A horta urbana de 20 metros cadrados que é seguida por 1 millón de persoas

Cé Rodríguez logrou un alto impacto en redes sociais contando como é a súa rutina diaria de coidado da horta que leva na parroquia viguesa de Bembrive

Vivir en zona urbana ou contar con pouco espazo arredor dunha vivenda non impide comer produtos cultivados e colleitados por un mesmo. Con este obxectivo, o emprendedor Cé Rodríguez empezou a contar a través das redes sociais como coidaba e que cultivaba no seu espazo de 20 metros.

A súa vida laboral estaba, e segue, vinculada ao mundo administrativo, pero a posibilidade de residir nunha vivenda familiar na parroquia viguesa de Bembrive levouno a aventurarse no mundo da horta e a contalo en redes. No momento de independizarse, ademais de cambiar o urbano polo rural, “atopeime cun pequeno espazo de horta no que había uns tomates cherris descoidados”. A partir dese momento, empezou a súa indagación por coñecer como coidar uns tomates.

No primeiro ano, aló polo 2014, sacou a súa primeira foto cos tomates na man, que subiu ao perfil privado de Facebook. Logo, empezou a publicar como traballaba eses tomates con humus de verme puro. Pouco despois, xa deu o paso a Instagram, “unha rede moi branca e positiva” e na que comezou a facer directos xa con máis cultivos.

“Un día, traballando a semente das cebolas, dinme de conta que me encantaba iso de contar todo o que sabía e foi cando no 2018 empecei a crear vídeos para YouTube, en concreto para o perfil “en20metros Huerto Urbano”, nos que podía contar máis amplamente como traballaba”.

Ademais de traballar a súa horta, tamén axuda nunha finca da súa nai, onde dispón de froiteiras e outros cultivos

O que empezou como unha “biblioteca” para el mesmo, chegou a un volume de seguidores considerable: 876.000 en YouTube e máis de 129.000 en Instagram. Todo isto foi impulsado pola pandemia: “Foi un período no que as catro paredes da casa incitaban ás persoas a buscar aprender novas cousas e unha delas foi como aproveitar eses pequenos espazos para cultivar”. Tamén o feito de que medios de comunicación, incluídos programas de televisión, se interesasen polo proxecto que estaba creando fixeron que se incrementase a súa repercusión.

Produtos de tempada
Nun espazo tan reducido parece imposible obter unha gran variedade de produtos, pero observando os vídeos de “en20metros Huerto Urbano” xa se desmonta este “mito”. A súa horta adáptase aos produtos de tempada, é dicir, nos meses de inverno colleita repolos, acelgas e mesmo planta cebola ou allos, xa na primavera, traballa os tomates, pementos e mesmo chiles picantes. “En pouco espazo fago un puzzle para que me entre todo o que quero, conxuntamente con plantas aromáticas e outras de flor, xa que me encanta que haxa cor”, destaca este emprendedor.

Non suficiente coa súa horta e co obxectivo de diversificar neste sentido, tamén colabora nunha finca que ten súa nai a 500 metros. “É moi diferente á miña, alí danse cultivos que na miña non, como a berenxena”, subliña. Neste espazo, conta con froiteiras cítricas como limoeiros e laranxeiras, e está valorando plantar aguacates “da variedade local”. En canto aos cítricos, nos seus vídeos aborda o problema “da psila africana e de diferentes pragas que son de importancia”.

Cé aprende a base de ensaio-erro, polo que adquire técnicas que lle funcionan e descarta aquelas que non lle van ben

Un proceso de aprendizaxe continua
Pasar dos “fins de semana na casa da avoa” a coidar e xestionar un pequeno anaco de terra está a ser unha experiencia de “ensaio-erro”. Cé lanzouse a aventura buscando primeiro información sobre como xestionar os tomates e así seguiu progresando. Neste proceso, “tamén escoito moito a miña nai, que leva cultivando toda a vida”. De feito, de maneira conxunta van mellorando técnicas: “Ela emprega sulfato de cobre e eu non, pero compatibilizamos, é dicir, uns anos bótao e noutros probamos novos produtos”.

Este pequeno produtor destaca que cada pouco aprende algo novo e describe, por exemplo, “cando che morre un tomate acabas aprendendo algo das enfermidades de tomates porque buscas e indagas un pouco. Quizais non chegues a saber se no teu caso podreceu porque a praga lle afectou á raíz ou á folla, pero seguro que xa sabes algo novo”. En conclusión, destaca que cada un aprende dos seus propios erros, adquirindo novas técnicas que lle funcionan e descartando aquelas que non lle van ben.

