción vitalicia total, tanto de leite como de graxa e proteína. Só a metade das holstein chegan ao 3º parto e só unha de cada cinco chegan a parir 4 veces. Nas cruzadas o 60% chegan ao terceiro parto e dúas de cada cinco ao cuarto. O nivel de supervivencia do gando híbrido ao cuarto parto dobra, pois, o do frisón puro, xa que mentres nas sete granxas estudadas tan só o 22% das vacas holstein seguían producindo leite ao cuarto parto, a porcentaxe de cruces que seguían dando leite era do 41%, o que repercute nunha menor taxa de reposición e, polo tanto, en menor necesidade de recría. Os becerros pintos de cruce teñen ademais maior valor comercial (nos EEUU valen 30 dólares máis que os frisóns pintos), igual que as vacas cruzadas de desvelle (deixan 150 dólares máis que as holstein ao mandalas a matadoiro).
Menores custos sanitarios e reprodutivos
Sen embargo, a diferenza máis importante entre os dous rabaños, o frisón puro e o cruzado, deuse tanto nos custos sanitarios coma nos reprodutivos. As vacas cruzadas enfermaron moito menos nas granxas estadounidenses analizadas nos 10 anos de estudo que as súas compañeiras holstein puras, ao sufrir menos casos de mamite e menos problemas metabólicos.
O gasto en veterinario e tratamentos é un 23% menor nas vacas Procross con respecto ás holstein puras
Les Hansen detallou os custos dos tratamentos de saúde obtidos en base aos datos reais, sacados das facturas en veterinarios e medicamentos dos distintos establos. Así, dixo, a saúde dunha vaca holstein custa 43 dólares en primeiro parto, 68 en segundo e 92 en terceiro parto. Eses gastos redúcense en 20 dólares no caso das cruzadas en cada lactación, indicou. Detallou tamén que o gasto en tratamento de mamites é de 12 dólares nunha holstein en primeiro parto fronte a 10 das vacas Procross, 17 fronte a 13 no segundo parto e 23 fronte a 18 no terceiro. No caso dos problemas metabólicos, o custo de tratamento na terceira lactación redúcese á metade no gando cruzado.
A taxa de concepción á primeira inseminación é un 8% maior nas vacas cruzadas, polo que pasan menos días abertos entre lactación e lactación
Ese menor custo tamén se nota a nivel reprodutivo. “As frisonas puras van perdendo fertilidade. No primeiro parto o 62% dos animais logra parir antes dos 14 meses pero na segunda lactación o número de vacas que paren antes dos 14 meses redúcese ao 46% e na terceira ao 41%. Nas cruzadas a porcentaxe das que paren antes dos 14 meses na primeira lactación é do 69% e baixa só até o 63% na terceira”, detallou.
Só o 37% das xovencas frisonas puras empreña na primeira inseminación, unha porcentaxe que no caso das xatas cruzadas supera o 50%, unha tendencia que se mantén tamén nos seguintes partos. “O número de doses necesarias para que a vaca empreñe redúcese das 2,4 nas holstein a 1,9 nas cruzadas e a mortinatalidade (morte dos becerros nas primeiras 48 horas de vida) diminúe do 9% nas frisonas puras ao 1% das fillas das trihibridas”, explica Les Hansen, que engade que “no ano 2010 nos EEUU as vacas holstein superaban os dous meses en días abertos, unha cifra que os gandeiros mediante a mellora xenética lograron reducir en 2015 a 57 días”, pero que nas vacas Procross se reduce de xeito moi considerable, pois están de media dúas semanas menos abertas.