Tomates recollidos na súa horta durante a colleita do pasado ano. Imaxe das súas redes sociais

Tomates recollidos na súa horta durante a colleita do pasado ano. Imaxe das súas redes sociais

O mesmo sucede co contido que xera, posto que lembra que empezou a gravar “cun móbil que caera na auga”, pero xa cando decidiu dar un paso máis aló, pediu un préstamo e inverteu nunha cámara para ofrecer unha maior calidade aos seus seguidores. “De primeiras traballaba todo en automático, agora xa mellorei nos planos e nos enfoques”.

Como escoller unha marca nas redes
En todo este proceso, os seus perfís nas redes sociais comezaron a espertar o interese das marcas vinculadas coa temática, é dicir, dende entidades que venden ferramentas a empresas que fabrican humus ou abonos naturais. “Calquera empresa coa que traballe é porque me contactou, eu non tiven dotes comerciais e dáme máis seguridade que unha empresa me contacte a que sexa eu a que lle ofreza os meus servizos”, indica Cé.

Cé podería deixar de traballar na oficina, pero teme que o mundo dixital dea un xiro e xa non ofreza unha estabilidade económica

Con esa premisa, o propio creador de contido explícalles aos interesados como traballa con ese sistema e, cando non ten a seguridade ou descoñece o produto, pide testalo antes de facer calquera contido. “O que non quero para min, non o quero para os meus seguidores”, resalta.

Engade que hai un selo que lle ofrece seguridade, que é o ecolóxico. Explica que as marcas certificadas pasaron por arduos controis para obter as certificacións, por iso xa lle ofrece unha tranquilidade que dispoñan dese tipo de selos.

As redes pasaron a ser o seu “plan A”
Este proxecto de creador de contido comezou por ser un “plan B” na súa vida laboral, porén traspasou rapidamente a liña e actualmente xa o considera o seu “plan A”. Aínda que segue a traballar como administrativo, Cé indica que actualmente a rendibilidade económica que obtén das creacións audiovisuais é o suficientemente alta como para poder ser un modo de vida.

“Podería deixar de traballar na oficina, pero está o medo a que o mundo dixital dea un xiro e xa non ofreza unha estabilidade económica, por iso non solto o que agora é o “plan B”. “Hai que estar preparado e diversificar, porque é moi importante”, recalca.

Proxectos de futuro
De cara o futuro, ademais de seguir ofrecendo contido visual e atractivo, ten algún que outro obxectivo. O primeiro, é empregar a finca da súa nai para ter unha horta con zonas delimitadas e que “me permita crear contidos visuais e atractivos”, mesmo incluír nese espazo un bosque de alimentos.

Por outra banda, e como lembrou durante a celebración do Foro Rural Sustentable, ten “unha espiña cravada”. Hai un tempo que unha editorial lle propuxo facer un libro, pero por circunstancias persoais, nese momento non o veu factible. “Porén, esa idea ronda na miña cabeza, pero precísase tempo e dedicación para sacar unha boa guía”, puntualiza.

Cé Rodríguez durante a súa intervención sobre Comunicación Rural, onde o gravamos, que estaba organizada polo Mercado da Cosecha

Cé Rodríguez durante a súa intervención na xornada sobre Comunicación Rural, organizada polo Mercado da Cosecha

A particularidade de traballar nunha zona urbana é tamén unha cuestión a ter en conta. Cé recalca que a presión urbanística da súa horta marca moito. “Se eu teño unha guía de cultivo de tomate, debo falar da plantación, do coidado e da colleita, pero aquí en Bembrive chega a festa, e estes 20 metros énchense de residuos e xa teño un problema. Por iso, contar co espazo da miña nai pode ser elemental para impulsar a guía ou libro”.

Dáme moita raiba a xente que ten unha parcela chea de silvas e que non a aproveita para cultivar os seus alimentos

Un reclamo para coidar as hortas
Cé laméntase de que o espírito da pandemia que espertou o interese das persoas en perfís e proxectos coma “en20metros Huerto Urbano”, na actualidade percibe que xa se perdeu. Detalla que está nunha zona “privilexiada” porque atópase a menos dunha hora camiñando do centro de Vigo e está rodeado de natureza. Porén, laméntase de que no seu entorno hai moitas parcelas descoidadas.

“Dáme moita rabia a xente que ten parcelas como a miña cheas de silvas, en lugar de aproveitalas para cultivar”, reclama. Engade que o seu contido diríxese, en parte, para esas persoas que teñen pouco espazo e que necesitan motivarse para facer unhas plantacións e comer os seus propios produtos.

  • Cé Rodríguez interviu recentemente nunha xornada sobre Comunicación Rural, onde o gravamos, que estaba organizada polo Mercado da Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información